jueves, 30 de abril de 2015

Pat Metheny & Ornette Coleman "Song X"

30 de abril, outro Día Internacional do Jazz segundo a Unesco, así que comezamos o día cunha recomendación para este largo fin de semana.
Estivemos dubidando se recomendarvos un clasicazo de bebop, ou algo máis avanzado, e finalmente nos decidimos pola vía dura. Coma últimamente sempre vos recomendamos álbumes de jazz que tiran moito pola rítmica do funk, desta vez imos por outro camiño: un pouco de freejazz coa guitarra de Pat Metheny e o saxo de Ornette Coleman. Metheny xa versionara moitas das composicións de Coleman, e através de Charlie Haden que colaborara con ambos fixose viable este proxecto. "Song X" foi grabado en tres sesións en decembro de 1985. Participaron Metheny, Coleman, Haden no baixo, e con Jack DeJohnette e Denardo Coleman como percusionistas. 
Son oito temas entre os que só atoparedes dúas pausas de (digamos) normalidade en 'Mob Job' e 'Kathelin Gray', o resto é pura enerxía e aparente descontrol, con intención de resultar violento e desconcertante 'Song X', os 13 minutos de 'Endangered Species' ou 'Trigonomety' son fundamentais. Jazz libre con solos continuos e superpostos, e a guitarra de Metheny afinada nos mesmos tonos que o saxo de Coleman para aumenta-la confusión do oínte. Se non estades afeitos a este estilo, seguro que teredes que escoitalo máis dun par de veces, pero seguro que lle atoparedes moitísimos matices para seguir buscando máis. 
Publicouse a mediados de 1986 por Geffen Records, que dalquela só lanzaba mainstream, e no 2005 foi reeditado cos 14 temas das sesións completas deses días (coa portada que empregamos aquí). A ver que vos parece. 
E bó día do Jazz a todos!

Pat Metheny & Ornette Coleman "Song X"
(Geffen Records, 1986)



No hay comentarios: