E máis álbumes de Dwyer e compañía, o máis recente que fai o número 20 do grupo. A semana pasada lanzaron unha nova entrega do seu proxecto paralelo: OCS, marca coa que publican as súas composicións máis freak e folk, e que tiñan aparcado por máis de dez anos tras publicar catro álbumes entre 2003 e 2005. A base do proxecto son John Dwyer e o baterista Patrick Mullins, sempre rodeados de bos colaboradores, desta vez contan con Heather Lockie, e Mikal Cronin a cargo dos arranxos de ventos. Pero o máis salientable desta ocasión é o retorno da británica Brigid Dawson, que abandonara hai anos os Oh Sees, e compón a medias con Dwyer de todo o álbum, e ahí están compartindo portada.
"Memory of a Cut Off Head" son dez cancións de folk psychodélico, con xogos de voces entre Dwyer e Dawson, ventos, e incribles arranxos de cordas. Por recomendarvos algún tema, quédome con 'Cannibal Planet' ou 'On and on Corridor', pero é un álbum para escoitar de corrido varias veces. Se sodes seguidores dos Oh Sees dos últimos tempos, seguro que esta outra proposta vos sorprende. Recomendado.
Mentres repasamos todos eses lanzamentos que estaban previstos para o Record Store Day, e polos que teremos que agardar, imos atopándo auténticas marabillas que están a poñernos os dentes longos.
Un deles é o novo dos Damaged Bug, a banda de John Dwyer paralela aos Oh Sees. "Bug On Yonkers" é o que Dwyer tiña preparado para este RDS, un álbum de homenaxe ao xenial Michael Yonkers.
Xa vostemos recomendado neste blog o "Microminiature Love" da Michael Yonkers Band, un auténtico pioneiro de novos sons nos efervescentes finais dos 60s. Eu non cheguei ata el ata que Sub Pop reeditou ese álbum no 2003, pero dende entón o teño coma un dos discos imprescindibles desa época.
"Bug On Yonkers" estará dispoñible online o próximo día 18 e en vinilo, se é posible, para o RSD do 20 de xuño.
En calqueira caso, unha ocasión perfecta para recuperar os discos de Yonkers.
Ollando a lista de próximos lanzamentos, o 2015 preséntase máis que interesante, o inquedo John Dwyer é dos que alomenos teremos por partida dobre, unha vez anunciado o lanzamento do novo álbum de Thee Oh Sees, e do seu último proxecto/xoguete en solitario Damaged Bug. Así que esta semana estivemos repasando os seus últimos traballos, sobre todo hipnotizados por este "Hubba Bubba" ó que tiramos do seu álbum do ano pasado non lle prestamos moita atención. Foi o primeiro lanzamento como Damaged Bug cando parecía que a súa banda principal non continuaba, pero non busquedes moitas semellanzas. Moita cacharrería analóxica para un álbum divertido de baixa fidelidade, con esas melodías características de Dwyer, con cambios continuos e rítmicas machaconas. Coma os álbumes dos seus inicios pero moito máis elaborado. Para quedarse hipnotizado un bo rato mentres agardamos polo que nos traerá este ano.
Thee Oh Sees están de volta. Os de John Dwyer lanzaron a finais do verán 'Orc', desta vez sinxelamente coma Oh Sees, e anuncian que así seguirán unha tempada, xa que eses cambios de nome sempre coinciden con cambios na formación.
En "orc" continúan con certa experimentación dos seus álbumes do ano pasado, pero xa integrados totalmente no seu son clásico, pero con máis potencia que en anteriores entregas. Arranca con 'The Static God' coma un auténtico cañonazo con ritmo motorik, o single 'Nnite Expo', a contuntente 'Animated Violence' que se achega ao metal, para dar paso aos xogos máis pausados de 'Key to the Castle' en oito minutos. 'Jettisoned ' e 'Cadaver Dog' nos devolven ás súas composicións máis habituais de garage psych, mentres que ata o final son moitas evolucións de cambios de tempo, coma 'Paranoise' ou 'Drowned Beast' ,xogos coas atmósferas e todos eses trucos tan recoñecibles marca da casa.
Aquí tedes a lista de álbumes do 2015 de Munstaphá.
Os que máis me gustaron, por que foron os que máis pinchamos no Rif-Rock, por que me parecen os mellores, ou algún por que si!!. Seguro que vós tedes outros, así que comentade!! Desta vez foi moito máis sinxelo que en anos anteriores, nin vos comentarei dos que se quedaron foro, e cun top 3 moi claro dende hai meses, e dos outros podedes poñelos na orde que prefirades.
Así que ahí vai a nosa lista cos 10 mellores álbumes do 2015:
10_KURT VILE "B'lieve I'm Goin Down..."
(Matador Recs, 2015) Kurt Vile é un deses xenios que non deixa de crear cancións perfectas. O único problema da súa carreira en solitario é que entrega álbumes demasiado longos, que se perden con temas insustanciais, pero este "B'lieve I'm Goin Down..." é moito máis completo. Revisionismo folk, cun ollo en Dylan, Young ou Drake para o formal, pero moito máis divertido no contido. Tamén máis limpio que o anterior, máis rico en matices, e cunhas melodías que se supera, unha vez máis.
9_VIET CONG "Viet Cong" (Flemish Eye/Jagjaguwar, 2015) Das grandes sorpresas do ano. Unha banda que reúne a persoaxes pouco fiables polo seu pasado pero que no 2015 entregaron un álbum que é un dos grandes pelotazos do ano. Viet Cong son post-rock, post-punk, art-rock, punk psychodélico... todas esas etiquetas que a día de hoxe xa non din nada concreto de tan mal usadas que están, así que mellor escoitádeo sen parar ata que vos quede claro. Ritmo, ruído e melodías, tan válidos para a pista de baile coma un atque de furia.
8_DEAD GHOSTS "Love and Death and All The Rest" (Burger Records, 2015) Posiblemente os canadienses Dead Ghosts se colaron na miña lista coa lei do mínimo esforzo. Chegan con máis do mesmo que en anteriores entregas: garage psych, toques de country escuro, surf, e pop de baixa fidelidade, unha fórmula que lles funciona realmente ben, e con cada entrega a seguen a perfeccionar. Dende as máis animadas 'Rat Race', 'Waste my time' e 'All in a Row' ata as máis perezosas 'Drink it dry' ou 'Living in my Mind'. Máis do mesmo, pero cada vez mellor.
7_MYSTIC BRAVES "Days of Yesteryear" (Mystic Braves, 2015) "Days of Yesteryear" é outra inmersión nos sons máis sixties dos californianos, e con cada entrega van afinando máis a cousa. Pop Pychodélico de baixa fidelidade, todo melodía, toques garageros, toques surf, coma en anteriores ocasións, pero aínda máis acertados. A súa popularidade crece pero eles seguen autoeditándose, e para esta ocasión contaron co respaldo de Rob Campanella (guitarrista dos Brian Jonestown Massacre) que os teletransporta directamente a 1967, e ahí vos soarán por momentos coma ós primeiros Electric Prunes, incluso os 13th Floor Elevators, ou as melodías dos Zombies. Con cada escoita podería recomendarvos tres ou catro temas diferentes, ata completar os 10 do álbum.
6_THEE OH SEES "Mutilator Defeated at Last"
(Castle Face Records, 2015)
Marchan e volven con tanta facilidade coa que sacan outro álbum case perfecto. Unha vez que Dwyer deu coa fórmula axeitada para Thee Oh Sees non se deteñen. Tra-lo pèlotazo que diron co "Floating Coffin'" e o vértigo de continuídade de "Drop" volveron neste 2015 con "Mutilator Defeated as Last", outro discazo marca da casa, coa espectacular 'Web', kraut de altura como en 'Lupine Ossuary', cañonazos como 'Whithered Hand' e 'Rogue Planet', a pausa acústica de 'Holy Smoke' ou a intensidade de 'Sticky Hulks' ou 'Palace Doctor'. Uns imprescindibles destes tempos.
5_JACCO GARDNER "Hypnophobia"
(Polyvinyl / Full Time Hobby, 2015)
Sen dúbida o disco máis bonito do ano: o segundo álbum do holandés Jacco Gardner "Hypnophobia" coa mirada sempre posta en The Byrds, Left Banke, Syd Barrett ou Soft Machine, entre o folk e a psychodelia dos 60s. Unha continuidade perfecta do anterior "Cabinet of Curiosities", limpo, luminoso e brillante, no que unha vez máis Gardner se encarga de tódo-los instrumentos (creo que de todo menos da percusión) ademáis da producción, e os deseños a cargo de Julian House. Impecable por dentro e por fora. Pura fantasía.
