lunes, 30 de diciembre de 2019

RifRocKerZ 2020


Logo da despedida do local baixamos moito a nosa presenza nas redes, e tamén a actividade neste blog, pero tal e como vos prometimos seguiremos co blog dos RifRocKerZ. 
A través del tentaremos recuperar moito do material audiovisual de tantos anos que aínda temos no baúl, pero tamén o empregaremos para continuar coas recomendacións de música, libros, concertos ou da actualidade cultural máis próxima, así como de calquera dos eventos nos que nos vaiamos involucrando. 
De primeiro, xa vos avisamos que estamos a preparar, como cada ano, as nosas listaxes cos mellores discos do 2019, coma sempre seleccionadas polos habituais da nosa cabina, e máis adiante iremos retomando o pulso da actualidade, e seguramente que con máis colaboradores que antes.
Seguide atentos! 
E feliz 2020 para todos!



Agasallos da despedida...

Máis material que segue a chegarnos da despedida.
Aquí unha instantánea analóxica de Los Hijos Bastardos de Peter Lorre durante a proba de son...
Regalazo de Jose Estévez / Otto Birseye



sábado, 21 de diciembre de 2019

A cabina no último fin de semana

Aquí tedes unhas capturas dos que se fixeron cargo da cabina durante o último fin de semana da nosa despedida... E debeixo un instante do show de Calambres aos mandos. Grazas amigos, tremendos!


domingo, 15 de diciembre de 2019

jueves, 12 de diciembre de 2019

Aniversario da Krazzy Kray!

A recomendación para este fin de semana é o Aniversario da Sala Krazzy Kray!! 
Todo un fin de semana de programa completo e con entrada de balde. A Jam do venres, a volta dos míticos The Homens o sábado, e a merendola cos Family Folks o domingo. Eu de vós non faltaría.
Toda a info aquí.


martes, 3 de diciembre de 2019

20 anos, e adeus!! GRAZAS!

GRAZAS!! O do sábado foi tremendo!
Unha despedida por todo o alto, como ben se merecía o Rif-Rock.
Dende o verán tiñamos claro que debiamos facer unha boa festa polo 20 aniversario, pero tamén estaba decidido que esa sería a noite de despedida do local. 
Por diferentes motivos foise adiando ata o sábado pasado, pero finalmente conseguimos o que queríamos: poder ver de novo á nosa banda favorita en directo logo de moitos anos, e reunir a uns cantos dos nosos mellores amigos facéndose cargo da cabina o resto da noite.
Ao final foron 20 anos e 5 meses, pero vaia se a espera pagou a pena. Reunimos unha vez máis a LOS HIJOS BASTARDOS DE PETER LORRE, non sabemos se por última vez (agardamos que non) pero o show que nos deixaron foi o máis especial da nosa vida. Estes catro son insuperables cada vez que se xuntan! Viva a familia Lorre!!
Pero todo o fin de semana foi moi especial, coa previa destroyer do venres, e tódolos que se pasaron pola cabina nestes últimos días. Irrepetible!
20 anos e 5 meses polos que lle debemos agradecementos eternos a tantos e tantos que o fixeron posible e aportaron o seu gran de area para que isto se mantivera vivo durante tanto tempo: traballando con nós, aportando ideas, músicos, creadores e amigos... nunca poderemos agradecerlles tanto ao longo de todos estes anos, que foron posibles por estar rodeados de moitísimo talento, con total liberdade de facer sempre o que nos petou, e sen facer nunca concesións ao que non nos apetecía.
20 anos e 5 meses deron para moitísimo, pero hoxe quedámonos co último fin de semana: con dous tipos que se meteron no corpo milleiros de km para chegar á nosa despedida, o que baixou en pixama asustado cando se enterou, o discurso de peche de H., ou o aquelarre de despedida de Kevi. 
O certo é que estamos sobrepasados por tantas mostras de cariño nestes días, e tardaremos en recuperarnos da festaza do sábado, así que xa iremos contestando a todos, e pouco a pouco compartindo o material que temos e o que nos fagades chegar.
Marchamos máis que satisfeitos por todos estes anos de Rif-Rock, e agradecidos a tódolos que formades parte desta enorme familia.
Seguiremos co blog, e coas redes unha tempada, para ir compartindo arquivos que temos no baúl, e seguro que moi cedo estaremos facendo máis cousas, pero xa de outro xeito, que ao fin e ao cabo facémonos maiores e nos reclaman para outras historias, pero xa sabedes que nunca paramos...
O último tema que soou no Rif, 'Heroes' de Bowie, por Toñín, e por todos.

Ata sempre amig@s!!