lunes, 30 de diciembre de 2019

RifRocKerZ 2020


Logo da despedida do local baixamos moito a nosa presenza nas redes, e tamén a actividade neste blog, pero tal e como vos prometimos seguiremos co blog dos RifRocKerZ. 
A través del tentaremos recuperar moito do material audiovisual de tantos anos que aínda temos no baúl, pero tamén o empregaremos para continuar coas recomendacións de música, libros, concertos ou da actualidade cultural máis próxima, así como de calquera dos eventos nos que nos vaiamos involucrando. 
De primeiro, xa vos avisamos que estamos a preparar, como cada ano, as nosas listaxes cos mellores discos do 2019, coma sempre seleccionadas polos habituais da nosa cabina, e máis adiante iremos retomando o pulso da actualidade, e seguramente que con máis colaboradores que antes.
Seguide atentos! 
E feliz 2020 para todos!



Agasallos da despedida...

Máis material que segue a chegarnos da despedida.
Aquí unha instantánea analóxica de Los Hijos Bastardos de Peter Lorre durante a proba de son...
Regalazo de Jose Estévez / Otto Birseye



sábado, 21 de diciembre de 2019

A cabina no último fin de semana

Aquí tedes unhas capturas dos que se fixeron cargo da cabina durante o último fin de semana da nosa despedida... E debeixo un instante do show de Calambres aos mandos. Grazas amigos, tremendos!


domingo, 15 de diciembre de 2019

jueves, 12 de diciembre de 2019

Aniversario da Krazzy Kray!

A recomendación para este fin de semana é o Aniversario da Sala Krazzy Kray!! 
Todo un fin de semana de programa completo e con entrada de balde. A Jam do venres, a volta dos míticos The Homens o sábado, e a merendola cos Family Folks o domingo. Eu de vós non faltaría.
Toda a info aquí.


martes, 3 de diciembre de 2019

20 anos, e adeus!! GRAZAS!

GRAZAS!! O do sábado foi tremendo!
Unha despedida por todo o alto, como ben se merecía o Rif-Rock.
Dende o verán tiñamos claro que debiamos facer unha boa festa polo 20 aniversario, pero tamén estaba decidido que esa sería a noite de despedida do local. 
Por diferentes motivos foise adiando ata o sábado pasado, pero finalmente conseguimos o que queríamos: poder ver de novo á nosa banda favorita en directo logo de moitos anos, e reunir a uns cantos dos nosos mellores amigos facéndose cargo da cabina o resto da noite.
Ao final foron 20 anos e 5 meses, pero vaia se a espera pagou a pena. Reunimos unha vez máis a LOS HIJOS BASTARDOS DE PETER LORRE, non sabemos se por última vez (agardamos que non) pero o show que nos deixaron foi o máis especial da nosa vida. Estes catro son insuperables cada vez que se xuntan! Viva a familia Lorre!!
Pero todo o fin de semana foi moi especial, coa previa destroyer do venres, e tódolos que se pasaron pola cabina nestes últimos días. Irrepetible!
20 anos e 5 meses polos que lle debemos agradecementos eternos a tantos e tantos que o fixeron posible e aportaron o seu gran de area para que isto se mantivera vivo durante tanto tempo: traballando con nós, aportando ideas, músicos, creadores e amigos... nunca poderemos agradecerlles tanto ao longo de todos estes anos, que foron posibles por estar rodeados de moitísimo talento, con total liberdade de facer sempre o que nos petou, e sen facer nunca concesións ao que non nos apetecía.
20 anos e 5 meses deron para moitísimo, pero hoxe quedámonos co último fin de semana: con dous tipos que se meteron no corpo milleiros de km para chegar á nosa despedida, o que baixou en pixama asustado cando se enterou, o discurso de peche de H., ou o aquelarre de despedida de Kevi. 
O certo é que estamos sobrepasados por tantas mostras de cariño nestes días, e tardaremos en recuperarnos da festaza do sábado, así que xa iremos contestando a todos, e pouco a pouco compartindo o material que temos e o que nos fagades chegar.
Marchamos máis que satisfeitos por todos estes anos de Rif-Rock, e agradecidos a tódolos que formades parte desta enorme familia.
Seguiremos co blog, e coas redes unha tempada, para ir compartindo arquivos que temos no baúl, e seguro que moi cedo estaremos facendo máis cousas, pero xa de outro xeito, que ao fin e ao cabo facémonos maiores e nos reclaman para outras historias, pero xa sabedes que nunca paramos...
O último tema que soou no Rif, 'Heroes' de Bowie, por Toñín, e por todos.

Ata sempre amig@s!!

jueves, 28 de noviembre de 2019

LOS HIJOS BASTARDOS DE PETER LORRE no 20º Aniversario do Rif-Rock

Este ano non puidemos celebrar o noso 20 aniversario nas datas correspondentes, pero tiñamos claro a quenes queríamos en directo.
Foise demorando máis tempo do desexado, pero por fin chegou o día.
Este sábado, 30 de novembro, celebramos os 20 anos do Rif-Rock coa mellor banda das nosas vidas:
LOS HIJOS BASTARDOS DE PETER LORRE en directo!
Reunidos para a ocasión, que ben o merece, e ademáis para celebrar o lanzamento do seu EP "Out of my Mind" dez anos atrás da man de Freeky Dicky Records.
Unha oportunidade única de volver a velos.
E despois do seu show, teremos a tres grandes aos mandos da nosa cabina: o Sheriff Lorre, o noso gurú Calambres, e o eterno Ptooff! 
A mellor noite do ano, estades avisados...


martes, 26 de noviembre de 2019

Cream. Farewell Concert 1968

Hoxe deixámosvos un concerto completo dos míticos Cream, de hai 51 anos.
Este Farewell Concert, o seu Concerto de Despedida é un dos máis coñecidos do power trio que formaban Eric Clapton, Ginger Baker e Jack Bruce. 
Naquelas datas estaban ultimando as gravacións do que foi o seu último álbum, "Goodbye", lanzado en febreiro de 1969, pero unha vez anunciada a separación da banda nunca volveron a reunirse como Cream en directo.
Este foi o seu último show, o 26 de novembro do 68 no Royal Albert Hall de Londres.



domingo, 24 de noviembre de 2019

The Manueles "Surf Sumerio"

A semana pasada, os de Ulomanía Coop. anunciaban un dos próximos lanzamentos que teñen en marcha nesta recta final de ano.
Trátase do lp da banda de surf The Manueles, un dos moitos proxectos nos que anda metido o amigo Virxilio da Silva, desta vez acompañado por Chus Pazos á batería e Juansy Santomé ao baixo. 
Este 'Surf Sumerio' é o primeiro corte do lp de debut da banda.
Moi pronto xa dispoñible.


viernes, 22 de noviembre de 2019

Curtis Harding en Ferrol

Recomendación para a noite de mañan: Curtis Harding en Ferrol.
Unha das únicas cinco datas en España. Non temos nin idea de si aínda hai entradas dispoñibles, pero se podedes, non volo perdades!



30 Nov: Festa dos 20 anos do Rif-Rock!

Aínda tiñamos pendente a Festa dos 20 anos do Rif Rock!!
Ide apuntando o próximo sábado, 30 de novembro...
Xa vos contaremos máis.


viernes, 1 de noviembre de 2019

The New Mastersounds "Shake It"

Xa vos temo recomendado uns cantos traballos dos británicos The New Mastersounds, especialmente prolíficos nos últimos anos.
Logo das segunda entrega das "Nashville Sessions" e os "Renewable Energy" do ano pasado, o seu novo traballo chámase "Shake It", e coma sempre é outra elegante descarga de jazz, funk e rock.


Para esta ocasión contaron con Lamar Williams Jr como vocalista convidado, ademáis das colaboracións de Mike Olmos e Jason Mingledorff nos metais, e Jeff Franca (dos Thievery Corporation) na percusión.
A contribución de Williams aporta unha nova perspectiva ás composicións, ao tratarse do primeiro álbum vocal da banda en 20 anos de traxectoria, e iso nótase no dinamismo do álbum, moito máis variado que de costume.
Dende o positivismo de 'Shake it', a nostalxia de 'Let's go Back' e de 'Too Late to Worry' cos seus aires cinematográficos, ou a súa particular homenaxe a Aretha Franklin en 'Love they Deserve'. 
Por suposto, tamén aparece a cuota de pezas puramente instrumentais, coma 'Taking me down'  'Laying Low', 'Permission to Land' e 'On the UP'. Pero se queredes enerxía propoñemosvos poñer unha e outra vez 'Life Life Free', cun lucimento especial de teclados e metais. De despedida a doce 'Lovely Daze', un caremelo de soul jazz para deixarnos con gañas de máis ata a súa próxima entrega, que seguro que chegara moi cedo...

'Shake It' na web de WillWork4Funk.

THE NEW MASTERSOUNDS "Shake It"
(Color Red Records, 2019)




jueves, 31 de octubre de 2019

Broke Lord "Nazgul Says"

Máis recomendacións.
Hai un par de semanas que levamos dándolle voltas sen parar ao "Nazgul Says" dos pontevedreses Broke Lord. Un álbum de pop intenso e escuro cunha factura impecable, no que atoparedes dende temas directos coma 'Hole of a Soul' e máis clásicos coma 'New town', ata longas pasaxes de angustia coma 'Eve of all Churches Burning', ou a intensa 'Eveybody is Weak'.
A día de hoxe xa teñen o seu novo álbum listo, "I Am The Phantom Limb" (Madrugada Records / Orphan Records / AK-Athon Records, 2019), así que a ver se pronto nos facemos con el.
Pero o máis importante, é que esta mesma noite os teredes presentándoo en directo na Sala Krazzy Kray de Cambados, acompañados por Flip Corale, e de balde... non o perdades!.

BROKE LORD "Nazgul Says"
(Orphan Records, 2018)



miércoles, 30 de octubre de 2019

The Mystery Lights "Too Much Tension"

No 2016 os Mystery Lights deixáronnos fascinados co seu álbum de debut.
Os de NYC tardaron case tres anos para traernos a súa segunda entrega, e aínda que hai xa meses que lle levamos dando voltas, o certo é que costou pillarlle o punto máis aló de un par de temas. De primeira escoita pareceunos demasiado sinxelo, logo demasiado artificial, ou demasiado experimental... Co tempo foi gañando, e ainda que segue a parecernos inferior ao seu debut, "Too Much Tension" acabará sendo un dos discos do ano. Un traballo más variado, garage psicodélico con maior profundidade e versatilidade. Ao fin e ao cabo, sempre pedimos unha volta de torca máis para non estar sempre nas mesmas non?. 'I'm So Tired of Living in the City' e 'Can't Get through my head', ou xa na cara b a propia 'Too Much Tension' e 'It's alright' son dos temas que máis apareceron nas nosas sesións dos últimos meses, e ahí seguirán por moito tempo. 
E xa que estamos, esta semana os tedes de xira pola península, asi que se podedes aproveitade a velos en directo.

THE MYSTERY LIGHTS "Too Much Tension"
(Wick Records, 2019)



PJ Harvey 'Red Right Hand'

O próximo 15 de novembro lánzase a banda sonora con gran parte dos temas empregados na serie Peaky Blinders. Se a seguides xa sabedes por onde van os tiros. Unha das pezas máis interesantes é este cover que nos ofrecen de adianto, con PJ Harvey facendo o 'Red Right Hand' de Nick Cave da cabeceira de entrada.



martes, 29 de octubre de 2019

9 nov: Stoner

Máis datas para novembro.
O sábado 9, para non reflexionar demasiado, sesión Stoner, con Ptooff!, Escalenux e X-Falcon aos mandos do barullo...


2 Nov: Escalenux

Funtastic Dracula Carnival 2019

Xa que estamos con recomendacions, aquí vai unha que vos facemos cada ano por estas datas, aínda que coma sempre, cando avisamos, xa non quedan entradas. 
O Funtastic Dracula Carnival de Benidorm, que nesta XIV edición conta con Nick Waterhouse, Mystery Lights, Davilla 666 e os salvaxes Demolition Doll Rods como propostas máis salientables.



lunes, 28 de octubre de 2019

Outono Codax Festival 2019, cartel final

Hai un par de semanas comezaba unha nova edición do Outono Codax Festival, en Santiago, con un par de datas a mediados de outubro. O programa continúa ata ben entrado decembro, e xa temos o cartel definitivo, coas substitucións e incorporacións de última hora, e por suposto ampliación da venta de abonos.
Ademáis das citas xa previstas con Reverend Shawn Amos & The Brotherhood e Los Torontos o 9 de novembro, e Andrew Combs o 29 de novembro, para o mes de decembro confirman para o domingo 1 de decembro o show de Gisele Jackson & The Shu Shu's e os Fabulous Resaca Brothers, e unha última data máis, para o 11 de decembro cos franceses Automatic City.
Toda a info na web do Outono.


viernes, 25 de octubre de 2019

Mascada 'Piro'


Ao longo deste verán xa vos temos presentado a Mascada
Trátase do novo proxecto do amigo Gustavo Rey, cunha formación tan basica como sorprendente... baixo, batería e voces, e pedais, claro.
Logo de uns cantos concertos, chegou o momento de amosarnos o seu traballo no estudio. O primeiro dos temas que nos entregan é 'Piro'. 
Xa o tedes dispoñible no seu bandcamp
Non lles perdades a pista.


Alan Evans Trio (Ae3) "The Wild Root"

Mais recomendacións para esta semana.
Neste caso que tamén nos chega dende Will Work 4 Funk.
Hoxe achegámonos ao último traballo de Ae3, o trío de jazz soul funk do baterista Alan Evans, acompañado pola guitarra de Danny Mayer e o organista Kris Yunker, aínda que ao longo do álbum todos se alternan nos instrumentos e diferentes ocasións. Tres membros con carreiras máis que contrastadas en formacións coma Soulive, Eric Krasno Band ou Jen Durkin and the Business.

"The Wild Root" é o terceiro álbum deste proxecto, co que non presentaba novo material dende hai 5 anos ("Woodstock Sessións Vol.1", 2014), pero co que seguen a profundizar na intensidade do funk e soul dende as posibilidades dun formato de jazz, dende a rítmica do funk máis poderoso ou as pezas do soul máis doce.
O álbum ábrese dun xeito contundente, co rítmica da propia 'The Wild Root' seguida de 'Danny for Mayor', unha peza que se achega ao rock psicodélico dende o acid jazz. 'The Surveyor' e 'Ojo Kan' van facendo unha transición cara a parte máis soul e sentida do álbum, inspirados nas composicións do blaxploitation, ata a fermosa 'Nightside'.
Na cara B atopamos unha estructura semellante. Comeza coa enérxica 'Green Machine', con tódolos compoñentes acelerando tempos, e segue con 'Black Rider' único tema vocal do álbum, coa voz de Evans e as guitarras contundentes que o converten nunha peza de funk máis escuro e complexo. Con 'Regeneration' e 'Sanctuary' atopamos unha secuencia similar á cara anterior, avanzando cara unha rítmica moito máis amable, ao servicio das melodías, para rematar de xeito máis pausado, poñendo calma a un álbum que seguramente teredes a necesidade de volver a escoitar completo do tirón.

Ver na web de WillWork4Funk.

