domingo, 24 de mayo de 2020

Los Wavy Gravies en directo... Aloha from Simes!

Co mono que temos de concertos nestes meses, seguro que estades a aproveitar moitas das posibilidades que se nos están a ofrecer en streaming.
Para esta tarde promoñémosvos un planazo: Aloha from Simes!, con Los Wavy Gravies, en directo dende o seu local de ensaio, presentándonos en exclusiva o seu novo álbum "Rufus is back in Town".
Domingo 24 de maio 21:00h. en directo dende o facebook de Los Wavy Gravies.




sábado, 23 de mayo de 2020

Futuro Terror 'Komsomol'

Onte chegou outro adianto do novo álbum de Futuro Terror. 
O mes pasado lanzaban os temas 'Territorio Devastado' e 'Mañana', ao mesmo tempo que anunciaban o lanzamento do álbum "Sangre" e o seu retorno ao selo Humo Internacional (antes Discos Humeantes).
Este novo tema leva por título 'Komsomol', pola organización xuvenil do PCUS.
Lanzamento de "Sangre" previsto para o 22 de xuño. Reservas aquí.


viernes, 22 de mayo de 2020

"Unknown Pleasures: Reimagined" a serie completa


Máis de Joy Division. 
En xuño do 2019 cumpríanse 40 anos do seu primeiro lp, o alucinante "Unknown Pleasures". Un dos principais proxectos desta conmemoración foi o Unknown Pleasures: Reimagined, un proxecto audiovisual que reinterpreta en clave de videoclip cada un dos temas que compoñían o álbum. 10 temas, 10 videoclips, e 10 creadores con diferentes estilos e linguaxes creativas, todos representativos da nosa época. A serie completa conta coa producción executiva de Warren Jackson. 
Os lanzamentos comezaron en maio do ano pasado e aquí fumos compartindo cada unha das pezas que ían saíndo. Tras un parón, a pasada semana chegou a última entrega, antes de que todo se solape coas efemérides que se sucederan nestes meses con todo o relacionado coa banda.
Aquí tedes a serie completa:

- 'I Remember Nothing', por Helgi & Hörður.
- 'Insight', dirixido por Makoto Nagahisa.
- 'Day of the Lords', de Feargal Ward e Adrian Duncan.
- 'Interzone', por James Dimmock.
- 'Candidate', según Amos Poe.
- 'Shadowplay', por Vincent Moon.
- 'Disorder', segun Sean Evans.
- 'She's Lost Control', de Lorraine Nicholson.
- 'New Dawn Fades', de Warren Jackson e Orian Williams.
- 'Wilderness', de Lynne Ramsay.  

miércoles, 20 de mayo de 2020

Moving Through the Silence, homenaxe a Ian Curtis

O pasado 18 de maio cumpríanse 40 anos da morte de Ian Curtis, acelerando o fin dos Joy Division. En medio das efemérides contínuas das catro décadas de todo o material que lanzaron na súa efémera carreira, este ano houbo que improvisar concertos dun xeito diferente.
Un dos máis destacados foi o Moving Through the Silence. Celebrate the Life And Legacy of Ian Curtis, un programa en streaming organizado por Headstock Festival. Contaba cos propios Bernard Summer e Peter Hook como mestres de cerimonias e con diferentes convidados, entre os que estaban Brandon Flowers dos Killers, ou os Elbow, que versionaban temas de Joy Division entre charlas cos dous fundadores da banda. 
Aínda o tedes dispoñible en LiveMusicK (só tedes que rexistrarvos para velo).
Unha das sorpresas, foi a aparición de Mark Lanegan, acompañado pola banda Cold Cave, interpretando 'Isolation'.



martes, 19 de mayo de 2020

King Khan "No. 4 Blue Film Woman Soundtrack"

Comezamos semana con algo novo é certamente sorprendente.
King Khan ven de lanzar un 7'' con catro temas que son a banda sonora dun filme restaurado de finais dos 60s.
Trátase de Blue Film Woman, un filme de sexploitation xaponés, dirixido por Kan Mukai en 1969. Puro underground da época. Agora a compañía xermana Rapid Eye Movies ven de relanzala, e contaron con King Khan para crear dous novos temas cos que sustituir a unhas pezas de soul incluídas na versión orixinal sen licencia. O resultado son pezas de blues psychodélico, con bongos, sitares... e a orixinalidade habitual de King Khan.
Polo de agora tedes dous temas dispoñibles ('Sexploration in pink' e 'For your Pleasure') no bandcamp de King Khan, no que ademáis atoparedes un clip a medio camiño entre curta e teaser de 8 minutos co primeiro dos temas.
Por certo, tedes o trailer de Blue Film Woman aquí.

KING KHAN "No. 4 Blue Film Woman Soundtrack"
(Khanibalism / Rapid Eye Movies, 2020)



domingo, 17 de mayo de 2020

Día das Letras 2020

Bó día das Letras Galegas a todos!!
Este ano adicado a Carvalho Calero. Unha ocasión moi diferente ao que estamos acostumados, pero que non deixaremos de celebrar.



sábado, 16 de mayo de 2020

viernes, 15 de mayo de 2020

Los Wavy Gravies "Rufus is Back in Town"

A comezos de marzo en El Sótano de Radio 3 presentaron en primicia o tema 'Dirty Rufus' como adianto do novo lp de Los Wavy Gravies, e por fin aquí temos o seu novo lp e"Rufus is Back in Town" da man de Family Spree Recordings. 
Hoxe mesmo lanzaron todo: amosáronnos os deseños da cuberta, a cargo do amigo Rubén Suárez; o clip do tema 'Dirty Rufus' realizado por Juan Juste; e  por último tamén o álbum completo!
Xa o tedes dispoñible no seu bandcamp, para escoitar e mercar dende xa!
Nuns días volo destriparemos enteiro.

>> "Rufus is back in Town" no bandcamp de Family Spree Recs.



miércoles, 13 de mayo de 2020

Kraftwerk, Soester Konzert 1970

Coa morte de Florian Schneider a semana pasada estivemos repasando moito material dos míticos Kraftwerk, sobre todo dos seus inicios. 
Así que hoxe recomendamosvos o seu concerto en Soest en novembro de 1970, durante a xira de presentación do seu primeiro álbum. 
Por aquel entón presentábanse en formato trio, con florian Schneider, Klaus Dinger e Ralf Hütter.
Ata o de agora está considerado coma o primeiro dos seus concertos en terse rexistrado en video. Podedes atopar varias versións pola rede deste concerto, pero hai un par de anos o programa Rockpalast da canle xermana WDR ofreceuno con mellor calidade que as copias anteriores, e dende 2018 está dispoñible na súa canle de youtube.


martes, 12 de mayo de 2020

Playa Desmayo "Atardicidio"

Aquí traemos de novo o "Atardicidio" de Playa Desmayo.
O seu ep de debut, un 7'' con 5 temas que son un auténtico trallazo de garage-punk-surf. Trátase da referencia ULO-011 de Ulomanía Coop., editado xunto con Pafff... Bum Discos e Sweet Grooves Records, nunha tirada limitada a 300 copias.
Mentres van retomando a distribución das copias físicas, dende esta semana xa o tedes dispoñible no bandcamp da banda, e con premio.
Tanto se vos facedes coa edición dixital coma en 7'', teredes de agasallo o tema 'Máquina del Tiempo', gravada na mesma sesión da que saíron os temas de "Atardicidio" pero foi unha das que se quedou fora.
Agora só falta poder telos de novo en directo presentando esta xoia.


PLAYA DESMAYO "Atardicidio"
(Ulomanía Coop. / Pafff... Bum Discos / Sweet Grooves Records, 2020)



viernes, 8 de mayo de 2020

Ty Segall "Segall Smeagol"

Novo lanzamento de Ty Segall.
Trátase dun EP a modo de tributo a Harry Nilsson, con seis versións de temas do álbum "Nilsson Schmilsson" de 1971, un clasicazo de folk e pop barroco, que Seagall transforma en clave lo-fi.
Dende o mes pasado tedes dispoñible este "Segall Smeagol", e con descarga de balde, no seu bandcamp.
E se vos parece pouco, ou queredes máis, repasade tamén o "Pig Man Lives Vol. 1" de novembro pasado, con 47 cortes de demos correspondentes aos álbumes entre 2012 e 2018.


martes, 5 de mayo de 2020

Rockdelux 394: o número de despedida

Onte espertamos coa nova de que desaparece a Rockdelux.
Foron máis de 35 anos continuados nos quioscos, gracias á que descubrimos bandas incríbles, igual que libros, cine, comics e case calquer outra cousa... os cds que durante moitísimos anos acompañaban cada revista, os especiais, ou sobre todo aquela época na que tamén publicaban o Dancedelux, e sobre todo os 25 números da revista trimestral Factory que era a que realmente me tiña enganchado de adolescente... e pouco a pouco foime levando á RDL.
Hai moitos anos que mudaron a súa liña editorial, e xa só me facía con números soltos por algún contido especial, pero aínda conservo centos de exemplares da revista. Sen dúbida foi unha publicación coa que moitos crecimos, e a súa desaparición é unha nova terrible para a difusión cultural.
Para a súa despedida lanzan un número especial, o 394, coas recomendacións de 55 colaboradores, que abarcan todo tipo artefactos culturais. 
Sen dúbida hai que facerse con ela.
Aquí tedes a súa nota de despedida.
Ata sempre RDL!, e grazas!


lunes, 4 de mayo de 2020