martes, 15 de enero de 2013

Ven 18: Dizzy Gillespie e bebop

O pasado día 6 de xaneiro cumpríanse 20 anos do pasamento do enorme Dizzy Gillespie, e como xa tiñamos outras sesións programadas para esas semanas agardamos ata esta para darlle un pouco máis de protagonismo. 
Será este venres (18 de xaneiro) cunha Sesión Intermitente de Bebop e por suposto moito Dizzy... non volo perdades bopers!!

lunes, 14 de enero de 2013

descarga sesión de Marinocha

Aquí tedes a sesión de Marinocha da Noite de Reis: Always Amazing!! 
Coma sempre a 1ª  sesión do ano na cabina do Rif-Rock, 12 cortes sen pausa...

MARINOCHA"Always Amazing!!"
[sesión Rif-Rock 5 xaneiro 2013]



Kurco Kim Jong & Ecce HoMon

Kurco Kim Jong & Ecce HoMon durante a sesión do sábado... menos poñer discos fixeron case de todo!! Segundo as súas propias declaracións "en realidade non había nin un só disco do 2012 que nos interesara ou interesase..."

*[aínda así nos próximos dias subiremos unhas cantas partes da sesión]


viernes, 11 de enero de 2013

Sáb.15: SINGLES2012!!

Mañan sábado (12 de xaneiro) é o turno de Kurco e Munstaphà na cabina no Rif-Rock para finaliza-lo proceso de restauración do ano que foi: Singles2012. Xa sabedes, coma sempre destripando tódo-los mellores álbumes, singles e bandas do 2012!!! Non vos perdades o show de Ecce(vs)Homo!!!


jueves, 10 de enero de 2013

a camiseta do 2012: No Pasarán!

A mellor camiseta do ano, non foi nesta ocasión para ningún colega do noso entorno, senón para Nadezhda Tolokonnikova das Pussy Riot, cando en xullo recuperou o clásico ¡No Pasarán! por volvernos facer creer...


a mellor colección do 2012... "Woody at 100"

Aínda nos quedaban atrás unhas cantas cousas máis para decidir sobre o mellor do 2012. Camiseta, clip e recopilatorio. Así que ahí vai.
No das compilacións cada un sempre tira por donde máis lle interesa, a aínda que durante gran parte do ano estiven case obsesionado co box de CAN "The Lost Tapes", e tamén nos parece imprescindible o "Listen Whiteys, the sounds of Black Power 1967-74", pero finalmente o noso premio á mellor colección/recopilatorio do ano é unha vez máis para unha edición da ilustre Smithsonian Institution (o ano pasado foi para a súa antoloxía de jazz), a merecida homenaxe a Woody Guthrie no seu centenario:

WOODY GUTHRIE
"Woody at 100. The Woody Guthrie Centennial Collection"
(Smithsonian Folkways, 2012)


Por xustiza histórica, e porqué non, por vinganza. No momento xusto se recuperou a Guthrie e a súa máquina de matar fascistas. Pero no musical resultaba imprescindible un traballo deste tipo, completo e riguroso para poder achegarse dun xeito organizado a un creador tan prolífico e disperso. Atoparedes sobre Guthrie outras compilacións maiores, pero nestes tres discos inclúense 21 temas inéditos, entre elas as primeiras gravacións de 1939 en la radio KFVD, e acompañado dun libro de máis de 150 paxs con fotos, portadas, biografía, discografía e lendas. Poucas veces unha edición deste estilo foi tan necesaria.



(contra)portada: Swans

E a mellor portada/deseño do 2012 (e mira que as había ben chulas) é para.... Swans!!! co seu álbum "The Seer", pero non pola portada, senón pola contraportada. Obra de Simon Henwood. Tremendo.



o clip do 2012: 'Hey Jane' de Spiritualized

O mellor clip do 2012, a anos luz dos seguintes, para o 'Hey Jane' de Spiritualized, dirixido por A.G. Rojas para Jason Pierce. 
A algúns pareceulles mal, ou non o entenderon. Tremendo!!!

miércoles, 9 de enero de 2013

'Atapuerca' de Metralletas Lecheras

Se o ano pasado foi moi difícil escoller o mellor clip do GZ Canibal entre Combo Dinamo e Telephones Rouges, no 2012 o galardón é de largo para os Metralletas Lecheras coa súa revisión de 'Atapuerca'. Aínda que o tema non é novo, posto xa o incluíran no primeiro volume do Galician Bizarre do 2010, neste ano fixeron un video-clip, xa coa nova formación. Seguro que vos lembrades do tema. 
A realización de Magnetova. Boísimo!!

2012 no GZ Canibal. 5 discos

Xa sei que vos prometera publica-la nosa lista do GZ Canibal para o xoves 10, pero como xa está feita ímonos adiantar... 
O 2012 foi outro ano fantástico nesta esquina do mundo, aínda que só sexa no que a música se refire, e se tamén botamos en falla algunha edición máis coa que contabamos, houbo álbumes de tódo-los estilos para quedar ben satisfeitos. 
Desta vez voltamos a deixalo nunha selección de 5 traballos, para que logo non nos acusedes de que tentamos quedar ben con todo dios... Pero sen dúbida se hai algo que todos deberiades ter na casa é o voso exemplar do compilatorio Galician Bizarre II!! imprescindible para comprender este ano que foi, senón é que tedes un problema...

Ben pois ahí vai o noso Top5 de GZ Canibal do 2012:


5. JANE JOYD "Shy little Jane presents: the dramatic Tale of her Animals" (Origami, 2012)
Supoñemos que a estas alturas xa non haberá comparacións posibles con outras cousas que nada teñen que ver co estilo de Jane Joyd, e con este ep conseguiu tamén sacarse a etiqueta do proxecto demo. Son 4 temas elegantes e intensos, cunhas orquestacións envexables que sen embargo non restan protagonismo á súa voz. Solo pola inicial 'The Cage' xa merecería estar aquí. Para nós unha das grandes sorpresas do ano.


4. SRASRSRA"Puchao"
(Discos Humeantes, 2012)
Neste 2012 por fin chegou o debut en largo do dúo coruñés SraSrSra, punk desenfadado, auténticas burradas, escatoloxía e malas compañas. Algúns non lle atopan sentido algún, pero iso é o que pasa cando se perde o sentido do humor e pretenden tomalo todo en serio. E menos mal que están aquí os putos señora para facernos pasar un bó rato. Son 15 temas entre os que se inclúen os das súas maquetas anteriores, e tres máis no bandcamp.


3. TELEPHONES ROUGES "Disenso"
(Mama Vynila / Matapadre, 2012)
Logo do fantástico ep do ano pasado (que tamén estivo no noso top do 2011), a comezos de ano o split compartido con Piñata no que incluían o seu 'Ei Meu', a finais de ano por fin chegou o seu primeiro lp "Disenso", intenso e ruidoso coma sempre e con once temas sen desperdicio, 'impulsos', Cristal', 'Vran' ou 'Aroa' entran fácil, pero se queredes máis emocións ahí tedes 'Descuartizarte' e os dous cortes finais 'Siebenundatchzig' e 'Eine Kugel'. Discazo!!


2. UNICORNIBOT "Dálle"
(Matapadre, 2012)
Os de Pontevedra son a cabeza máis visible do Colectivo Metamovida, e foron unha das sensacións do ano pasado, se o seu debut "Hare Krishna" do 2010 foi todo un pelotazo, o seu retorno con "Dálle" está a recibi-lo recoñecemento de todo dios. Que si math-rock, que si post-hardcore... escoitade de tirón este "Dalle" e deixádevos suxestionar por estes 10 cortes instrumentais con títulos delirantes. E non os perdades en directo. Impresionantes.


1. THE ALLNIGHT WORKERS "Do it Again, please!"
(Grabaciones de Impacto, 2012)
Xa non imos presentar a The Allnight Workers por que sabedes que son unha das nosas bandas favoritas. Directamente xogan noutra liga, pola súa mestura de rhythm'n'blues, jump blues e swing, polo seu talento e por como o fan. Gravado novamente nos estudios Lightning Recorders de Berlín nun proceso 100% analóxico, e logo publicado coma sempre por Grabaciones de Impacto  nunha edición coidada ata o último detalle. Unha auténtica viaxe no tempo. Agardemos que haxa unha terceira!!!



U-los Marinochas?

Como últimamente está tan de moda o de involucrarse en filtracións, roubar documentos, publicalos ou incluso lucrarse co traballo dos demáis, aquí vos deixo un croquis de adianto do que será o ep de debut de U-los Marinochas?!!!

Incrible documento!!! Top Secret.


martes, 8 de enero de 2013

The Melvins "The Bulls & The Bees EP"

Tras unha tempada adicada a outros proxectos Osborne e Crover retomaron  a actividade con The Melvins no pasado 2012, ademáis de varios 7'' a comezos de ano publicaron de balde o seu ep de retorno "The Bulls & The Bees" directamente na web do selo, podedes atopalo na colección de Scion Audio Visual.

THE MELVINS "The Bulls & The Bees EP"
(Scion A/V, 2012)



lunes, 7 de enero de 2013

"Suenan las Alarmas. Detrás de La4Pared" o documental

La4Pared estrearon onte mesmo o mini-documental "Suenan las Alarmas. Detrás de La4Pared" para conmemorar o primeiro ano da banda como tal. Está realizado na súa totalidade por Carla Piñeiro e Irene Ríos. Botádelle un ollo...


este sábado: Singles2012


viernes, 4 de enero de 2013

Sábado 5: Marinocha!!

Esta noite recuperamo-la normalidade de horarios de fin de semana... 
e mañán Sábado 5 de xaneiro, en plena Noite de Reis, a primeira sesión do 2013, que como xa é tradición será Marinocha a encargada de poñer fin a estas semanas de festas e comeza-lo novo ano dende a nosa cabina.
Non vo-lo perdades!!!


'Lonely Boy project' mellor momento Rif-Rock 2012

Pechadas as votacións do mellor momento do 2012 no Rif-Rock, nunca foi tan aplastante a maioría de votos polo mesmo candidato, case por unaniminade!!! O irresistible video para o Lonely Boy Project!! con H.(punto) como protagonista e Denis na producción e dirección, parabéns amigos!!! 
xa podedes pasar a recolle-lo premio!!



Ty Segall "Twins"

E despois de publicar a nosa lista dos mellores álbumes do 2012, nada mellor que compartir o que seleccionamos no primeiro lugar: o "Twins" de Ty Segall
Discazo donde os haxa!!!
Desta vez xa non é que este sexa o álbum do ano para nós, senón que a Ty Segall poderíano declarar directamente coma o mellor artista de rock de todo o século XXI con todo o que queda por diante. Con só 25 anos leva publicadas máis de medio centenar de referencias, algo así como a publicación por mes, e todo dun nivel envexable. Este ano ó marxe de 7'' e eps, lanzou tres álbumes. Primeiro chegou o "Hair" asinado por Ty Segall & White Fence, logo foi o tremendo "Slaughterhouse" da Ty Segall Band, e finalmente este "Twins" asinado solo por Ty Segall, que supera calqueira outro intento de incontinencia creativa. A cada cal mellor que o anterior. Aqui non hai nada de triloxias nin de asuntos conceptuais, cada álbum responde ó seu momento e punto, e o nivel de Ty Segall polo momento non parece ter topes. Se despois do "Lemons" do 2009 semellaba que podería manexarse mellor nas edicións de pequeno formato, este ano reventou tóda-las previsións con estes tres cañonazos. Coma sempre punk-garage-pop-cacharros-todo-LoFi, agora xa non sempre a toda velocidade, e cunha rítmica variable moito máis interesante, que sen dúbida e algo que foi mellorando cos anos. Sen discusión o mellor de todo o 2012!!!
TY SEGALL "Twins"
(Drag City, 2012)


faite con Twins en No Data (There is no Future).


jueves, 3 de enero de 2013

10 discos do 2012 para RifRocKerZ!!!