ALAN EVANS TRIO "The Wild Root"
(Vintage League Music, 2019)



miércoles, 23 de octubre de 2019

Momo Said "Break the Rules"

Unhas cantas recomendacións antes de rematar a semana.
Imos con algo máis exótico que nos chega dende WillWork4Funk.
Momo Said é un músico italo-marroquí, compositor e arranxista, que o pasado setembro lanzou o seu primeiro traballo en formato longo, tras varios traballos en pequeno formato nos últimos seis anos.

"Break the Rules" é un álbum que se nutre das influencias máis variadas da música negra, dende as sinxelas bases do rap da vella escola, o p-funk do universo Parliament-Funkadelic, ou o RnB máis comercial, e todo salpicado de matices étnicos, afrobeat, e sempre con boas melodías. O resultado é un disco de baile actual, pero cheo de referencias a diferentes momentos e lugares. 
A carta de presentación é potente, con 'Sunny Side of the Street', funk-disco festivo, con tódalas papeletas para converterse nun auténtico hit, e as liñas e baixo de 'Basement', co seu toque jazzy e o rapeado con xogos de voces dobradas. Seguen pezas máis amables coma 'In Many Cases', 'Revolution, No Confusion' ou o funk 'Hold On' e 'Post Scriptum', que nos levan directamente a diferentes momentos dos 70s, con algunhas estruturas marabillosas de afrobeat.
Temas coma 'Loverman', con certos aires a Curtis Mayfield, e as dúas partes de 'Dry River' poñen a dose de baladas, menos interesante, pero que de seguro lle funcionará bastante ben. E para rematar a propia 'Break the Rules', que nos devolve á rítmica máis contemporánea con inspiración no mellor funk dos primeiros 70s, e 'Way out', para poñer ao álbum cunha peza coral.
Un álbum riquísimo en matices, e todo un exercicio de encaixe de diversas influencias para obter un son actualizado.
Seguro que vos sorprende.

Ver na web de WillWork4Funk.

MOMO SAID "Break the Rules"
(Tam Tam Studio Recoordings, 2019) 



miércoles, 16 de octubre de 2019

martes, 15 de octubre de 2019

Outono Codax Festival 2019

Esta noite arranca unha nova edición do Outono Codax Festival en Compostela.
Unha chea de datas por diante, que comezan no Flamingo co directo de Helen & Shanna, e continuará este sábado cun programa ben cargado de charlas, sesión vermú e inauguración da exposición desta edición, todo en diferentes espazos da cidade, ata o show da noite na Sala Capitol, con Kim Lenz e The Rhum Runners en directo.
E por diante moitas máis datas de actividades, incluída a sesión do 1 de decembro, para a que xa confirmaron a Gisele Jackson & The Shu Shu's, e unha data máis anunciada pola organizaicón, aínda sorpresa.
Toda a info na web do Outono.


martes, 8 de octubre de 2019

Nick Cave & The Bad Seeds "Ghosteen"

Outro discazo que saiu o venres pasado foi a nova entrega de Nick Cave & The Bad Seeds. Un álbum que anunciou por sorpresa hai un par de semanas, e que polo momento so temos dispoñible en plataformas dixitais. A saída en formato físico será o próximo 8 de novembro.
"Ghosteen" é a continuación do "Skeleton Tree", fondamente marcado pola morte dun dos fillos de Cave, e que desta vez segue a funcionar coma ritual para espantar aos seus demos coa perspectiva que da o tempo, seguramente insuficiente.
Un traballo inmenso e intenso, 11 temas en case 80 minutos ao que adicaremos moitas escoitas nos próximos días.
Recomendado, coma sempre.

NICK CAVE & THE BAD SEEDS "Ghosteen"
(Bad Seed Ltd, 2019)



lunes, 7 de octubre de 2019

Bifannah "Danças Líquidas"

O venres pasado saía un dos discos aos que máis ganas lle temos.
"Danças Líquidas" é o segundo largo de Bifannah. En maio adiantáronnos o tema 'Capri', e a semana pasada foi o turno de 'Salgada'. 
Na promo indican que reducen a cuota de garage psicodélico para darlle máis peso ao tropicalismo, e o que escoitamos ata o de agora só nos deixa con gañas de máis.
Para esta entrega contaron coa incorporación de novos colaboradores durante a gravación no Estudio Brasil de Rivas: Dani Niño no saxofón (The Limboos, Freedonia), Frank Santiuste na trompeta e Hidelvis Cabrera aportando máis  percusións.
Esperamos facernos con el canto antes.
Xa o tedes dispoñible en cd e lp na web de The John Colby Sect.

BIFANNAH "Danças Líquidas"
(The John Colby Sect, 2019)



domingo, 6 de octubre de 2019

Ginger Baker

Peter Edward "Ginger" Baker
(1939-2019)
Cream / Blind Faith / Ginger Baker's Air Force / Hawkwind / etc...



jueves, 3 de octubre de 2019

miércoles, 2 de octubre de 2019

Monofest: Polonio & Robrodríguez

Unha recomendación moi especial para este mes.
O Monofest que organiza La Casa Taller, coa presentación ao mundo de dúas monobandas experimentais: Robodríguez e Polonio.
Apuntade a data: 
Sábado 19 de outubro dende as 20h. La Casa Taller de A Guarda.


martes, 1 de octubre de 2019

The Pretty Shirts 'Memories'

Novo clip dos Pretty Shirts. Trátase de 'Memories', incluído no seu último álbum "A Few Seconds" (Clifford Records, 2018).



lunes, 30 de septiembre de 2019

25 anos de Lixo Urbano no Diario Cultural

No Diario Cultural da Radio Galega, a semana pasada dedicaron a sección Viva a repasar a historia do mítico selo compostelán Lixo Urbano polo seu 25 aniversario.
Tedes o programa aquí (dende o min.4).

domingo, 29 de septiembre de 2019

'Shadowplay' (Unknown Pleasures: Reimagined)

Nova entrega da serie audiovisual Unknown Pleasures: Reimagined, un dos proxectos cos que este ano se conmemoran os 40 anos do lanzamento do mítico "Unknown Pleasures" de Joy Division. 
Dez dos máis representativos creadores audiovisuais dos nosos días reinterpretan en clave de videoclip cada un dos 10 temas do álbum. 
Aquí tedes o tema 'Shadowplay', reimaxinado por Vincent Moon.



jueves, 26 de septiembre de 2019

Thee Blind Crows "Live at Mardi Gras"

Esta mañá espertamos cun novo lanzamento dos Thee Blind Crows.
Trátase da gravación do primeiro concerto da xira de presentación do álbum "Death awaits us all" na Sala Mardi Gras da Coruña, co que ademáis de celebraban os seus dez anos en activo.
Xa tedes "Live at Mardi Gras" no seu bandcamp.

THEE BLIND CROWS "Live at Mardi Gras"
(Thee Blind Crows, 2019)



The Beatles "Abbey Road"

50 anos do "Abbey Road" dos Beatles. 
Foi o seu penúltimo álbum. E máis aló de 'Come Together' ou 'Here comes the sun', están as menos valoradas 'Octopus Garden' ou 'I Want You'.
Destaca polo medley da cara b, no que se enlazan oito temas a machada, entre as que está unha das nosas favoritas, 'Polythene Pam'.
Pero sen dúbida, pasou á historia para sempre pola súa portada, deseñada por John Kosh, sobre a icónica foto de Iain Macmillan, que deu para moito máis incluso que os temas do álbum.



miércoles, 25 de septiembre de 2019

The Celibate Rifles, Corner Hotel, Melbourne 2018

O pasado agosto falecía Damien Lovelock, o mítico frontman dos Celibate Rifles.
'O 19 de maio do 2018 a banda participou no 'Back to the Corner', un concerto no Hotel Corner de Melbourne xunto cos X e os Painters & Dockers. Foi o último show no que participou Lovelock, que arranca coa demoledora 'Buttland' e no que tamén atoparedes 'Killing Time' ou 'Electravision Mantra'. Afortunadamente quedou rexistrado para sempre. 
Aquí tedes o concerto completo na canle de Laneway Music.



lunes, 23 de septiembre de 2019

Pantano 'La cuerda'

A semana pasada, os amigos de Pantano, compartiron un novo tema que non  fora incluído no seu álbum "Beware". Chámase 'La Cuerda', e xa o tedes dispoñible no seu bandcamp, para escoitar e descargar ao voso gusto.




sábado, 21 de septiembre de 2019

Paul Simonon, por Penny Smith

Dende as redes do Ruta 66, hoxe nos lembran os 40 anos dunha das fotos máis míticas da historia do rock.
Paul Simonon reventando o seu baixo no escenario do Palladium de NYC o 21 de setembro de 1979. A foto é de Penny Smith. Logo sería eterna como portada do "London Calling".


miércoles, 18 de septiembre de 2019

The Who 'Ball and Chain'

Os Who están de volta. 
Daltrey e Townshend seguen con folgos, e hai un par de días subiron un novo tema como adianto do que será o seu próximo álbum. Levará por título sinxelamente "WHO", e con saída para o 22 de novembro.
Polo momento o que temos e este 'Ball and Chain'



domingo, 15 de septiembre de 2019

Ven.27: Black Grooves

Coa chegada de setembro imos recuperando as sesións habituais de cada mes.
O vernes 27, a entrega da serie Black Grooves...


jueves, 12 de septiembre de 2019

The Devil and Daniel Johnston

Co pasamento do xigante Daniel Johnston é o momento de recuperar o fermoso documental "The Devil and Daniel Johnston". Estreouse no 2005, co guión e dirección de Jeff Feuerzeig.
O realizador amosanos a fascinante e triste historia deste xenio empregando o propio material audiovisual que Johnston viña rexistrando ao longo da súa vida.
Unha xoia imprescindible dos últimos tempos.
O tedes completo e subtitulado aquí.



Daniel Johnston

Daniel Dale Johnston
(1961-2019)



miércoles, 11 de septiembre de 2019

Presentación do Outono Codax 2019

Esta mañán presentouse a nova edición do Outono Códax Festival.
Xa vos presentaremos o programa completo, pero polo momento aquí vos deixamos un adianto...




martes, 10 de septiembre de 2019

WOS Festival 2019

A recomendación para esta semana é o WOS Festival Estrella Galicia. 
Como cada ano, trátase da proposta máis arriscada que atoparedes, da man de Work on Sunday.
Dende mañan 11 ata o 15 de setembro en diferentes espazos de Santiago.
Toda a info na web do WOS festival.



domingo, 8 de septiembre de 2019

lunes, 2 de septiembre de 2019

Los Wavy Gravies "The Invasion is Coming"

Esta mañá espertamos coa nova do lanzamento dun 7'' de Los Wavy Gravies, "The Invasion is Coming" lanzado por Family Spree Recordings.
Inclúe o propio tema 'The Invasion is Coming', cover do tema dos Invasion, e dous novos temas da banda 'Looking Everywhere' e 'My Baby Scream', este último con Rufus nas voces.
Xa dispoñible en formato fisico e dixital no bandcamp de Family Spree.

LOS WAVY GRAVIES "The Invasion is Coming"
(Family Spree Recordings, 2019)



domingo, 1 de septiembre de 2019

'Candidate' (Unknown Pleasures: Reimagined)

Nova entrega da serie audiovisual Unknown Pleasures: Reimagined, un dos proxectos cos que este ano se conmemoran os 40 anos do lanzamento do mítico "Unknown Pleasures" de Joy Division. 
Dez dos máis representativos creadores audiovisuais dos nosos días reinterpretan en clave de videoclip cada un dos 10 temas do álbum. 
Aquí tedes a peza correspondente a 'Candidate', a cargo de Amos Poe.



viernes, 30 de agosto de 2019

6 set: PTOOFF!

En setembro retomamos a programación.
Para comezar tempada, nada mellor que PTOOFF! aos mandos. 
Venres 6 de setembro.