4_TITUS ANDRONICUS "The Most Lamentable Tragedy"
(Merge Records, 2015)
Unha das auténticas animaladas do ano, e podemos decir que á cuarta foi a vencida. Sobre T.A. sempre citan as influencias entre Neutral Milk Hotel e Pulp, o que engadiría todo o pop e o punk dos 90s condensado nun só álbum. Un dos discazos do ano, por bó e por tamaño, son 29 temas en máis de 90 minutos, que presentan a modo conceptual en 5 actos, con moitos interludios de poucos segundos, e pezas enormes, de pop orquestal, rock acústico, punk acelerado e rock de melodías perfectas para corear coma himnos. Inclúen covers de Daniel Johnston, de Shane MacGowan (dos Pogues, víchedes que puxo dentes novos??), e tonadas tradicionais. Se che contan todo isto antes de escoitalo ata da pereza poñerse con el. Sen dúbida dos álbumes máis ambiciosos do ano, podía saír cara ou cruz, desta vez saiulles perfecto.
3_DESTROYER "Poison Season"
(Merge/Poison Season, 2015)
Outro canadiense que se mete na nosa lista. Lembro perfectamente o primeiro álbum que merquei de Dan Bejar, foi o "City of Daughter" do 98, mal asesorado, pensando que era outra cousa... pero dende entón non puiden deixar de seguilo, e con este "Poison Season" tiven unha das maiores alegrías do ano. Un álbum tremendo que revisita tóda-las súas influencias, pop de altura, con tódo-los rexistros e instrumentos posibles. 'Dream Lover' ou 'Midnight meet the Rain' dos mellores temas do ano.
2_FUZZ "Fuzz II"
(In the Red Records, 2015)
As espectativas eran altas, e Fuzz superáronse, ademáis sen grandes traballos deste ano de Ty Segall en solitario, necesitabamos algo así. "Fuzz II" é outra entrega de hard rock alucinado, inspirado directamente en bandas coma coma Blue Cheer, High Tide, Groundhogs ou os primeiros Black Sabbath. 14 temas para un álbum dobre, 'Time Collapse II/The 7th Terror', 'Rat Race' e 'Pollinate' son só algunhas das pezas imprescindibles desta auténtica animalada. Impresionantes outra vez!!
1_MONOPHONICS "Sound of Sinning"
(Transistor Sound Records, 2015)
O gran descubrimento do ano. "Sound of Sinning" é o segundo álbum dos Monophonics (o primeiro tampouco lle queda atrás), e dende hai meses o teño situado no número#1 do 2015 sen que nengún outro chegara para movelo deste posto. Recollen a mellor tradición sixtie de San Francisco mesturando o pop psychodélico máis brillante dos 60s coa rítmica e voces do soul e do funk, e funciona á perfección. Once temas de estructura pop ás que lle engaden capas e capas de soul, funk, e rhythm'n'blues. Defínense coma soul psychodélico, chamádelle como queirades, e claro, tamén podería ir ó primeiro posto da lista que publicaremos do Black Grooves, pero non imos abusar. O discazo do ano sen ningunha dúbida!!
Un dos álbumes que máis agardábamos nestes meses era o novo traballo dos Thee Oh Sees, primeiro chegou o aperitivo do "Live in San Francisco", e agora aquí está "A Weird Exits". Este novo álbum son oito novos temas do seu peculiar psych rock. Dende o arranque con 'Dead Man's Gun', 'Ticklish Warrior' ou 'Plastic Plant', cada vez máis centrado nesa rítmica explosiva marca da casa, e cada vez menos interesado nas melodías garage-psych de antes, e pouco a pouco metendo elementos do proxecto persoal de John Dwyer, Damaged Bug, nas pistas de TOS (incluído o detalle viscoso da portada), reducindo revolucións e integrando novos elementos.
O resultado, un álbum bipolar total, con momentos brillantes, e outros ós que teremos que darlle máis tempo para ver como encaixan.
Sae á venta mañán mesmo, pero xa o podedes escoitar a través das plataformas habituais de Castle Face Records.
E o próximo mes, estarán en directo en Santiago no WOS Inc.!!
Os Oh Sees de John Dwyer anunciaron onte o seu nvo álbum, "Smote Reverser" que sairá o 17 de agosto con Castele Face Music, e de paso xa nos adiantan a portada, obra de Matt Stawicki ao máis puro estilo das bandas de metal.
O tema de adianto é 'Overthrown', duro, cunha rítmica atronadora, pero segue a navegar polo garage psychodélico habitual da banda, con evolucións moi contundentes e enérxicas, pero tamén con estrofas de elaboración minuciosa. Impacientes por escoitar máis.
Polo momento xa o tedes dispoñible no seu bandcamp.
Despois de tanto repaso do ano anterior, imos volvendo á normalidade do blog, así que xa toca ir recomendando un par de álbumes.
De primeiro ós novos lanzamentos de Ty Segall, mentras aínda seguimos atopando novos detalles e matices no "Manipulator", arranca o 2015 cun directo e novo EP.
O directo da Ty Segall Band leva por título sinxelanmente "Live in San Francisco" (Castle Face, 2015) da serie do mesmo nome promovida por John Dwyer dos Thee Oh Sees para o seu selo. Son 10 temas, a maioría pertencentes ó "Slaughterhouse", moito máis rápidos e pesados que nas versións de estudio, e un par delas do recente "Manipulator" aínda non nas súas versións definitivas.
E de material novo nos presenta este "Mr. Face EP". Son catro temas presentados en dous 7'' en vinilos coloreados trasparentes que funcionan como lentes 3D en caso de que teñades interés en contempla-la portada. E do contido que? pois catro temas, os dous primeiros 'Mr. Face' e 'Circles' que parecen sacados do "Melted", e no segundo 7'' con 'Drug Mugger' que parece unha demo do 'Tall man, Skinny Lady' e a acústica 'The Picture'. Isto quere decir que xa falta menos para o seguinte álbum...
Outra das cousas nas que sempre poñemos moito empeño ó longo do ano é o das portadas que máis nos gustan. A mellor do 2013 con moita diferencia é para Thee Oh Sees e o seu "Floatin Coffin" con esa composición caleidoscópica de fresas, ollos e dentes . Os autores Matt Brinkman e John Dwyer.
Xa está aquí o novo álbum dos Oh Sees, recén saído o venres pasado e non paramos de darlle voltas.
"Smote Reverser" son once novos teman, nun álbum dobre que xa fai o 17º de estudio se non nos fallan as contas. Dwyer non pode parar, e segue coa experimentación dos últimos anos, alternando efectos, estructuras e texturas. din que últimamente anda moi influenciado por John Lord e Keith Emerson, e iso nótase no protagonismo que lle da aos teclados neste traballo, excesivo incluso. Pero imos por partes. O álbum comeza como un auténtico cañonazo, con 'Sentient Oona' con moitos toques progresivos pero que nos remiten moito máis aos CAN da época de Damo Suzuki, 'Enrique el Cobrador' mantén certo equilibrio entre a súa fórmula habitual e esa teima de agora, a adictiva 'C' e a acelerada 'Overthrown'. Dende aquí todo perde gracia, vólvese un tanto repetitivo e pausado. Os sete minutos de 'Last Peace' ou os doce de 'Anthemic Aggressor' parecen mal secuenciados sen contapeso. A única alegría cara o final é 'Nail House Needle Boys' que semella voltar á ritmica e melodías dos CAN, aínda que pouco orixinal claro. Para rematar 'Beat Quest' no que parece agora xa posuído por Emerson, mal final.
Teremos que darlle moitas máis voltas ao álbum, que coma sempre ten temas de moito nivel, aínda que a liña xeral desta vez apunta cara historias que nos aburren bastante. Veremos como seguen.
Logo de varias cribas, chegou a hora... aquí tedes a nosa selección cos 10 mellores álbumes do 2013. Quedáronse fora outros tantos discazos, coma en todas partes, pero ante o escaralle xeral que están a provocar as listas que publican algúns medios, nós botamos en falta todos estos na maioría das publicacións. Ademáis costounos moito deixar atrás álbumes tan bós coma os de King Khan & The Shrines ("Idle no more"), o "Here comes..." de The High Learys ou o "Whereabouts" dos Frowning Clouds. Apuntade de paso un par de álbumes de jazz que nos encantaron coma o "Liquid Spirit" de Gregory Porter e o "Time Travel" de Dave Douglas, ou o "Victim of Love" do soulman Charles Bradley. Tamén outros máis eclécticos coma o "II" dos Unknown Mortal Orchestra, ou algún dos varios proxectos de Robert Pollard (entre Guided by Voices, Devils Circus e Pollard en solitario). Pero sobre todo costounos deixar dous fora, o "Back to Land" dos Wooden Shjips e o "Desperation" dos Oblivians, para facer trampa estivemos a punto de facer unha lista de os 13 dos 2013, pero finalmente cumprimos co prometido de deixalo en 10. Así que sen máis preámbulos, aquí os tedes. Xa nos comentaredes que vos parece. Para nós, estes foron os mellores álbumes do 2013:
10_ BEN HARPER with CHARLIE MUSSELWHITE "Get Up!" (Stax Records, 2013)
Despois de bastantes anos deixándonnos traballos moi irregulares, Ben Harper voltou neste 2013 para deixarnos todo un discazo de blues xunto cun dos bluesman máis míticos, o xenio da armónica Charlie Musselwhite, e lanzado dende o mítico selo Stax... Este "Get Up!" contén algunha melodía soul, un par de ramalazos moi rockeiros e logo blues sen contemplacións en tódo-los seus paus posibles.
9_
CALIBRO 35
"Traditori di Tutti"
(Record Kicks, 2013)
Este é un dos álbumes que máis escoitamos ó longo de todo o ano. "Traditori di Tutti" é o terceiro álbum dos italianos Calibro 35, hoxe en día unha das mellores e máis potentes bandas europeas de funk rock. Nesta traballo recrean a súa propia banda sonora da novela "Traditori ti Tutti" de 1966 de Giorgio Scerbanenco, un dos mestres da novela negra italiana. Por suposto tódo-los títulos fan referencia a persoaxes e pasaxes da novela, e sempre a toda pastilla e con ritmos mois potentes... e por suposto os seus videos son como a adaptación cinematográfica que nunca se fixo!! Discazo!!
8_ TY SEGALL "Sleeper"
(Drag City, 2013)
Promocionado coma un álbum depresivo, con tanta insistencia nas traxedias que rodearon a súa vida persoal nos últimos meses, que case te obrigan a deprimirte na primeira escoita, pero aínda que "Sleeper" é un álbum moito máis explicito e duro nas súas letras, mantén a súa linea literaria igual de desenfadada que sempre, a gran diferencia é que se trata dun álbum acústico, se iso é posible no seu universo ultra-lo-fi... pero o certo é que sí, cambia guitarras eléctricas por acústicas, e todo semella máis sinxelo, tranquilo e coherente... pero non vos deixedes enganar, segue a ser outra entrega de Ty Segall, coas melodías de sempre que xa lle gustarían a moitos.
7_ NICK CAVE & THE BAD SEEDS "Push the Sky Away"
(Bad Seed Ltd., 2013)
A pesar de que Nick Cave conta en case tódo-los seus proxectos cos seus colaboradores habituais, había xa cinco anos do seu último traballo firmado con The Bad Seeds. E lonxe de aquel "Dig, Lazarus, Dig!!" retoman o seu lado máis intenso e tenebroso, máis pausado pero igual de furioso e socarrón que noutras ocasións, sempre mantendo unha tensión a punto de estoupar, aínda que nese complicado equilibrio desta vez sempre gaña a contención. Dende os susurros da inicial 'We no who u r' ata o 'Higgs Boson Blues' que ten ós únicos momentos de rock fugaz, e por suposto a estremecedora 'Jubilee Street', que case por ela soa vale máis que moitos discos enteiros.
6_
BASS DRUM OF DEATH
"Bass Drum of Death"
(Innovative Leisure, 2013)
Unha marabilla que gaña con cada escoita. Rápido, furioso e divertido, son once cañonazos sen pausa, de inspiración sixtie, de garage psych, toques surf, saturado de fuzz, e con bastante cacharrería, o mesmo que o anterior, con boas melodías e coas pausas xustas para non esgotar a fórmula, e así se suceden un tras doutro 'I wanna be forgotten', 'Shattered me', 'No Demons', 'Fine Lies' ou 'Way Out' ou a estremecedora 'Faces on the wind'. John Barrett xa firmou o mellor álbum para este blog no 2011, e agora repite moi arriba coa segunda entrega dos BDOD.
5_ GRANT HART "The Argument"
(Domino, 2013)
Das dúas cabezas máis visibles do míticos Hüsker Dü, Bob Mould sempre recolleu moito máis recoñecemento e certo éxito cos seus proxectos e traballos posteriores, aínda que planos e por veces máis que aburridos, mentres que o cantante e batería Grant Hart seguiu arriscando en novas fórmulas, ben con Nova Mob ou coa súa carreira en solitario. Nos últimos anos semella coma se estivera botando os restos, aumentando o seu ritmo de publicacións, por se lle quedara pouco ou algo así... de saúde non anda moi ben, pero iso xa é unha apreciación nosa. 'The Argument' son 20 temas inspirados na revisión teatral de William S. Burroughs sobre o Paraíso Perdido de John Milton nos que ataca tódo-los paus da súa carreira, pop preciosista, folk, psychodelia, algúns ramalazos punk, glam e por suposto power pop por todas partes, ademáis de algún pasaxe máis truculento. Grant Hart still alives!!
4_ DEERHUNTER "Monomania" (4AD, 2013) Deerhunter publicaron no 2010 un dos mellores álbumes que recordamos nos últimos anos, aquel "Halcyon Diggest" era unha ruptura total con todo o que fixeran antes, se ben tódo-los proxectos de Bradford Cox eran unha fuxida do anterior, en catro álbumes e media ducia de eps pasaron do noise máis cáustico ó dream pop sesentero do 2010, de ruidismo e metrónomos kraut ata as melodías perfectas de hai uns anos. Neste "Monomanía" é coma si estivera posuído polo espiritu do seu amigo Jay Reatard e fuxen de todo o pop luminoso e preciosista (aínda que aparecen momentos) para entregar unha colección furiosa de temas lo-fi de inspiración garaxeira, dende a inicial 'Neon Junkyard' ata a perfecta 'Dream Captain', a abrasión pura de 'Monomania' ou a máis psychodélica 'Sleepwalking'. Outro álbum perfecto dos Deerhunter.
3_ THE BEVIS FROND "White Numbers" (Woronzow, 2013)
Este "White Numbers" é algo así como a vinganza dos Bevis Frond, por que Nick Saloman volve coma un dos seus vellos traballos e ademáis ó grande. Só con ver esa portada cutre, enxebre e coma se estivera feita a toda presa, sabes que o mellor Saloman está de volta. Son 24 temas que suman máis de 2 horas de de tódo-los seus rexitros posibles, dende pop luminoso, furiosos cañonazos acelerados, distorsión, power pop e sempre con esa cadencia de psychodelia sixtie e as súas melodías perfectas. Só coa inicial 'Begone' e a súa forza pecha tóda-las bocas dos que botábamos de menos os seus temas de outros tempos, e dende ahí de todo o que poidades imaxinar, temas breves e directos ou longos desenrolos ata a despedida coa mastodóntica 'Homemade Traditional Electric Jam' de nada máis e nada menos que 42 minutos de instrumental!! Un dos maiores xenios da psychodelia e do rock do último cuarto de século nun estado de forma incrible, ademáis un dos nosos imprescindibles!!
2_ THEE OH SEES "Floating Coffin"
(Castle Face Records, 2013)
Cada ano sempre hai un álbum dos Thee Oh Sees entre os favoritos aínda que moitas veces non reciban o recoñecemento xeral. Cecais a súa gran actividade sexa un inconvinte aínda que quenes os seguimos esteamos encantados, pero desta vez parece que conseguiron face-los seu gran álbum. Segundo John Dwyer había moito tempo que non facían un álbum entre tódo-los membros da banda, e dende que a comezos de ano lanzaran de xeito gratuíto o seu primeiro single 'Minotaur' centraron a atención unánime de case todos. Desta vez o clavaron!
1_ THE SUFIS "Inventions"
(Ample Play Records, 2013)
No 2012 firmaron un dos debuts que máis nos chamaron a atención, e para esta segunda entrega afondaron aínda máis no pop psychodélico. Moitos toques de folk, sitares e xogos de voces. Dende que comeza co 'All of the Time' coa base do Taxman, ou pezas tan divertidas coma 'No Expression', neste álbum vos será imposible escoller cal é a vosa canción favorita. Sí, apesta a Beatles, a Soft Boys, a Syd Barrett ou calqueira outro artefacto beat pasado de voltas, o mellor pop psych dos 60s, pero sempre directos e urxentes, todo-los temas resoltos en menos de tres minutos para que lle poidas dar tantas voltas seguidas como queiras.