Outra vez máis nos atopamos fronte a un resumo dos álbumes de un ano. O 2012 foi bastante contradictorio. E ademáis esto de facer listas ten un compoñente provocador importante, pero xa sabedes que nós somos máis serios que ninguén e ademáis sempre temos razón, coma todos, claro... Así que desta vez nin tan sequera imos falar das mediocridades que escollen os demáis!!!

En medio de un ano bastante mediocre no que a álbumes se refire, atopamos alomenos 15 ou 20 discos excepcionais moi por riba da media, e por suposto foron dos que máis soaron no local, así que os habituais xa podiades ir intuíndo o resultado final. Hai uns cantos álbumes que nos costou deixar fora, coma o "Sweet Heart, Sweet Light" de Spiritualized, ou o "Celebration Rock" dos Japandroids (sen dúbida 'The House that heaven built' é un dos superhits do ano), ou tamén aínda que en menor medida o "Shields" dos Grizzly Bear, pero nos tres casos nos pareceron demasiado irregulares. 

Pero houbo outros dous que nos costou moito deixar fora da selección final, como foron o album homónimo dos The Spyrals, e o fantástico "Allelujah! Don't Bend! Ascend!" dos Godspeed You! Black Emperor, así que mellor que os teñades en conta coma se estiveran no noso top10...
Veña ahí o tedes:


10. CONVERGE "All we love we leave behind"
(Epitaph, 2012)

Xa pasou máis de unha década dende que o seu "Jane Doe" nos fixo coñecer a Converge, aínda que xa era o seu cuato álbum. Agora con máis de 20 anos de vida podemos asegurar que veñen de publica-lo seu mellor traballo. Son unha desas bandas que sempre está na busca de novas vías dentro do hardcore, sempre nas liñas máis heterodoxas (logo lle poñedes os prefixos que queirades), traspasándoas, e non sempre lles sae ben porque a miudo se pasan de voltas. Desta vez sí, porque conseguen acertar no que mellor funcionan, "All we love..." son 14 cortes furiosos, pero no que a velocidade e a violencia non són a súa finalidade porque sí, senón unha máis das canles de comunicación. Impecables no técnico, e moito máis limpio que os anteriores. Aínda así segue a ser unha descarga de adrenalina só para iniciados...




9. THE ATTENTION! "Gettin' All"
(Screaming Apple, 2012)

A cuota de garage/rhythmn'blues/beat a poñen os austríacos The Attention!, se o seu debut nos deixou encantados, este "Gettin' All" é adictivo a máis non poder. Por veces case frat-rock ainda que demasiado elegante, noutras puristas demasiado sofisticados. O caso é que atoparon a fórmula con ese punto de equilibrio no que todo funciona, dende a marabillosa 'Have a drink' ou 'Dandy Groove' ata a despedida con 'No one else'. E todo de corrido, a un ritmo frenético e moi ben secuenciado, faise cortísimo!!!




8. KEITH JARRETT "Sleeper"
(ECM/Distrijazz, 2012)

Nesta ocasión rompemos con tódo-los criterios. Non é o primeiro álbum de jazz que incluímos nos nosos rankings, pero o caso é curioso. Trátase do último traballo publicado polo pianista Keith Jarrett, aínda que de novo non ten nada, senón que é a publicación dun concerto en Tokyo de 1979, baixo o acertado título de "Sleeper" posto que ademáis nada se di das razóns polas que estas grabacións históricas estiveron ocultas durante máis de 30 anos, nin da súa conservación, nin nada, pero o certo é que este álbum recibiu máis halagos que calqueira outro dos seus 50 anos de carreira. No escenario o propio Keith Jarrett ó piano (aínda que se di deste concerto que foi a última vez que Jarrett se aplicou tamén coa percusión e o saxo), acompañado por Jan Garbarek nos ventos, Palle Danielssonno contrabaixo e Jon Christensen na batería. Son sete pezas das que normalmente se destaca o freejazz latino de 'Prism' ou das melodías de 'So Tender' e 'New Dance', pero eu me quedo descaradamente coa rítmica de 'Personal Mountains' e a psicodelia ácida dos 28 minutos de 'Oasis'. Unha obra mestra do jazz recuperada. 





7. MISSION OF BURMA "Unsound"
(Fire Records, 2012)

Xa sabedes que somos uns fanáticos da banda de Boston, da súa lenda, da súa extraña discontinuidade no tempo, de banda seminal incomprendida, a mito, para un retorno fulgurante que se prolonga máis de unha década. En "Unsounds" cada corte é un manifesto de chamada á acción, de verdades coma puños que te golpean tantas veces como faga falla ata que o comprendas, e máis cando "Unsound" está feito para escoitalo do revés. E polo demáis coma sempre, guitarras, baixo e bateria, afiadas, graves e de rítmica contundentes, que é como entenden (eso que outros chaman) o post-punk os mesmos que o inventaron. Pola súa historia e polo seu presente o mundo necesita ós Mission of Burma, e máis coa que está caendo...





6. GUIDED BY VOICES "Class Clown Spots a UFO"
(GbV Inc./Fire Records, 2012)

Robert Pollard e os seus Guided by Voices voltaron este curso por todo o alto. Tra-las probas dos seus 7'' do 2011, no 2012 entregáronnos seis singles e eps e tres álbumes fantásticos. Primeiro foi o "Let's go eat the Factory", logo este "Class Clown Spots a UFO" e remataron o ano con "The Bears for Lunch". Unha incontinencia editora marabillosa, na que destacamos esta segunda entrega, cos seus 21 temas de rock lo-fi, de baixa intensidade, de pop brillante, á súa maneira, cos seus grandes acertos e as súas cagadas, coma sempre, senón non serían eles. Temazos de gran calibre coma 'He rises! Our Union Bellboy', 'Blue Babbleships Bay', Billy Wire' ou Hang up and try again' ós que ninguén lles prestará atención, pasaxes esaxeradamente cacharreiros coma 'Tyson's High School' ou 'Worm with 7 broken hearts', e unhas cantas xoias acústicas. De todo coma sempre, aínda que neste volume un pouco máis desatados de guitarras que no anterior. E parece que no 2013 máis!!!






5. DR. JOHN "Locked Down"
(Nonesuch Records, 2012)

Dr. John (Mac Rabennack) é unha das miñas figuras imprescindibles, e ahí sigue deixándonos máis obras mestras. Este ano outros mitos coma Bob Dylan ou Neil Young se colarán en moitos rankings do mellor do ano, pero para nós Dr.John soubo actualizar o seu discurso ó s.XXI. Para elo recurre ó mitómano Dan Auerbach dos Black Keys, unha colaboración entre dúas xeracións, o presente e o mito, que se complementan á perfección. Recorda ós seus mellores temas da ápoca dos rituais de vudú psycodélico, resucitados con texturas totalmente actuais, con máis ritmo, velocidade e potencia como fuxida da parodia revivalista de si mesmo. Son dez temas nos que como sempre Rabennack recrea tóda-las vías da música negra en clave de New Orleans pasado polo seu especial filtro ritual, e desta vez o resultado é o mellor en moitos anos, ademáis dos textos cabreados de vello gruñón que chegan nun momento máis que oportuno. Dende os cortes de rhythm'n'blues ácido cargados de cánticos ceremoniais, a explosións de funk, pasando por momentos cabareteiros e un guiño a Captain Beefheart, para despedirse en clave de soul... fenomenal!! 




4. SWANS "The Seer"
(Young God Records, 2012)

A segunda xuventude de Michael Gira e os seus Swans está a superar tóda-las expectativas. Si o seu retorno no 2010 co "My father will guide me up a rope to the sky" foi aclamado coma un dos mellores traballos do seu ano logo de case 15 de silencio, este  novo álbum recibe unha unanimidade tan aplastante como poucas veces temos visto. En realidade se facedes unha pesquisa por 20, 50 ou 100 listas do mellor do ano publicadas por diferentes medios, este "The Seer" será o único que aparece en todas elas, sacade vós as conclusións... 
Está autoproducido polo propio Gira e editado polo seu propio selo Young God, e financiado cos ingresos do directo publicado a comezos de ano "We Rose from your bed with the Sun in our Bed". Esquecédevos das etiquetas de post-punk, nin no-wave nin paranoias rock, nada diso, son Swans e punto. The Seer son máis de dúas horas que te deixan K.O. de principio a fin. Podemos descatar 'Avatar', 'Lunacy' ou a media hora de 'The Seer', pero esto está feito para escoitalo de tirón, alomenos cada unha das partes, e deixar que te pase coma unha apisonadora unha e outra vez en cada subida e baixada... Esto é de outro nivel.





3. THE LOVELY EGGS "Wildlife"
(Cherryade Records, 2012)

The Lovely Eggs son un dúo británico que nunca deixan de sorprenderme, para min son o mellor dos últimos anos, os máis frescos e cada vez menos acomplexados que toda esa porquería que se empeñan en meternos polos ollos e ouvidos. Lembranme os primeiros Pavement pero máis lo-fi, ou os Sebadoh máis cacharreiros, dende o seu primeiro ep alá polo 2007 ("Fried Egg EP") ata este seu terceiro lp, "Wildlife" con cambios de ritmo imposibles, berros, melodías, aceleróns, e todo dun xeito o máis sinxelo posible, para mostra a fantástica 'Don't Patent that shoe'. Letras absurdas e ademáis de toda a divertida parafernalia que se marcan nas súas edicións. Así debeu de ser sempre o pop. Imprescindible amigos!!!





2. NICK WATERHOUSE "Time's All Gone"
(Innovative Leisure, 2012)

O primeiro lp de Nick Waterhouse está a ser unha das sensacións da tempada. Obsesionado do rhythm'n'blues e o soul orixinal máis purista, chegando a empregar mesas analóxicas auténticas dos míticos estudios dos selos Chess ou Stax. Despois de producir varios traballos lanzouse co seu propio material, primeiro varios 7'' (algún 8'') e tra-lo ep do ano pasado ("Is that clear") a comezos de verán publicou o seu primeiro lp, este fantástico "Time's All Gone", que inclúe tres temas do anterior ep 'Is that Clear', 'Some Place', e a versión dos Them 'I Can only give you everything' en clave Motown, e que completa con outras sete xoias do xénero, máis escuras e rítmicas como 'Say I wanna Know', 'Dont forget it' ou as dúas partes do 'Time's All Gone'. Tremendo, do mellor que escoitei en bastante tempo!!!




1. TY SEGALL "Twins"
(Drag City, 2012)

Desta vez xa non é que este sexa o álbum do ano para nós, senón que a Ty Segall poderíano declarar directamente coma o mellor artista de rock de todo o século XXI con todo o que queda por diante. Con só 25 anos leva publicadas máis de medio centenar de referencias, algo así como a publicación por mes, e todo dun nivel envexable. Este ano ó marxe de 7'' e eps, lanzou tres álbumes. Primeiro chegou o "Hair" asinado por Ty Segall & White Fence, logo foi o tremendo "Slaughterhouse" da Ty Segall Band, e finalmente este "Twins" asinado solo por Ty Segall, que supera calqueira outro intento de incontinencia creativa. A cada cal mellor que o anterior. Aqui non hai nada de triloxias nin de asuntos conceptuais, cada álbum responde ó seu momento e punto, e o nivel de Ty Segall polo momento non parece ter topes. Se despois do "Lemons" do 2009 semellaba que podería manexarse mellor nas edicións de pequeno formato, este ano reventou tóda-las previsións con estes tres cañonazos. Coma sempre punk-garage-pop-cacharros-todo-LoFi, agora xa non sempre a toda velocidade, e cunha rítmica variable moito máis interesante, que sen dúbida e algo que foi mellorando cos anos. Sen discusión o mellor de todo o 2012!!!




E a próxima semana publicaremos a nosa lista do GZ Canibal do 2012!!!