martes, 17 de mayo de 2016

2ª edición de Vento Mareiro: Cabanillas e Castelao

Neste día das Letras Galegas, aproveitamos para compartir convosco tamén a lámina orixinal do poster que fixemos para o espectáculo do próximo sábado.
Kevi Aragunde interpretará con Karlos Abal a súa adaptación do Vento Mareiro de Cabanillas que leva moito tempo preparando
O poemario Vento Mareiro foi publicado por primeira vez na Habana o 1 de marzo de 1915, un poemario impactante, tanto no literario coma no social, e que da comezo á literatura galega contemporánea. Por suposto vos recomendamos o libro de Luis Rei "Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades" (Ed.Galaxia, 2009), pero tamén podedes atopar algo máis rápido neste artigo escrito polo propio Luis para o Faro de Vigo no centenario da publicación.

Pero nesta ocasión centrámonos na segunda edición de Vento Mareiro, publicada en Madrid pola Editorial Galatea en 1921, na que se engadían ilustracións de Álvaro Cebreiro no interior, e a cuberta cunha obra de Castelao realizada para a ocasión. Esta foi a ilustración que empregamos para o poster do sábado por suxerencia de Kevi.

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Vento mareiro, ca. 1921.
Aguada, Tinta, Papel. 23,5 cm x 33 cm. Museo de Pontevedra.
Trátase dun debuxo a plumilla e tinta china, de clara influencia da estampa xaponesa, e como o seu título indica Vento Mareiro, o protagonista, non son o paisano, nin os piñeiros nen as ondas do mar, senón o vento que condiciona todo o que vemos. Esta lámina foi unha das once que depositou o propio Castelao no Museo de Pontevedra en 1929. Evidentemente, tedes toda a info da obra na web do Museo de Pontevedra.
Debaixo a cuberta definitiva daquela 2ª edición do Vento Mareiro de 1921.

No hay comentarios: