miércoles, 10 de abril de 2019

Slint "Tweez"

Nestes días cúmprense 30 anos lanzamento do debut dos míticos Slint.
"Tweez" foi un deses álbumes heróicos, un deses que non debería ter saído nunca, pero que co empeño duns poucos adolescentes foi adiante e iniciou a historia dunha das bandas de culto para toda unha xeración. 
Con menos de un ano xuntos, o grupo meteuse no estudio no outono de 1987. A súa idea era moi arriscada, navegaban no ámbito do post-rock moito antes que se inventara o propio término, e estaban no momento en que se estaba creando o math-rock. A súa proposta era precisamente o canon desta última etiqueta, evolucións rápidas e curtas do rock progresivo, influencias do jazz e do hardcore, cambios de ritmo e estruturas complexas, e con todo o protagonismo para a batería. Parecerían uns auténticos extraterrestres no seu Kentucky natal.
Ademáis de arriscados, para a gravación dese lp foron tamén moi ambiciosos. Puxéronse nas mans de Steve Albini, xusto cando acababa de lanzar o seu último álbum cos Big Black ("Songs about fucking"), e aínda estaba nos inicios da súa carreira como productor, pero xa estaba sinalado para marcar unha época, e parte dese bo traballo foi o resultado que atopamos en "Tweez".
Son 9 temas que non chegan a 30 minutos, densos, ásperos e cheos de tensión. Os títulos dos temas son os nomes de pía dos pais e nais dos músicos, ademáis de 'Rhoda', polo nome do can do baterista Walford. Pola súa banda, as caras do vinilo levan os nomes de Bemis e Gerber.
"Tweeth" era un álbum que ía a marcar un cambio de época, pero que ninguén quería lanzar. Tras moitos ofrecimentos, os membros da banda xunto con algúns amigos tomaron a iniciativa e o lanzaron en 1989 co seu propio selo: Jennifer Hartman Records, directamente co nome dunha das súas amigas. Unha única referencia que quedou para historia do rock. Logo dunha pequena xira de presentación, todos voltaron ás clases na universidade.... aínda que poucos meses despois se meterían novamente no estudio a gravar temas que anos despois da separación da banda apareceron en eps, e serviron de ensaio para o mítico "Spiderland", co que pasarían para sempre a ser unha banda de culto. 

SLINT "Tweez"
(Jennifer Hartman Records / Touch & Go, 1989)



No hay comentarios: