martes, 3 de diciembre de 2019

20 anos, e adeus!! GRAZAS!

GRAZAS!! O do sábado foi tremendo!
Unha despedida por todo o alto, como ben se merecía o Rif-Rock.
Dende o verán tiñamos claro que debiamos facer unha boa festa polo 20 aniversario, pero tamén estaba decidido que esa sería a noite de despedida do local. 
Por diferentes motivos foise adiando ata o sábado pasado, pero finalmente conseguimos o que queríamos: poder ver de novo á nosa banda favorita en directo logo de moitos anos, e reunir a uns cantos dos nosos mellores amigos facéndose cargo da cabina o resto da noite.
Ao final foron 20 anos e 5 meses, pero vaia se a espera pagou a pena. Reunimos unha vez máis a LOS HIJOS BASTARDOS DE PETER LORRE, non sabemos se por última vez (agardamos que non) pero o show que nos deixaron foi o máis especial da nosa vida. Estes catro son insuperables cada vez que se xuntan! Viva a familia Lorre!!
Pero todo o fin de semana foi moi especial, coa previa destroyer do venres, e tódolos que se pasaron pola cabina nestes últimos días. Irrepetible!
20 anos e 5 meses polos que lle debemos agradecementos eternos a tantos e tantos que o fixeron posible e aportaron o seu gran de area para que isto se mantivera vivo durante tanto tempo: traballando con nós, aportando ideas, músicos, creadores e amigos... nunca poderemos agradecerlles tanto ao longo de todos estes anos, que foron posibles por estar rodeados de moitísimo talento, con total liberdade de facer sempre o que nos petou, e sen facer nunca concesións ao que non nos apetecía.
20 anos e 5 meses deron para moitísimo, pero hoxe quedámonos co último fin de semana: con dous tipos que se meteron no corpo milleiros de km para chegar á nosa despedida, o que baixou en pixama asustado cando se enterou, o discurso de peche de H., ou o aquelarre de despedida de Kevi. 
O certo é que estamos sobrepasados por tantas mostras de cariño nestes días, e tardaremos en recuperarnos da festaza do sábado, así que xa iremos contestando a todos, e pouco a pouco compartindo o material que temos e o que nos fagades chegar.
Marchamos máis que satisfeitos por todos estes anos de Rif-Rock, e agradecidos a tódolos que formades parte desta enorme familia.
Seguiremos co blog, e coas redes unha tempada, para ir compartindo arquivos que temos no baúl, e seguro que moi cedo estaremos facendo máis cousas, pero xa de outro xeito, que ao fin e ao cabo facémonos maiores e nos reclaman para outras historias, pero xa sabedes que nunca paramos...
O último tema que soou no Rif, 'Heroes' de Bowie, por Toñín, e por todos.

Ata sempre amig@s!!

1 comentario:

guszamora dijo...

Obrigado.... y saludos. Felices fiestas