viernes, 6 de enero de 2017

Os 10 discos do 2016 de Munstaphá

Aquí tedes a lista de álbumes do 2016 según Munstaphá.
Seguro que vós tedes outros, así que comentade!!
Estes son os seus 10 do 2016:


10_THE MURLOCS 
"Young Blindness"
(Flightless, 2016)
Os australianos The Murlocs, con membros dos King Gizzard & The Lizard Wizard e dos Frowning Clouds, lanzaron o seu segundo lp  "Young Blindness" e seguen a mesma fórmula entre o garage, o rhythm'n'blues e a psychodelia máis divertida. 'Happy Face', 'Adolescence', 'Compensation' (co seu video perfecto para coller dor de cabeza, senón probade...), e a tremenda 'Wolf Creep', ou 'Reassurance'. Para ser unha banda paralela apuntan moi alto.



9_SWANS 
"The Glowing Man"
(Young God Records/Mute, 2016)
Os Swans están a romper tódo-los moldes nesta segunda xuventude. "The Glowing Man" é outra obra xigantesca de post-rock, art-rock, no-wave e industrial, pero máis repousado que as anteriores entregas, con temas longos que van crecendo lentamente, densos e agónicos, outros de puro rítmo, e desta vez, non sempre explotan con violencia. Case dúas horas nas que hai de todo, e tan elaborado coma sempre, aínda que só apto para iniciados.




8_DAVID BOWIE 
"Blackstar"
(Sony/Columbia, 2016)
Foi o primeiro álbum que vos comentamos no 2016, a despedida do mestre Bowie. Son sete temas de art-rock, jazz avant-garde e pop, coa descomunal 'Blackstar' como apertura, da que xa nos adiantara en videoclip en novembro, 'Lazarus' que foi tamén o videoclp escollido para o lanzamento o día antes da saída, 'Sue (or in a season of Crime)', que xa publicara coma single a finais do 2014, ou a divertidísima 'Tis a Pity She Was a Whore'. Unha despedida a altura do xenio. 




7_KING GIZZARD & THE LIZARD WIZARD 
"Nonagon Infinity"
(Flightless Records, 2016)
Os australianos KG&LW son unha das bandas máis en forma dos últimos anos, cun ritmo de publicacións envexable, e sempre facendo o que lles peta. Con "Nonagon Infinity", volveron ó garage psychodélico e descontrolado dos comezos. Temas densos con pistas e pistas de guitarras, menos distorsionados que nos anteriores traballos deste tipo, e máis melódicos, pero cunha velocidade, cambios de ritmo, e mesturas que aturden igual. Agora a esperar polo seguinte...




6_PARQUET COURTS
"Human Performance"
(Rough Trade, 2016)
Despois dos dous álbumes que publicaron no 2014, o único ep que lanzaron no 2015 soubo a moi pouco, por iso en abril volvimos a emocionarnos con este "Human Performances", o seu quinto LP, aínda que xa nos foron quentando con catro singles previos. Un álbum case bipolar, cunha cara A brillante atacando case tódo-los xéneros con descaro, e unha cara B aparentemente máis cohesionada. De seguir a este ritmo van a ser moi grandes.




5_NIGHT BEATS 
"Who Sold my Generation"
(Heavenly Recordings, 2016)
Co seu terceiro lp "Who Sold my Generation", os Night Beats, confírmanse coma un dos referentes do garage psychodélico do momento. A pesar do cambio de baixista superan as dúbidas e amplían rexistros. Soan por suposto a The Seeds, a The 13th Floor Elevators, pero tamén a The Cramps, a The Stooges, e momentos freakbeat, e unha guitarra por veces incluso tex-mex. Imposible deixar de escoitalo, Contundentes e hipnóticos.





4_THE MYSTERY LIGHTS 
"The Mystery Lights"
(Wick Records / Daptone, 2016)
The Mystery Lights convertéronse nunha das sensacións do ano. Son un quinteto de New York, e lanzaron o seu debut a través de Wick Records, subselo de Daptone. A súa única referencia anterior é un 7'' de finais do ano pasado con 'Too Many Girls' e 'Too tought to Bear', que se inclúen agora no álbum. Garage psychodélico, moi melódico, moi lo-fi, e moi cheo de matices por todas partes. Desta vez con 'Follow me Home' como single de presentación, atacan por case tódo-los paus, con 'Without Me', 'Melt' ou '21 and Counting' ata pechar coa fantástica 'What Happens...'. O debut do ano!!




3_CHARLES BRADLEY 
"Changes"
(Daptone Records, 2016)
"Changes" tiña que estar en todas partes. O novo traballo de Charles Bradley para Daptone Records, foi un dos pelotazos do ano. Inclúe o 7'' que lanzara xa no 2013 co propio tema 'Changes' (unha versión dos mesmísimos Black Sabbath en clave soul) con The Budos Band como banda de acompañamento, e con aquela portada que emulaba ó propio single dos de Osbourne e compañía, e na cara b aparecía a tremenda 'Ain't It a Sin' desta vez xunto con The Bullets, que tamén aparece no álbum, e ademáis é do mellor que lle teño escoitado. Ademáis destes dous temazos xa coñecidos, cousas moi espirituais como a inicial 'God Bless America', a intensidade habitual en 'Good to be Back Home', 'Ain't Gonna Give it Up' ou 'Crazy for your Love', e a contundencia política en 'Change for the World'. Discazo!




2_PJ HARVEY 
"The Hope Six Demolition Project"
(Island Records, 2016)
Con cada novo traballo de PJ Harvey párase o mundo. "The Hope Six Demolition Project" e outro álbum moi comprometido socialmente, e que tamén continúa a estela de "Let England Shake" no musical. Está inspirado en viaxes por Afganistán, Kosovo e tamén polos USA acompañando ó fotografo irlandés Seamus Murphy, e as letras máis punzantes se adican a Washington DC, tras visitas nun dos seus distritos máis desfavorecidos. Pop intenso coma nos seus últimos traballos, moi folk, con toques de psychodelia e bases de jazz, no que os coros e as voces dobradas teñen un protagonismo especial, en once temas que non teñen desperdicio. Un álbum para escoitar de tirón unha e outra vez, e darlle voltas e máis voltas. Let's Wade in the Water!.




1_NICK WATERHOUSE 
"Never Twice"
(Innovative Leisure, 2016)
Outro disco perfecto de Nick Waterhouse!. "Never Twice", é o seu terceiro álbum, máis potente, máis completo, e aínda que non o creades, máis divertido ca nunca!.
Dez novos temas de rhythm'n'blues cada vez máis ricos en matices. 'It's Time', e 'I Had some Money (but I spent it)' continúan a liña dos anteriores, pero aínda con máis pegada. Con 'Straight Love Affaire' 'L.A. Turnaround' e 'Tracy' lévanos directamente ao pasado con melodías que identificaredes con ducias de cousas diferentes en cada un deles, a divertidísima 'The old Place' co seu ritmo de latin fever, e impresionante 'Katchi' na que conta coa colaboración de Leon Bridges. O mellor que escoitamos este ano. Imprescindible!!



jueves, 5 de enero de 2017

5 videoclips do 2016

Massive Attack 'Voodoo in my Blood"
do EP "Ritual Spirit" (Virgin Records)




Michael Kiwanuka 'One mor Night'
do álbum "Love & Hate" (Polydor)




The Murlocs 'Compensation'
do álbum "Young Blindness" (Flightless)




Ty Segall 'Emotional Mugger'
do álbum "Emotional Mugger" (Drag City)




David Bowie 'Lazarus'
do álbum "Black Star" (Columbia Records)




Mellor portada do 2016

Outra das cousas nas que sempre poñemos moito empeño ó longo do ano é o seleccionar as portadas que máis nos gustan. 
Coma sempre, este ano tamén costou tomar a decisión, e finalmente nos decidimos polo "Malibu" de Anderson .Paak (OBE / Steel Wool Records, 2016). 
Trátase dun collage do Dewey Bryan Saunders, mesturando estilos e ideas, e inspirado nas portadas dos 60s e 70s. Bestial!.
Podedes botarlle un ollo a máis elementos do deseño na web de Saunders.


Camiseta do 2016

A camiseta do 2016 foi, sen discusión, a tirada especial que fixeron os de Pantera e Iribarne Producións coa súa camiseta 3-D, a tres tintas, e coas súas gafas para ver ao dereito a camiseta do compañeiro. 
Ultrafans de Pantera e Iribarne!!


Esta semana de xoves a sábado

Esta noite xa estamos de volta no Rif-Rock. 
Coa véspera de Reis, esta semana de xoves a sábado co horario habitual


miércoles, 4 de enero de 2017

Dead Wood "Spirit Away b/w CBA Blues". Hoxe!

Hoxe publícase oficialmente a primeira referencia de Ulomanía Coop.
O single de debut dos DEAD WOOD: "Spirit Away b/w C.B.A. Blues".
Unha edición limitada de 250 copias numeradas.
Non quedes sen o teu exemplar!!
Toda a info en Ulomanía Coop.



Michi Calambres

Michi Calambres retratado por Otto Birseye.
Nadal Soul, 30 decembro 2016.


Tóda-las fotos da Festa de Fin de Ano en Cuatro Fotos

Xa están subidas tóda-las fotos da festaza de Fin de Ano que nos montou CuatroFotos. Gracias de novo!! Ahí vai todo o que pasou diante desa cámara, tarde para arrepentirse, agora a botar unhas boas risas outra vez!!
Buscádevos e compartide!!


Tóda-las sesións do 2016

Seguimos co repaso do 2016. 
Unha revisión das sesións do ano, alomenos tóda-las que deixaron arquivos de descarga, que foron menos que en anos anteriores, pero xa son bastantes. 
22 en total, e non foron nin a metade das que fixemos... estivérades ali!!
Aquí tedes as 22 sesións que compartimos no 2016:

SINGLES2015  
(16 xaneiro 2016)
Este foi o resumo da noite na que repasamos os mellores álbumes, temas e bandas do 2015. Son 2 volumes de 20 temas cada un, seleccionados e mesturados por Kurco e Munstaphà
Repasa todo o material na etiqueta Singles2015
[ver entrada]

Fuck'U Whiteys... Black Grooves #39 
(22 xaneiro 2016)
Primeira entrega do ano da serie Fuck'U Whiteys... Black Grooves!! Aquí tedes algo máis de unha hora da sesión, con moito rhythm'n'blues e algo de boogaloo (aínda que menos do que pode parecer polos títulos). Metédelle volume!.
[ver entrada]

Comomepós "Garage Monster"
(20 febreiro 2016)
Esta é a selección de Comomepós que nos deixou da súa sesión "Garage Monster" do sábado 20 de febreiro. Garage, Psych, Power Pop, Surf, e todo o que lle petou, como sempre. Ahí tedes 50 minutos sen pausa. Metédelle volume!. 
[ver entrada]

Fuck'U Whiteys... Black Grooves #40 
(26 febreiro 2016)
Aquí tedes unha ampla selección da sesión de onte mesmo da entrega mensual da serie Black Grooves!! Funk, rhythm'n'blues, soul, e moito Buddy Miles, que xa lle tocaba!! Metédelle volume!.
[ver entrada]


Sesión 16º Aniversario do Rif-Rock!! 
(febreiro 2016)
Aínda que desta vez chega con moito retraso... estaba lista dende o pasado agosto, e por diferentes cuestións quedou ahí esquecida ata este mes. Fixemos dúas pequenas tiradas con diferentes deseños das galletas, e para os que quedáchedes sen a vosa copia, aquí a tedes. Metédelle volumen e a desfrutala!! Metédelle volume!.
[ver entrada]

Pau Pau a Go-Gó! "OSLF?" 
(11 marzo 2016)

Aquí tedes unha parte da sesión de Pau Pau do venres pasado no ciclo Où Sont Les Femmes?. 50's, doo wop, rockabilly, hot rod, rhythm'n'blues, garage., de todo en 47 minutos! Metédelle volume!
[ver entrada]


Marinocha Über Alles "OSLF?"
(12 marzo 2016)

Aquí tedes unha parte da sesión de Marinocha do sábado anterior (12 marzo) no ciclo Où Sont Les Femmes?. Algo máis de media hora chea de riotgrrrl. Metédelle volume!.
[ver entrada]
ChisPum Vs BimbaPop "OSLF?"
(25 marzo 2016)
Aquí tedes unha pequena parte das sesións de Chis Pum & Bimba Pop coa que arrasaron no peche do ciclo Où Sont Les Femmes?. Vai en dúas pistas de pouco máis de media hora cada unha, para que fagades un cassette coma os de toda a vida... 
[ver entrada]

Sheriff Lorre "Motorcycle"
(16 abril 2016)
Aquí tedes unha pequena parte da sesión do Sheriff Lorre do sábado pasado, Rock crudo, rhythm'n'blues, frat rock, surf e moito máis... metédelle volume!.Metédelle volume!.
[ver entrada]

Pau Pau a-Go-Gó!
(23 abril 2016)
Aquí tedes unha pequena parte da sesión de Pau Pau a Go-Gó! do sábado pasado: moito garage, rhythm'n'blues, ye-yé e ata mambo!! metédelle volume!. 
[ver entrada]


Fuck'U Whiteys... Black Grooves #41 
(29 abril 2016)
O vernes pasado volvimos coas entregas de Fuck'U Whiteys... Black Grooves!! Aquí tedes unha boa selección desa sesión con moitas das banda actuais que máis nos gustan. Metédelle volume!..
[ver entrada]

Psych.Munstaphà "tRash Tra$h trAsH #14"
(13 maio 2016)
Case un ano depois recuperamos a nosa serie de Trash Trash Trash!! Tentamos continua-la onde o deixamos, e aquí tedes algo máis de unha hora da nosa basura preferida ben mesturada.
Fuck'U Whiteys... Black Grooves #42 
(27 maio 2016)
Aquí tedes unha hora da entrega de onte mesmo das sesións Fuck'U Whiteys... Black Grooves!! Con moitos temas pouco habituais de clásicos do funk e unhas cantas frikalladas de moito nivel. Metédelle volume!..
Psych.Munstaphà "tRash Tra$h trAsH #15"
(4 xuño 2016)
Aquí tedes un rato da sesión do sábado de Trash Trash Trash!! todo da nosa basura preferida dos últimos meses, do pouco que tivemos tempo a poñer antes de que nos botaran fora da cabina... 
Fuck'U Whiteys... Black Grooves #43 
(17 xuño 2016)
quí tedes algo máis de unha hora da sesión de onte mesmo de Fuck'U Whiteys... Black Grooves!! Todo con temas dos últimos anos, aínda que menos blues do que resultou a noite. Metédelle volume!.

Marinocha Über Alles
(26 agosto 2016)
Despois do verán, Marinocha foi a encargada de inaugura-la nova tempada do Rif-Rock. Non se encargaba da nosa cabina dende marzo, e viña con ganas. Aquí tedes unha pequena parte desa sesión. Metédelle volume!.
Fuck'U Whiteys... Black Grooves #44 
(2 setembro 2016)
A número #44 foi unha sesión especial da serie Black Grooves, logo do parón durante os meses de verán, non agardamos ata finais de mes para unha nova entrega. Aquí tedes unha selección máis longa do habitual daquela noite. 
Metédelle volume!.
Psych.Munstaphà "tRash Tra$h trAsH #16"
(30 setembro 2016)
Aquí tedes un fragmento m´çais longo do habitual doutra sesión de Trash Trash Trash!! Todo con material de finais dos 70s e dos 80s, pezas olvidadas e algún cover marca da casa.
[ver entrada]

Kurco SoundSystem
(1 outubro 2016)
Para comezar outubro volveu Kurco á nosa cabina despois de moitos meses. Punk hardcore psychodelia e garage. No arquivo que compartimos aparece a parte final coas pezas máis recentes. Metédelle volume!.
[ver entrada]

Sesión 17º Aniversario do Rif-Rock!! 
(outubro 2016)
A sesión máis agardada de cada ano!! 

Desta vez cumprimos os prazos (non coma o ano pasado), e ao rematar o verán lanzamos o noso recopilatorio de aniversario (17!!). 
Unha única tirada, maior que as dos últimos anos, e aínda así non chegou a nada. Voou por completo nun só fin de semana. Coma sempre, ten de todo, así que metédelle volumen e a desfrutala!!
[ver entrada]



Fuck'U Whiteys... Black Grooves #45 
(21 outubro 2016)
A número #45 da serie Black Grooves adicámola aos sons máis clásicos, con moita cara b dos nosos favoritos, elementos doutras latitudes, e seccións de bebop para homenaxear a Art Blakey, que ilustraba o poster da sesión. 
Fantástica!.
[ver entrada]

Fuck'U Whiteys... Black Grooves #46 
(25 novembro 2016)
A número #46 da serie Black Grooves foi a últiima que subimos en todo o ano. Foi unha noite para repasar moitos dos mellores álbumes dos últimos anos de funk, soul, jazz, acid jazz e moita fusión. Metédelle volumen!

[ver entrada


Aproveitade mentres sigan dispoñibles!!


martes, 3 de enero de 2017

Mellores momentos Rif-Rock 2016

Comezamos a resumi-lo 2016:
Sempre aproveitamos o de facer un pequeno repaso polos concertos e outras festas especiais do ano para que tamén vós digades cal, ou cales, foron os mellores momentos de cada ano no Rif-Rock. 
Pensamos que este ano vai a estar difícil a cousa, fixemos máis concertos e disparates ca nunca, e algúns de moito nivel, moi especiais e outros sinxelamente únicos que non se volverán a repetir. 
De algúns non temos moito material gráfico, ou está aínda en proceso de unha edición especial, pero tedes abondo no que escoller
Estos son os 15 momentos que vos propoñemos, pero podedes escolle-lo que queirades, estén aquí ou non, ou escoller cousas conxuntas coma o Aniversario completo, ou o Nadal Soul... eso xa é cousa vosa, pero comentade!!
Podedes votar nos comentarios desta entrada, ou através do facebook, por mail... como queirades. Tedes sobre uns 10 días para facelo:

Ahí van unas cantas propostas:

NORTHERN LIGHTS (23 de xaneiro e 8 de outubro).
Os Northern Lights foron os encargados de abrir a tempada de concertos no Rif-Rock neste 2016. Todo o show sobre a base dos seus propios temas, sempre evolucionados dende os shows anteriores, algunha incluso cambiada de idioma (e título claro...), literalmente versionándose a sí mesmos. E o 8 de outrubro volveron con máis voltas sobre o anterior. 



BREAKIN' BONES (13 de febreiro).
Había máis de ano e medio que non nos visitaban os Breakin' Bones, e chegaron en febreiro con nova formación, incorporando a Dani Alonso da banda The Loopholes. Un show espectacular, coma sempre! Hora e media de intenso e divertido psychobilly, con ducias de covers retorcidos, dende temas dos 50s, himnos mod, trallazos punk e clasicazos dos 80. Nunca fallan!.



ISI VAAMONDE & THE NEW SCHOOL (20 de febreiro).
Tamén en febreiro volvía Isi Vaamonde, presentando nova banda, THE NEW SCHOOL, con outros catro habituais do local: Rubén Iglesias ó baixo, David Falcón coas guitarras e coros, Bruno Barreiro ó piano e Jesús Caramés na batería. Un concerto organizado dun xeito un tanto exprés pola inminente gravación de un par de temas a próxima semana: 'You're Smiling There' e 'Unstable Killer'. E de paso presentarnos máis temas do que será o seu próximo álbum. 



OÚ SONT LES FEMMES? (programación especial marzo).
Non sei se algunha das sesións de marzo foi para vós das mellores do ano, pero seguro que a programación conxunta Où sont Les Femmes? foi outra vez do mellor do ano para moitos de vós, con oito das nosas mellores amigas facéndose cargo da cabina ó longo de todo o mes. Podedes repasar todo o material seguindo a etiqueta Où sont les Femmes? neste blog.



SCARY MONSTERS a nosa homenaxe a Bowie (26 de marzo).
Para rematar marzo tivemos unha desas noites especiais que ocurren no Rif-Rock cando se xunta toda esta panda de artistas dos RifRocKerZ AllStars que deron forma ós Scary Monsters.
A homenaxe a Bowie foi proposta polos propios músicos, así que nós somentes puxemos o local á súa disposición, sabendo que o restultado iba a ser estupendo. Nunhas cantas semanas se xuntaron ata 10 dos nosos amigos habituais da banda da casa para montar o espectáculo, e con só uns cantos ensaios xa estaban listos para montar o noso particular tributo a Bowie: RifRocKerZ from Mars!. Outro show único que nos regalaron. O Rif-Rock nunca sería o mesmo sen estes fenómenos!!.



DEAD WOOD (30 de abril).
Cinco meses despois do seu último concerto, volvían os Dead Wood ao Rif-Rock, recén saídos do estudio de gravación de preparar o seu primeiro traballo con Victor Karallada. Ademáis servía de despedida temporal do Sr Pistola, Breo Gun non poderá está sempre cos Dead Wood por motivos laborais, e de paso xa incorporaron a Miguel Moldes e Michi Calambres como membros a tempo completo da banda. Unha formación de escándalo!! O resultado espectacular.



THE EVEN FLOW EXPERIENCE (7 de maio).
Pouco se deixan ver The Even Flow Experience dende o seu retorno, pero alomenos será obrigatoria unha visita ao ano. Sempre converten esas noites en algo moi especial.Desta vez, foi a voz de Iria Viqueira, que cantou tres temas que nos deixaron a todos alucinados. 
Desta vez só subimos uns cantos temas dos concerto, non vai completo porque para iso xa había xente máis profesional grabando, así que teredes que agardar un pouco polo resultado final, pero seguro que é moitísimo mellor que o habitual que nos compartimos. Aínda segue en produción...



VENTO MAREIRO, por Kevi Aragunde e Karlos Abal (21 de maio).
Seguramente, a cousa máis bonita que fixemos nunca no Rif-Rock. 
Foi o noso especial polas Letras Galegas, unha noite de música e poesía a redor do Vento Mareiro de Ramón Cabanillas.
Kevi Aragunde presentounos os temas de Cabanillas sobre os que leva moitos anos traballando (sobre todo pertencentes a 'Vento Mareiro', pero tamén algún de 'No Desterro' e 'Da Terra Asoballada'), acompañado de Karlos Abal, e cunhas cantas colaboracións moi especiais: a de Suso Gómez coa súa lectura de 'Dous Raposos', e no descanso tomaron o relevo Xoán Silva e Blas, xunto con Anxo Xesteira, para facer os tres temas do seu repertorio sobre pezas de Cabanillas: A Fouce Esquecida, Terra e o himno de Acción Galega. Tres xeracións de talento puro xuntas na mesma noite. E por suposto, un show que Kevi adicou a Luis Rei dende o comezo. Eres moi grande Kevi!!.



LOST SONGS (11 de xuño).
En xuño tivemos no Rif-rock a estrea de LOST SONGS, o novo proxecto de Isi Vaamonde e Bruno Barreiro. Con este formato recuperan vellos temas do seu repertorio de outras épocas, descartes, covers e temas tan recentes que aínda seguirán medrando en cada concerto.



17º ANIVERSARIO DO RIF-ROCK (2-9 de xullo).
Dúas fins de semana estupendas, cheas de boa música e de amigos, 
Recuperamos o formato anterior ós ultimos dous anos, co programa repartido en varias semanas e con dúas bandas habituais da casa convertidas noutra cousa distinta para que fosen uns concertos únicos.
O Sábado 2, foi o turno de RUFUS Y LOS GUARROS, no propio día que cumpríamos 17 anos. Outra volta máis dese universo infinito de bandas dos irmans López, adaptando parte do repertorio que estaban a presentar no verán como Doble M & Jorge Lorre, pero acompañados por Rufus el Guarro con tódo-los seus trebellos á percusión, ademáis de Óscar que non se quixo perder a oportunidade de sacudir as cadeas toda a noite. 
E o Sábado 9 os protagonistas foron THE BOLTONS, coa jam de blues de Rubén Iglesias, David Falcón e Jesús Carames, en formato power trío. Tocarón o que lles petou, e aínda nos deixaron en exclusiva un par de temas fantásticos doutra das súas bandas paralelas.
E ademáis as sesións de PTOOFF & Dj CHAN (aka A.C.M.E.) dende a cabina, un habitual da casa, e un referente do país que por fin se achegou ó Rif-Rock cargado de discos para poñer o fin de festa perfecto ó noso aniversario!!
Así da gusto cumprir anos. E agora a polos 18!!



THE SILKTONES (29 de xullo).
The Silk Tones se presentaron no Rif-Rock para un ensaio xeral unha semana antes do seu concerto do Albariño, na praza de Fefiñáns compartindo escenario cos Inmaculate Fools. Eran Rubén Iglesias, David Falcón, Miguel Moldes, Jesús Caramés e Deva Sanmartín. No seu concerto ofrecéronnos 15 covers cos que se meteron a todo o público no peto dende o primeiro momento.



8ª FESTA DO BIGOTE (7 de agosto).
Unha das festas máis grandes do Rif-Rock de cada ano, e este ano aínda máis que en edicións anteriores, moitísima xente pero poucos bigotes de aspirantes serios, pero a festa, enorme!! Con Xaco Aragunde repetindo como mestre de cerimonias, así coma o padriño un ano máis: Edu Charlín de PC Barbería. Este ano non houbo barbeados en directo, pero encargouse dos suculentos lotes de regalos para os gañadores: Olalla Novás, Alberto Dominguez e Juan Artiles. Noraboa outra vez. O próximo ano máis...



THE SPOOKY GRAVIES (29 de outubro).
Outra historia inexplicable dos de Ulomanía Coop. Unha minixira pola comarca na que Los Wavy Gravies se transforman en THE SPOOKY GRAVIES cun repertorio monstruoso para tres únicos concertos naquela semana.
Finalmente presentáronse en formato de trio, algo que non estaba moi claro ata última hora, e ofrecéronnos un espectáculo tremendo. Chegaron convertidos no Sheriff Lon Chaney, Mr Momia e Screaming Jay Hawkins, e durante máis de hora e media ofrecéronnos un show cheo de temas dos nosos monstruos favoritos, vellas pezas de series de tv e uns cantos temas propios.



LITTLE JUICE (Nadal Soul, 23 de decembro).
Xa tiñamos gañas de ter de volta aos Little Juice polo Rif-Rock. E desta vez arrancando unha nova edición do Nadal Soul. Sobre todo encantáronnos os seus temas propios: 'Fear the World', 'Orc Blues', 'Trust', 'Trapped Soul', 'Skin over Skin (Black Clouds)' e 'I was that girl'. Precioso por momentos e intenso cando facía falla. 



DEAD WOOD (Sesión Vermú Noiteboa 24 de decembro).
O último show do ano, e seguramente o máis impresionante de todos.
Era a primeira sesión vermú da historia do Rif-Rock. Sesión matinal, sábado e Noiteboa, todo montado para a presentación de Ulomanía Coop. e os DEAD WOOD co seu primeiro single, "Spirit Away b/w CBA Blues" (ULO-001), coa propia banda en directo, e unha chea de colaboradores que quixeron aportar o seu apoio para montar unha festa como a ocasión o merecía. Non se presenta un disco de debut tódo-los días... Un día irrepetible!.



Veña a votar!!



tódo-los posters do 2016


Singles2016

Dende mañán, e durante dúas semanas (ata a sesión do sábado 14), iremos publicando listas/seleccións/recomendacións do 2016, sexan de actividades no local, discos, vídeos, deseños ou de calquer outra cousa. 
Seguídeas na etiqueta Singles2016.


lunes, 2 de enero de 2017

Ven.27: Black Grooves!

O venres 27 volvemos coa serie Black Grooves.
Debiamoslle unha a Miss Sharon Jones...


Sáb.14: Singles2016

Outro clasicazo de cada mes de xaneiro: 
Kurco e Munstaphà facendo o repaso do mellor do ano anterior.
Singles2016!, destripando os mellores singles, álbumes e bandas do ano. 
Será o sábado 14 de xaneiro.
E durante estas dúas semanas publicaremos tóda-las nosas listas.


Sáb.7: Marinocha Vs Jomitallas

O 2017 comeza coma sempre na cabina do Rif-Rock. 
Sesión de Marinocha, de novo acompañada por Jomitallas.
A primeira sesión de cada ano.


domingo, 1 de enero de 2017

Festaza de Fin de Ano

Outra vez cambiando de ano con Cuatro Fotos. Festaza insuperable!!
Unha pena a baixa de última hora de Jaleo, pero ahí estaba Rufo para deixarnos un par de horas de hits. Agora, a polo 2017!!