lunes, 19 de noviembre de 2012

X.M. Pereiro "Prestige. Tal como foi, tal como fomos"

O pasado xoves 15 presentouse o novo traballo de Xosé Manuel Pereiro: "Prestige, Tal como foi, tal como fomos", publicada por 2.0 Editora no que é o segundo volume da nova colección Xornalistas. Pereiro relata con moito humor os feitos da catástrofe a partires do primeiro aviso de emerxencia emitido polo buque, desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe, así como de tóda-las súas consecuencias nos ámbitos máis diversos, ou de como dez anos despois só unhas poucas cousas mudaron. Como avance aquí podedes botarlle un ollo ó pdf do primeiro capítulo: Fisterra, temos un problema

Xosé Manuel Pereiro "Prestige. Tal como foi, tal como fomos"
(2.0 Editora, 2012)


Así no-lo presentan na web de 2.0 Editora:

Este libro é un retrato do desastre, da galería de personaxes e protagonistas da traxedia, e de como nos comportamos como sociedade diante do desastre. Mudaron algo as cousas dez anos despois? Xulguen vostedes.
En novembro de 2002 a sociedade galega sofre unha devastadora catástrofe que provoca, en palabras do autor, un “cambio de mentalidade, un trastorno social transitorio” dos galegos. A ausencia de Estado diante do afundimento do Prestige cóbrese cunha marea branca de voluntarios que limparon as costas galegas de chapapote e de indolencia política.
Prestige, tal como foi, tal como fomos, segundo título da colección xornalistas, narra a crónica dese desastre, do que aconteceu desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe.
En palabras do autor:
"Este é o país que hai. O Prestige foi unha traxedia, pero deunos unha das poucas oportunidades que aproveitamos para demostrar que podemos ter dignidade. Que se queremos, ou se cadra, podemos ser algo máis e mellor do que somos.
A meirande marea negra da historia de Galicia provocou un cambio de mentalidade. Un trastorno social transitorio. Se non foi a máis debeuse a que a clase política que debería facelo seu, non o fixo. As forzas de esquerda por falta de ambición, exceso de conservadorismo ou medo a perder o posto. As de dereitas, polo mesmo, e porque as faccións máis reaccionarias se deron conta de que este anaco de mundo quería coller o temón para mudar un chisco o rumbo, e actuou en consecuencia.
Por esa razón neste libro non descubro as claves de nada, e o editor mentirá se pon iso na contraportada, porque do Prestige todo se sabe, ou sábese o que se pode saber, e o que queda é que se determinen as responsabilidades, na medida en que un xuízo as pode determinar, que neste caso é case nada. O que si intento é facer un retrato daqueles días. Eses retallos da vida que pasan en 20 segundos, pero en longo, e por escrito, que é do que máis ou menos sei.”
Prestige. Tal como foi, tal como fomos é o relato daqueles días, da galería de personaxes e protagonistas da traxedia, e de como nos comportamos como sociedade diante do desastre. Mudaron algo as cousas 10 anos despois? Xulguen vostedes. Mais o que si quedou claro é o desexo doutra Galicia posible. A sociedade simplemente agarda que os representantes políticos sintonicen a súa frecuencia. En Prestige. Tal como foi, tal como fomos, Xosé Manuel Pereiro retrata o acontecido des que o Prestige entrou nas nosas vidas ata que emporcou as nosas costas, nunha emocionante reportaxe na que o lector recoñecerá o seu habitual humor e enxeño. Unha mirada indispensable para entender por que a sociedade galega segue a berrarlle ao mundo “Nunca Máis!”.

No hay comentarios: