viernes, 28 de febrero de 2020

Isi Vaamonde "ON"

Chegan os primeiros lanzamentos de Ulomanía Coop. neste 2020.
Aquí tedes "ON" de Isi Vaamonde.
Editado por Ulomanía Coop., Fonosaurios e Isi Vaamonde
"ON" foi gravado no estudio de Diego Basadre, e masterizado e mesturado por Phil Andrews (Bath / UK).
"ON" son dous novos temas -Empezar e Not OK- presentados nun vinilo 7'' en edición limitada de 300 copias numeradas.
O deseño é de Dito e Feito Comunicación, sobre fotografías de Julia González, ademais dunha peza de Fernando Arenaz no reverso do insert, e a supervisión de Rubén Suárez.
ULO-013 Xa dispoñible!!


jueves, 27 de febrero de 2020

Koko-Jean & The Tonics "Hair Whip"

Imos con máis lanzamentos de música negra.
A semana pasada saía ao mercado a primeira referencia do novo proxecto da explosiva Koko-Jean Davis, ex dos The Excitements. A nova banda chámase Koko-Jean & The Tonics, na que se acompaña por Victor Puertas, e Anton Jarl e Dani Baraldes dos Mambo Jambo.
O seu primeiro lanzamento é este EP "Hair Whip (do the do)", unha descarga de rhythm and blues, producida por Dani Nel-Lo.
Son 4 temas, 'Bus Stop', 'Make a Man Out of You', 'Hair Whip' e 'Whatcha Gonna Do?' nas que alternan dúas pezas máis rhythm'n'blues con outras dúas máis funk'n'soul. 
Xa dispoñible na web de Buen Ritmo Records.

KOKO-JEAN & THE TONICS "Hair Whip (do the do)"
(Buen Ritmo Records, 2020)




Dr. Rubberfunk "My Life at 45"

Máis recomendacións que nos chegan dende Will Work 4 Funk.
Hoxe presentámosvos a Dr. Rubberfunk, o alcume de Simon Ward, productor, mesturador e multi-instrumentista, que despois dunha década centrado na producción e nos remixes volve con novo lp.
"My Life at 45" é o seu cuarto álbum, no que retoma a súa forma de coleccionar pezas de 7'' a modo de continuación do seu segundo largo "My Life at 33" (GPS Recs., 2006). No 2010 firmou con Jalapeno Records, escudería coa que lanzou o seu terceiro lp -"Hot Stone"-, cos que tamén editaría os traballos da súa outra banda Olympic Cyclone Band, pero cos que sobre todo se adicou a labores de producción.
Dez anos despois da última entrega, retoma o seu proxecto de Dr Rubberfunk.

DR RUBBERFUNK "My Life at 45"
(Jalapeno Records, 2020)


"My Life at 45" é en realidade unha recopilación de temas lanzados previamente en formato 7'', como á vella usanza, numeradas do 1 ao 4 dende xullo do 2018.
No álbum recóllense 8 daqueles temas, ademáis de novas pezas, cunha acertada secuenciación que lle aportan continuidade.
Ao longo do álbum aterna temas instrumentais con pezas vogais. Destaca John Turrell, dos Smoove & Turrell, poñendo voz á bluesera 'Boom!' que abre o disco, e co que xa colaborara no EP " Northern Comfort" do 2010. As outras colaboracións son as de Izo FitzRoy e Stephanie Whitelock, con dous temas cada unha, que son as pezas máis soul do álbum. 
Os músicos adicionais destas sesións, ademáis do propio Ward, foron os seus acompañantes habituais Jim Oliver e Jonathan James, ademáis de Ben Castle, poñendo o saxo en 'Canvas Cathedral'. 
Entre as pezas instrumentais atopamos puro divertimento e xogos moito máis elaborados: o blues contundente de 'Pressure Cooker' e o máis pausado de 'Steppin' In', o funky-blues de 'Slim's Mood', os medios tempos relaxantes de 'Hey!' ou 'How Beautiful' como a peza máis bailonga. 
Pode resultar un tanto irregular de primeira escoita, pero ten unha boa colección de temas que vos encaixarán en calquera momento.

"My Life at 45" no bandcamp de Dr Rubberfunk.
Dr Rubberfunk na web de WillWork4Funk.


miércoles, 26 de febrero de 2020

martes, 25 de febrero de 2020

Ephemerals "The Third Eye"

Comezamos semana cunha recomendación un tanto diferente ao habitual.
Ephemerals son unha das bandas británicas con maior proxección do momento, e están a ser recoñecidas pola súa arricada proposta de vangarda.
Epherals reuníronse en torno ás figuras de Nicolas Hillman Mondegreen, guitarrista e compositor da banda, e o vocalista Wolfgang Patrick Valbrun, nunha formación que se multiplica en directo en función das necesidades de cada proposta. Por exemplo, na xira de presentación do seu anterior álbum presentaban 13 músicos en escea, con arpista e cuarteto de corda incluídos.
O recoñecemento de Ephemerals está a crecer con cada traballo. O seu primeiro álbum "Hype Machine" (Mondegreen, 2014) era unha colección de temas de soul tradicional, e xa foi aclamado coma un dos mellores do seu ano. Nas seguintes entregas seguiron a ampliar os seus rexistros, con elevadas doses de evolución en cada traballo, sobre todo no seu terceiro lp "Egg Tooth" (Jalapeno Records, 2017): afrobeat, funk, R&B, psicodelia, ata a incorporación do jazz de vangarda nestes últimos anos.

EPHEMERALS "The Third Eye"
(Jalapeno Records, 2020)


"The Third Eye" é a continuacion lóxica desa evolución, incorporando as novas perspectivas do jazz máis vangardista e espiritual, mesturadas con elementos pop, e incluso estruturas moito máis populares. Extremos estilísticos que se mesturan e funcionan de xeito harmónico, e sempre ao servizo dunha letras comprometidas. A mensaxe é unha das claves de Ephemerals: a liberdade social e do individuo, a ruptura dos clichés de clase, raza, xénero ou sexualidade, pero tamén temas habitualmente incómodos como a depresión ou o suicidio, sen deixar de lado tampouco ás súas implicacións no plano político.

'Poly' funciona coma intro do álbum, en clave spoken word e introducindo pouco a pouco a tódolos músicos case en clave ethio jazz, para dar paso a 'Blur', a peza máis festiva do álbum, cunha cadencia machacona e voces dobradas. 
Sen dúbida na segunda parte do álbum atopamos moita máis versatilidade que é realmente o salientable deste disco. 'Avatar' unha peza de jazz máis convencional con maior presenza de arpa e a melodía vocal máis pop de todo o álbum. A continuación, 'Origin' e 'Rising'  dúas pezas moi semellantes e as máis destacadas do álbum, nas que despregan o maior potencial musical da banda dun xeito moi sinxelo pero con maior contundencia ca no resto do traballo, e tamén na esixencia vocal de Valbrun.
O final do álbum funciona coma unha miscelánea realmente diversa. Coa estridente 'Thiefin', a experimentación instrumental de 'Homebody' e a lánguida 'Instagram', coma un mantra laiándose da superficialidade vacua das redes, pero cun espectacular final no musical.

En definitiva un traballo moi evolucionado, experimental por riba de todo, e cunha proposta moi pouco convencional, pero que resulta adictivo de principio a fin. Un álbum que podedes escoitar dunha sentada, e volver a poñelo a xirar de novo e seguir quedando con ganas de descubrir máis do que vos quedou atrás nas anteriores. E se tedes curiosidade por velos en directo, a finais de marzo farán paradas en Madrid e Barcelona.

"The Third Eye" no bandcamp de Ephemerals.
Ephemerals na web de WillWork4Funk.


domingo, 23 de febrero de 2020

Os Resentidos 'A revolución non será televisada’

Se o xoves pasado vos recomendabamos as novas edicións coas que XL Recordings conmemora o 10º aniversario do "I'm New Here" de Gil Scott-Heron, nestes días atopámonos cunha curiosa versión da terra dun dos seus grandes temas.
Os Resentidos estan a preparar o lanzamento dun novo álbum, e o tema de adianto é precisamente un cover do 'Revolution will not be televised', o himno que fixo inmortal a Scott-Heron. Curioso cando menos...



jueves, 20 de febrero de 2020

Gil Scott-Heron. 10º anviersario de "I'm New Here"

En maio do 2011 falecía o enorme Gil Scott-Heron, un auténtico visionario, que nunca foi totalmente comprendido nin suficientemente reivindicado.
O seu último traballo fora lanzado un ano antes: "I'm New Here", o seu álbum de despedida. Levaba máis de 15 anos sen lanzar material novo, e tardou anos en rematar este disco, case gracias ao empeño de Richard Russell. O resultado foi espectacular. Nel mesturaba soul, hip hop e pop sen deixar de experimentar co son e reinventando algúns temas doutros xéneros, artistas e épocas aparentemente imposibles. É un álbum duro, chego de interludios de spoken word con mensaxes incomodas, e verdades coma puños. A súa propia vida.


Ahí estaban a fantástica nudeza de 'I'm new here' con voz e a guitarra de Pat Sullivan a pelo emulando a Bill Callahan, a fonda 'Your Soul and Mind', a desgarradora 'I'll take care of you', a autobiográfica 'New York is killing Me', e sobre todo a sobrecolledora rítmica de 'Me and the devil' na que daba outra dimensión á tonada de Robert Johnson, coa colaboración de Damon Albarn.
Xusto antes do seu pasanmento, lanzárase unha versión de remixes do álbum, a cargo de Jamie XX (dos The XX) que levaba por título "We're New Here", aínda que isto non volo recomendo...

GIL SCOTT-HERON
"I'm New Here (10th Anniversary Expanded Edition)"
(XL Recordings, 2020)
Cando se cumpren 10 daquel lanzamento, XL Recordings lanza unha versión expandida do álbum. Unha edición dobre coa reedición do "I'm New Here" orixinal, e un disco extra con dous temas inéditos daquelas sesións que foran excluídos do álbum ('King Henry IV', e unha versión de 'Handsome Johnny' de Richie Havens), ademáis de versións dalgún dos seus clásicos, coma 'Winter in America' ou 'Is that Jazz' que tamén foran gravados novamente naquelas sesións.


GIL SCOTT-HERON & MAKAYA McCRAVEN
"We’re New Again (A Reimagining By Makaya McCraven)"
(XL Recordings, 2020)
A conmemoración do 10º aniversario do "I'm New Here" non se queda ahí. XL Recordings lanzou tamén a semana pasada unha nova revisión do álbum. Neste caso o encargado foi o baterista e productor Makaya McCraven, reimaxinando o álbum ata convertelo en "We're New Again", no que mestura partes da gravación orixinal con electrónica e improvisacións en directo con invitados de luxo coma Jeff Parker, Michelle Hutcherson, Fred Jackson ou Ben Lamar entre outros. O resultado é realmente sorprendente, e máis que recomendable.



miércoles, 19 de febrero de 2020

RifRockerz no facebook

Mudamos o nome da nosa páxina no facebook, que xa ían sendo horas.
Agora sinxelamente RifRockerz, para darlle continuidade ao blog no que seguiremos a publicar reseñas, recomendacións, artigos e avisando das próximas actividades nas que nos involucremos, e porque non, facer algo de revival cando toque. Saúde!.


The Jazz Defenders "Scheming"

Máis recomendacións para esta semana.
Hoxe presentámosvos a The Jazz Defenders, un quinteto de soul jazz de Bristol, apaixoado polos son máis clásicos da escudería Blue Note, sobre todo inspirados polos sons que imaxinaron a mediados dos 60s Lee Morgan, Wayne Shorter e compañía, evolucionando o hard bop cara o soul jazz. 
Para o seu debut deixáronse en mans de Haggis Records, selo da banda británica The Haggis Horns, unha das cabeceiras do acid jazz británico actual, que por primeira vez editan material que non sexa da súa propia banda. 
The Jazz Defenders formáronse no 2015, en torno á figura do pianista George Cooper, un xovencísimo pianista que en pouco tempo conseguíu atraer a atención da industria, conseguindo funcionar en diferentes planos, reclamado  para proxectos tan diferentes coma Hans Zimmer, U2 ou The Haggis Horns. Cinco anos despois, chega o seu fantástico debut, "Scheming".

THE JAZZ DEFENDERS "Scheming"
(Haggis Records, 2019)


"Scheming" ábrese con 'Top Down Tourism', co veloz piano de Cooper, adictivo como as tonadas do mellor Dave Brubeck, para alternar protagonismo con saxo e o baixo, nunha estrutura a modo de starndard de jazz. 'Everybody's Got Something' e a propia 'Scheming' lévanos directamente a eses anos dourados do soul jazz de Blue Note que antes comentabamos, cunhas melodías fantásticas e unha factura impecable a base de cambios de ritmo. Para pechar esta primeira parte temos dúas pezas de jazz con moita elaboración, 'I bought it on the Moon' e 'Late', mantendo as melodías soul pero cunha base de ritmo frenético.
Na segunda parte preséntannos unha secuencia máis ou menos inversa. Dende o modern jazz máis clásico cara o soul: 'Hawkeye Jorge', a rítmica latina de 'Costa del Lol', e a pausa delicada de 'Rosie Karima'. Para rematar ben arriba, seguen con 'She'll Come Around', que retoma a rítmica con tempos máis rápidos, case de baile, e as melodías máis pegadizas, e pechan con 'Brown Down', outra peza salientable cunha melodía que non poderedes quitar da cabeza e unha evolución chea de cambios que teredes que darlle unhas cantas voltas para non perdervos nada.
Ritmo e melodías, isto son The Jazz Defenders, tomadas directamente dos grandes doutra época que levan anos sen ser reivindicados como se merecen, para eso están os Defensores do Jazz.

The Jazz Defenders na web de WillWork4Funk.



martes, 18 de febrero de 2020

Powersolo en Cangas e A Coruña

Recomendación para esta semana.
Os daneses Powersolo están de xira pola península presentando o seu flamante "Seven inches from Heaven" (Folc Records, 2020) no que reúnen temas perdidos en caras b de singles e splits. 
Nesta ocasión con dúas paradas en Galicia: esta mesma noite os teredes na Salason de Cangas acompañados polos Thee Blind Crows, e mañan mércores na Mardi Gras de A Coruña. Se os tedes a tiro non vo-los perdades!



miércoles, 12 de febrero de 2020

Coriky


Había tempo que non tiñamos novas de Ian MacKaye, máis aló de entrevistas sobre Dischord, as reedicións de álbumes de Fugazi, os incluso sobre rumores de reunión dos Minor Threat. 
Os últimos lanzamentos nos que participou foron os álbumes de The Evens, xunto coa súa dona Amy Farina, o último foi "The Odds" do 2012.
Agora MacKaye e Farina presentan un novo proxecto, CORIKY, e nesta ocasión reuníndose co baixista Joe Lally.
Polo momento só temos dispoñible un tema no bandcamp de Dischord Records, 'Clean Kill', e a data de lanzamento do álbum, o 27 de marzo. 
Impacientes estamos de escoitar máis desta xente.



martes, 11 de febrero de 2020

YOUCANTHIDE "I Gotta Bullet"

YOUCANTHIDE é a nova banda na que están metidos os Kings of the Beach. Nesta formación unen forzas co vocalista Kaixo dos Banana Bahia, e a súa presentación é este 'I Gotta Bullet', un auténtico trallazo de punk rock e toques de crossover que presentaron esta mesma mañán.
Seguídelles a pista.



domingo, 9 de febrero de 2020

Fuzzo "The Ghalpóns Sessions"

Hoxe traémosvos máis recomendacions da terra.
FUZZO son outra banda de Virxilio Da Silva e os seus compañeiros habituais Chus Pazos na batería e Xan Campos nos teclados. 
Neste "The Ghalpóns Sessions" preséntannos 8 temas de rock progresivo, free jazz e psycodelia gravados a comezos de 2017, con esos matices diferentes a propostas semellantes que nos están a presentar nos últimos anos.
Foi lanzado en vinilo en decembro do ano pasado, en edición limitada de 250 copias. Estades a tempo de facervos co voso.

FUZZO "The Ghalpón Sessions"
(auteditado, 2019)



viernes, 7 de febrero de 2020

Soundgarden en directo en Rhino Records, 1989

Hoxe imos con algo de revival dos nosos anos máis mozos: unha de Soundgarden, que seguro que non o esperabades. 
Tralo finamento de Cornell estamos a ler en diferentes medios que está a prepararse o lanzamento de material inédito da banda, e por medio atopámonos con esta gravación que non coñeciamos. 
Trátase dun directo da banda na tenda de discos de Rhino Records Westwood de Los Angeles o 24 de setembro de 1989. O video foi subido no 2016, así que xa vedes se tardamos en coñecelo...
Son 31 minutos nos que interpretaron temas do seu segundo álbum "Louder than Love", lanzado aquel mesmo mes de setembro, e rematando con 'Beyond the Wheel' do seu debut "Ultramega OK".
Paga a pena por velos na súa primeira época e nun contexto tan pouco habitual antes de converterse na megabanda que despois foron.



jueves, 6 de febrero de 2020

Primal Scream 'Swastika Eyes'

Nestes días cumpríronse 20 anos do lanzamento do fantástico "XTMNTR" dos Primal Scream. Máis aló da reedición do álbum, esta semana publicaron unha versión renovada do videoclip de 'Swastika Eyes', como levan meses facendo con seus clips dos 90's e comezos do 2000. Todo na súa canle de youtube.



domingo, 2 de febrero de 2020

Mentah "New Beginning"

Máis recomendacións galegas antes de rematar a semana.
Hoxe presentámosvos a Mentah, duo ferrolano saído dos fantásticos Klüte. Neste novo proxecto céntranse nos sons máis indie do cambio de século, moi pouco habituais nestes tempos, e moito máis pausados ca no seu proxecto anterior.
Este "New Beginning" son catro temas, que de seguro que vos poñen na pista das súas influencias. A comezos de febreiro comezan a xirar, así que seguídelles a pista que prometen.

MENTAH "New Beginning"
(autoeditado, 2020)




sábado, 1 de febrero de 2020

Triángulo de Amor Bizarro 'Ruptura'

Xa temos aquí o adianto do próximo álbum de Triángulo de Amor Bizarro. 
Polo momento non temos data de lanzamento, pero este 'Ruptura' é un auténtico trallazo de rock industrial, estridente e distorsionado. 
Quedámonos coas ganas de escoitar máis...