jueves, 3 de enero de 2013

10 discos do 2012 para RifRocKerZ!!!

Outra vez máis nos atopamos fronte a un resumo dos álbumes de un ano. O 2012 foi bastante contradictorio. E ademáis esto de facer listas ten un compoñente provocador importante, pero xa sabedes que nós somos máis serios que ninguén e ademáis sempre temos razón, coma todos, claro... Así que desta vez nin tan sequera imos falar das mediocridades que escollen os demáis!!!

En medio de un ano bastante mediocre no que a álbumes se refire, atopamos alomenos 15 ou 20 discos excepcionais moi por riba da media, e por suposto foron dos que máis soaron no local, así que os habituais xa podiades ir intuíndo o resultado final. Hai uns cantos álbumes que nos costou deixar fora, coma o "Sweet Heart, Sweet Light" de Spiritualized, ou o "Celebration Rock" dos Japandroids (sen dúbida 'The House that heaven built' é un dos superhits do ano), ou tamén aínda que en menor medida o "Shields" dos Grizzly Bear, pero nos tres casos nos pareceron demasiado irregulares. 

Pero houbo outros dous que nos costou moito deixar fora da selección final, como foron o album homónimo dos The Spyrals, e o fantástico "Allelujah! Don't Bend! Ascend!" dos Godspeed You! Black Emperor, así que mellor que os teñades en conta coma se estiveran no noso top10...
Veña ahí o tedes:


10. CONVERGE "All we love we leave behind"
(Epitaph, 2012)

Xa pasou máis de unha década dende que o seu "Jane Doe" nos fixo coñecer a Converge, aínda que xa era o seu cuato álbum. Agora con máis de 20 anos de vida podemos asegurar que veñen de publica-lo seu mellor traballo. Son unha desas bandas que sempre está na busca de novas vías dentro do hardcore, sempre nas liñas máis heterodoxas (logo lle poñedes os prefixos que queirades), traspasándoas, e non sempre lles sae ben porque a miudo se pasan de voltas. Desta vez sí, porque conseguen acertar no que mellor funcionan, "All we love..." son 14 cortes furiosos, pero no que a velocidade e a violencia non són a súa finalidade porque sí, senón unha máis das canles de comunicación. Impecables no técnico, e moito máis limpio que os anteriores. Aínda así segue a ser unha descarga de adrenalina só para iniciados...




9. THE ATTENTION! "Gettin' All"
(Screaming Apple, 2012)

A cuota de garage/rhythmn'blues/beat a poñen os austríacos The Attention!, se o seu debut nos deixou encantados, este "Gettin' All" é adictivo a máis non poder. Por veces case frat-rock ainda que demasiado elegante, noutras puristas demasiado sofisticados. O caso é que atoparon a fórmula con ese punto de equilibrio no que todo funciona, dende a marabillosa 'Have a drink' ou 'Dandy Groove' ata a despedida con 'No one else'. E todo de corrido, a un ritmo frenético e moi ben secuenciado, faise cortísimo!!!




8. KEITH JARRETT "Sleeper"
(ECM/Distrijazz, 2012)

Nesta ocasión rompemos con tódo-los criterios. Non é o primeiro álbum de jazz que incluímos nos nosos rankings, pero o caso é curioso. Trátase do último traballo publicado polo pianista Keith Jarrett, aínda que de novo non ten nada, senón que é a publicación dun concerto en Tokyo de 1979, baixo o acertado título de "Sleeper" posto que ademáis nada se di das razóns polas que estas grabacións históricas estiveron ocultas durante máis de 30 anos, nin da súa conservación, nin nada, pero o certo é que este álbum recibiu máis halagos que calqueira outro dos seus 50 anos de carreira. No escenario o propio Keith Jarrett ó piano (aínda que se di deste concerto que foi a última vez que Jarrett se aplicou tamén coa percusión e o saxo), acompañado por Jan Garbarek nos ventos, Palle Danielssonno contrabaixo e Jon Christensen na batería. Son sete pezas das que normalmente se destaca o freejazz latino de 'Prism' ou das melodías de 'So Tender' e 'New Dance', pero eu me quedo descaradamente coa rítmica de 'Personal Mountains' e a psicodelia ácida dos 28 minutos de 'Oasis'. Unha obra mestra do jazz recuperada. 





7. MISSION OF BURMA "Unsound"
(Fire Records, 2012)

Xa sabedes que somos uns fanáticos da banda de Boston, da súa lenda, da súa extraña discontinuidade no tempo, de banda seminal incomprendida, a mito, para un retorno fulgurante que se prolonga máis de unha década. En "Unsounds" cada corte é un manifesto de chamada á acción, de verdades coma puños que te golpean tantas veces como faga falla ata que o comprendas, e máis cando "Unsound" está feito para escoitalo do revés. E polo demáis coma sempre, guitarras, baixo e bateria, afiadas, graves e de rítmica contundentes, que é como entenden (eso que outros chaman) o post-punk os mesmos que o inventaron. Pola súa historia e polo seu presente o mundo necesita ós Mission of Burma, e máis coa que está caendo...





6. GUIDED BY VOICES "Class Clown Spots a UFO"
(GbV Inc./Fire Records, 2012)

Robert Pollard e os seus Guided by Voices voltaron este curso por todo o alto. Tra-las probas dos seus 7'' do 2011, no 2012 entregáronnos seis singles e eps e tres álbumes fantásticos. Primeiro foi o "Let's go eat the Factory", logo este "Class Clown Spots a UFO" e remataron o ano con "The Bears for Lunch". Unha incontinencia editora marabillosa, na que destacamos esta segunda entrega, cos seus 21 temas de rock lo-fi, de baixa intensidade, de pop brillante, á súa maneira, cos seus grandes acertos e as súas cagadas, coma sempre, senón non serían eles. Temazos de gran calibre coma 'He rises! Our Union Bellboy', 'Blue Babbleships Bay', Billy Wire' ou Hang up and try again' ós que ninguén lles prestará atención, pasaxes esaxeradamente cacharreiros coma 'Tyson's High School' ou 'Worm with 7 broken hearts', e unhas cantas xoias acústicas. De todo coma sempre, aínda que neste volume un pouco máis desatados de guitarras que no anterior. E parece que no 2013 máis!!!






5. DR. JOHN "Locked Down"
(Nonesuch Records, 2012)

Dr. John (Mac Rabennack) é unha das miñas figuras imprescindibles, e ahí sigue deixándonos máis obras mestras. Este ano outros mitos coma Bob Dylan ou Neil Young se colarán en moitos rankings do mellor do ano, pero para nós Dr.John soubo actualizar o seu discurso ó s.XXI. Para elo recurre ó mitómano Dan Auerbach dos Black Keys, unha colaboración entre dúas xeracións, o presente e o mito, que se complementan á perfección. Recorda ós seus mellores temas da ápoca dos rituais de vudú psycodélico, resucitados con texturas totalmente actuais, con máis ritmo, velocidade e potencia como fuxida da parodia revivalista de si mesmo. Son dez temas nos que como sempre Rabennack recrea tóda-las vías da música negra en clave de New Orleans pasado polo seu especial filtro ritual, e desta vez o resultado é o mellor en moitos anos, ademáis dos textos cabreados de vello gruñón que chegan nun momento máis que oportuno. Dende os cortes de rhythm'n'blues ácido cargados de cánticos ceremoniais, a explosións de funk, pasando por momentos cabareteiros e un guiño a Captain Beefheart, para despedirse en clave de soul... fenomenal!! 




4. SWANS "The Seer"
(Young God Records, 2012)

A segunda xuventude de Michael Gira e os seus Swans está a superar tóda-las expectativas. Si o seu retorno no 2010 co "My father will guide me up a rope to the sky" foi aclamado coma un dos mellores traballos do seu ano logo de case 15 de silencio, este  novo álbum recibe unha unanimidade tan aplastante como poucas veces temos visto. En realidade se facedes unha pesquisa por 20, 50 ou 100 listas do mellor do ano publicadas por diferentes medios, este "The Seer" será o único que aparece en todas elas, sacade vós as conclusións... 
Está autoproducido polo propio Gira e editado polo seu propio selo Young God, e financiado cos ingresos do directo publicado a comezos de ano "We Rose from your bed with the Sun in our Bed". Esquecédevos das etiquetas de post-punk, nin no-wave nin paranoias rock, nada diso, son Swans e punto. The Seer son máis de dúas horas que te deixan K.O. de principio a fin. Podemos descatar 'Avatar', 'Lunacy' ou a media hora de 'The Seer', pero esto está feito para escoitalo de tirón, alomenos cada unha das partes, e deixar que te pase coma unha apisonadora unha e outra vez en cada subida e baixada... Esto é de outro nivel.





3. THE LOVELY EGGS "Wildlife"
(Cherryade Records, 2012)

The Lovely Eggs son un dúo británico que nunca deixan de sorprenderme, para min son o mellor dos últimos anos, os máis frescos e cada vez menos acomplexados que toda esa porquería que se empeñan en meternos polos ollos e ouvidos. Lembranme os primeiros Pavement pero máis lo-fi, ou os Sebadoh máis cacharreiros, dende o seu primeiro ep alá polo 2007 ("Fried Egg EP") ata este seu terceiro lp, "Wildlife" con cambios de ritmo imposibles, berros, melodías, aceleróns, e todo dun xeito o máis sinxelo posible, para mostra a fantástica 'Don't Patent that shoe'. Letras absurdas e ademáis de toda a divertida parafernalia que se marcan nas súas edicións. Así debeu de ser sempre o pop. Imprescindible amigos!!!





2. NICK WATERHOUSE "Time's All Gone"
(Innovative Leisure, 2012)

O primeiro lp de Nick Waterhouse está a ser unha das sensacións da tempada. Obsesionado do rhythm'n'blues e o soul orixinal máis purista, chegando a empregar mesas analóxicas auténticas dos míticos estudios dos selos Chess ou Stax. Despois de producir varios traballos lanzouse co seu propio material, primeiro varios 7'' (algún 8'') e tra-lo ep do ano pasado ("Is that clear") a comezos de verán publicou o seu primeiro lp, este fantástico "Time's All Gone", que inclúe tres temas do anterior ep 'Is that Clear', 'Some Place', e a versión dos Them 'I Can only give you everything' en clave Motown, e que completa con outras sete xoias do xénero, máis escuras e rítmicas como 'Say I wanna Know', 'Dont forget it' ou as dúas partes do 'Time's All Gone'. Tremendo, do mellor que escoitei en bastante tempo!!!




1. TY SEGALL "Twins"
(Drag City, 2012)

Desta vez xa non é que este sexa o álbum do ano para nós, senón que a Ty Segall poderíano declarar directamente coma o mellor artista de rock de todo o século XXI con todo o que queda por diante. Con só 25 anos leva publicadas máis de medio centenar de referencias, algo así como a publicación por mes, e todo dun nivel envexable. Este ano ó marxe de 7'' e eps, lanzou tres álbumes. Primeiro chegou o "Hair" asinado por Ty Segall & White Fence, logo foi o tremendo "Slaughterhouse" da Ty Segall Band, e finalmente este "Twins" asinado solo por Ty Segall, que supera calqueira outro intento de incontinencia creativa. A cada cal mellor que o anterior. Aqui non hai nada de triloxias nin de asuntos conceptuais, cada álbum responde ó seu momento e punto, e o nivel de Ty Segall polo momento non parece ter topes. Se despois do "Lemons" do 2009 semellaba que podería manexarse mellor nas edicións de pequeno formato, este ano reventou tóda-las previsións con estes tres cañonazos. Coma sempre punk-garage-pop-cacharros-todo-LoFi, agora xa non sempre a toda velocidade, e cunha rítmica variable moito máis interesante, que sen dúbida e algo que foi mellorando cos anos. Sen discusión o mellor de todo o 2012!!!




E a próxima semana publicaremos a nosa lista do GZ Canibal do 2012!!!



No hay comentarios: