martes, 28 de febrero de 2017

marzo 2017: Où Sont les Femmes?

Aquí tedes a programación especial para este mes de marzo. 
Outro ano máis conseguimos xuntar a algunhas das nosas mellores amigas para que sexan elas as que se fagan cargo da cabina do Rif-Rock durante todo o mes. Nesta edición serán só cinco noites:

Où Sont les Femmes???
· Sáb.04: MARINOCHA ÜBER ALLES
· Sáb.11: BIMBA POP!
· Sáb.18: PAU PAU A GO-GÓ!
· Ven.24: Don Juan's RECKLESS DAUGHTER
· Sáb.25: NANI GONZÁLES

Unha mágoa ter menos datas dispoñibles que o ano pasado, pero coma sempre, espeamos que vos guste. Aquí tedes cinco noites con cinco propostas e estilos ben variados. Non faltedes!!


The Brothers Nylon "Bitches Cold Brew"

Outra recomendación máis que nos envían dende Will Work 4 Funk, pero cambiando totalmente de rexitro.
The Brothers Nylon é unha das propostas máis freak dos últimos anos, e no seu último traballo van uns cantos pasos máis alá. Son tres multi-instrumentistas, os irmáns Rufolo dende New York, e o compositor e productor Shawn Lee dende Londres, enviándose cintas de un lado a outro do oceáno, en cada viaxe engadindo pistas e retoques ata o resultado final. Un trío que forman, nas súas propias verbas, unha big bang multipista.
Obsesionados polos videoxogos, o cine, tv e vellos discos de música negra. Todo enfocado a unha proposta musical chea de excesos, con apariencia de un continuo cut and paste de riffs e molodías a miúdo recoñecibles, pero que son realmente ducias de capas e capas de instrumentación e pistas de voces. Todo a medio camiño entre os primeiros Beatie Boys ou os Mothers of the Invention de Zappa facendo funk espacial, e por suposto, todo desbordado de humor, dende o título do álbum coa referencia ao monumento de Miles Davis, ata as súas letras e cada segundo dos seus videoclips.
"Bitches Cold Brew" son dez temas de psych-runk a base de tecnoloxía retro, e de ahí dez videos para escoitar e mirar de tirón. Se os temas xa son unha ida de olla, o do apartado audiovisual xa nin vos conto. Unha auténtica locura!!
Dispoñible dende o 3 de marzo.

The Brothers Nylon bandcamp.
WillWork4Funk.

THE BROTHERS NYLON "Bitches Cold Brew"
(Resistant Mindz 2017)


Aquí tedes os dez clips do álbum en lista de reproducción:



Diazpora "Islands"

Empezamos coas recomendacións da semana.
En primeiro lugar imos con Diazpora, unha superbanda de Hamburgo, que a comezos de mes presentaron o seu novo álbum "Islands" (Légére Recordings).
Son unha banda enorme, cunha sección de metais de auténtica locura, con dous saxos e co trompetista Hans-Christian Stephan (colaborador de Gregory Porter). A parte rítmica que o dirixe todo está composta porlo baixista David Nesselhauf (xa vos recomendamos anteriormente o seu último álbum en solitario  do ano pasado "Afrokraut"), o baterista Lucas Kochbeck, e a percusión extra de Thomas Neitzel. Ademáis para este álbum incorporan ao vocalista Alex Feige como novidade.


"Islands" é o seu quinto álbum, un traballo moi ambicioso, 13 temas nun dobre LP, de funk explosivo, soul intenso e toques de rock, afrobeat e outras músicas do mundo.
Abre con 'Street Market' un instumental digno dos mellores anos do blaxploitation, e para deixar todo ben claro 'Beasts' é unha auténtica explosión de ritmo e de control das velocidades, cunhas melodías que non poderás quitarte da cabeza en bastante tempo. Tamén pezas máis repousadas, como 'Islands' entre soul con base de jazz, 'Give A Little Prayer' ou 'Me and I' de soul máis ritmico. "Kinshasa Strut" é a peza abertamente afrobeat do álbum, e todo artellado entorno a 'Moon', '27-28-29', a instrumental '2 Much Effort' e 'Nap Xtra Long' que son puro ritmo. 
E cara o final 'Yaroslava', funk con estructura rock e coas melodías máis pop do álbum que me parece un auténtico hit. 
Coma eles din, o funk non se aprende, ou se ten ou non se ten (The funk is something you cannot learn, buy or steal from somebody else. The funk is with you, or it is not) e estes tipos van sobrados. Todo un descubrimento que nos envían dende Will Work 4 Funk, e seguro vai a estar entre os mellores do ano. Recomendadísimo!!

Diazpora bandcamp.
WillWork4Funk.

DIAZPORA "Islands"
(Légére Recordings, 2017)



lunes, 27 de febrero de 2017

ULO-002

En Ulomanía Coop. xa temos case todo listo para lanzar a nosa segunda referencia. 
ULO-002 ten catro trallazos de psychobilly, gravados en analóxico, editados en mono, e empaquetados ao revés nunha tirada especial para zurdos!! U-Coop sempre coa xente rara.
Será o 7'' "Pura Maldad" dos BREAKIN' BONES.
Dende o próximo fin de semana xa podedes facervos con el, recoller reservas e poñelo a xirar nas vosas casas a todo volume.
E ademáis, o sábado estarán en Vigo presentándoo en directo en La Pecera, xunto con Los Wavy Gravies!. 
En Cambados teredes que esperar ata o sábado 18 de marzo.
Xa tedes o videoclip de adianto co tema La Piel del Diablo (ver video), e aínda temos que ensinarvos a portada e os deseños...
Xa falta moi pouco!!


Pegas Negras



Pegas Negras son unha nova banda con sede en Vigo, un trío adicado ao rock'n'roll e ao blus pantanoso, con xente de pasado escuro en bandas coma os Killer Barbies, Ofensiva, Camarada Nimoy ou os Breakin' Bones.
Un proxecto máis que recomendable. Podedes pasarvos polo seu bandcamp para escoita-los seus primeiros temas, e aquí tedes tamén o seu primeiro video clip de presentación co tema 'Maldita sea mi suerte':


viernes, 24 de febrero de 2017

RifRocKerZ.djSet


Dead Wood en El Sótano de Radio3

Esta semana Dead Wood estreáronse en El Sótano de Radio 3. 
O pasado martes (21 de febreiro) Diego RJ despedía o programa pinchando a cara A do seu single de debut 'Spirit Away', e sonou fantástico!
Tamén foi a primeira vez dunha referencia de Ulomanía Coop na Radio.
A ver se repetimos pronto.



jueves, 23 de febrero de 2017

King Gizzard and The Lizard Wizard "Flying Microtonal Banana"

Xa temos novo disco dos australianos King Gizzard & The Lizard Wizard!
Seguen a producir álbumes coma churros, e con moito máis sentido e criterio do que poida parecer. Garage, psychodelia, folk... todo encaixa á perfección.
Este novo trabllo titúlase "Flying Microtonal Banana" son nove temas alucinados, de garage psychodélico, space rock, estructuras kraut e rítmicas moi contundentes. Abre 'Rattlesnake' unha peza de garage psych machacón con estructuras de kraut e aires orientalistas que te volve tolo dende a primeira estrofa, algo que se repite en 'Open Water' pero con coros e menos melodías, e en medio 'Melting' cos mismos parámetros pero en pausa, como en 'Anoxia', 'Doom City' e 'Nuclear Fusion' máis breves pero máis elaboradas, e nas que van crecendo as tonadas orientais, ata o final con 'Flying Microtonal Banana' na que xa se deixan levar totalmente polo que levaban anunciando todo o álbum.
E o mellor de todo é que isto só é o primeiro dos cinco álbumes que anuncian para o 2017, todos levarán instrumetnos modificados. Neste caso o título fai referencia ao emprego de guitarras microtonais. Tremenda locura!!

KING GIZZARD & THE LIZARD WIZARD "Flying Microtonal Banana"
(Flightless Records, 2017)


miércoles, 22 de febrero de 2017

The Damned "Damned Damned Damned"

O fin de semana pasado cumpríanse 40 anos do álbum de debut dos Damned.
Habitualmente son lembrados por se-la primeira banda británica de punk en lanzar un single ("New Rose b/w Help" en outubro do 76) e os primeiros en publicar un LP do movimento, este "Damned, Damned Damned", naquela carreira cos Sex Pistols, The Clash ou Buzzcocks por se-los primeiros en dar o pelotazo, e case sempre se olvidan d e todo o que había dentro do álbum.
"Damned, Damned, Damned" lanzouse o 18 de febreiro de 1977, coa producción de Nick Lowe. O álbum abría co cañonazo 'Neat Neat Neat', a socarrona "Fan Club', e enriquecían a cara A varios temas que daban ao conxunto moitos máis matices e ese extra de calidade, a miña favorita 'Stab your Back' e 'Feel the Pain'. A cara B era máis homoxénea, punk rock sen concecións, un trallazo tras doutro abrindo co exitoso single 'New Rose' e 'Fish', ata o final con 'I Feel Alright', versión do '1970' dos Stooges.
Dende aquí a banda comezou con continuos cambios de formación, manténdose só Dave Vanian e Captain Sensible, e derivando cara o glam, o gótico, e a new wave con algún intento de volver ao punk-rock que nunca conseguiron. 
Pero o seu debut seguirá sendo un dos máis brillantes da historia. 

THE DAMNED "Damned Damned Damned"
(Stiff Records, 1977)



Xan Campos "ESD"

Tamén vos recomendamos un dos discazos dos GZ Canibal de finais de ano, pero que non puidemos facernos con él ata hai un par de semanas.
Falamos do novo proxecto de Xan Campos, un dos referentes da escena do jazz galego, que agora explora outras historias, e ven de lanzar o seu último traballo con Free Code Jazz Records.
ESD é unha banda de jazz rock, formada por Virxilio da Silva e Wilfried Wilde nas guitarras, a batería de Iago Fernández, e o propio Campos nos teclados, ademáis o cuarteto conta coa colaboración habitual do guitarrista Yoel Molina. Todo gravado en Copenhage xa no 2015, pero que ata a última semana do ano pasado non tivemos dispoñible. 
O álbum "ESD" son nove temas, cunha marcada base de jazz, pero nos que todo o formal é rock progresivo e psychodelia, a base de guitarras e sintetizadores. Arranca cos desenrolos de 'Perspectiva' e vaise artellando entorno a 'Gama de Grises', 'Gama de Cálidas' e 'Gama de Negros'. Pechan a cara A os enormes oito minutos de 'Cando fun planta'. A cara B abre coa enérxica 'Extremos', e contén dúas pezas non consecutivas que se continúan 'Isto é Berlín' e 'Recordos de Berlín' para chegar á despedida máis rockeira de 'Nada que engadir' e rematar ben arriba.
Un discazo, ben arriscado polo contido, e todo un luxo na edición, en vinilo amarelo transparente (ademáis inclúe cd), e coidado ata o último detalle.
Recomendadísimo!.

XAN CAMPOS "ESD"
(Free Code Jazz Records, 2016)



martes, 21 de febrero de 2017

Galeluwah: Kraut (feat. Ptooff)

Aquí tedes case unha hora da sesión de Kraut de Galeluwah do venres pasado. 
Outro álter ego de Ptooff. Metédelle volume ao kosmische este...

GALELUWAH "Kraut" (feat. Ptooff!)
(sesión Rif-Rock 17 febr.2017)



en marzo: Où Sont les Femmes?

En marzo voltaremos a xuntar a algunhas das nosas mellores amigas para que se fagan cargo da cabina do Rif-Rock durante todo o mes. 
Nuns días o programa completo.


lunes, 20 de febrero de 2017

The Limboos 'I don't buy it'

A comezos de mes The Limboos lanzaban o tema de adianto do seu novo traballo "Limbootica" con Penniman Records. A semana pasada lanzaron o video clip do mesmo tema 'I don't buy it'. Álbum dispoñible o 3 de marzo.


jueves, 16 de febrero de 2017

Amon Düül II "Yeti"

Imos con un clasicazo para adiantar o de mañán...
O tremendo "Yeti" dos Amon Düül II. Unha desas obras que sempre aparece nas listas dos mellores álbumes da historia, alomenos nas listas serias.
Para comprender o contexto desta banda deberiamos repasa-los combulsos anos de posguerra na Alemania Federal, as comunas en Munich nos anos 60, as orixes de Amon Düül I, a Fracción do Exército Vermello e a Banda de Baader-Meinhof. Podedes repasa-la historia da banda no artigo que fixemos para Libro de Notas (ver artigo do 2010 neste blog, ou na web de LdN).
AM-II eran orixinalmente Chris Karrer, Peter Leopold, Falk Rogner, John Weinzierl e Renate Knaup mantéñense en activo dende 1969, só cun pequeno parón nos anos 80. Debutaron en 1969 con “Phallus Dei” polémico, innovador i oscuro, e ao ano seguinte lanzaron este apabullante "Yeti", unha obra mestra, contundente i estremecedora como a guadaña da súa portada. É denso e cheo de enerxía, complexo na forma e no fondo, pero tamén é o cumio do seu discurso teórico ao tempo que segue a ser 100% artesanal. Sen ningún tipo de trampas, ou as menos posibles, tentando levar ao vinilo todo tal e como o facían en directo.
"Yeti" era un disco dobre, que funcionan coma dúas partes diferentes: a primeira son composicións e a segunda improvisacións. A suite inicial ‘Soap Shop Rock’ nas súas catro partes repasa en 13 minutos tódo-los estados de animo posibles sen descanso. Efectos de guitarra, baixo e batería, con xogos de voces, sen máis, cuns resultados sublimes. Na segunda cara atopamos máis matices, repartidos en cinco cortes de duración más convencional, dende ‘Archangels Thunderbird’ con riffs de guitarra moito máis recoñecibles para o público, os exercicios de psicodelia oriental de ‘Cerberus’ que adiantaban a tódo-los hippies anglosaxóns da época, segue a sinxeleza e a contundencia de ‘The Return of Ruebezahl’ e as tormentas de feedback e saturación de ‘Eye-Shaking King’, toda unha demostración de forza e dominio das posibilidades dos efectos de son da época, para volver ao inicio con ‘Pale Galery’ antes do que ven na seguinte parte.
A segunda parte é para escoitar de tirón e deixarse levar cos ollos pechados. O tema 'Yeti’ ocupa por completo a terceira cara, é o comezo das improvisacións con desvaríos de escalas, distorsión e voces guturais que dan paso á tolemia con base free-jazz e psychodelia de 18 minutos, que continúa en ‘Yeti talks to Yogi’. Para rematar ‘Sandoz in the Rain’, peza acústica de relax despois do furacán.
Dos meus favoritos de sempre. Un auténtico monumento. Imprescindible.

AMON DÜÜL II "Yeti"
(Liberty Records, 1970)


Podedes escoita-lo álbum completo aquí, e ademáis deixámosvos o audio do tema 'Yeti' e do 'Archangels Thunderbird' en directo no 2005:


The Bats "The Deep Set"

Hoxe imos ata a outra esquina do mundo para recomendarvos o último dunha das miñas bandas favoritas. 
A comezos de mes lanzouse o novo traballo de The Bats, unha das mellores bandas de pop do planeta, aínda que nunca terán o recoñecimento dos seus máis de 30 anos de carreira impecable neso do indie pop. Tamén é certo que non se prodigan moito, e que Robert Scott compaxina a súa actividade con The Clean, pero todos e cada un dos seus álbumes están a outro nivel.
Este "The Deep Set" é o seu noveno álbum, de despois do relativo éxito do anterior "Free All Monsters" do 2011 tomáronse máis calma do habitual. Pero o resultado son estos 12 novos temas que fan outra entrega de melodías perfectas, cordas coidadas e melodías e coros deliciosos. 'Rooftops', 'Looking for sunshine' ou 'Not so Good' son de outro nivel, ou un pouco máis de nervio en 'Walking Man'.
Precioso, coma sempre.

THE BATS "The Deep Set"
(Flying Nun Records, 2017)



miércoles, 15 de febrero de 2017

Fogbound "Fogbound"

Por fin chega o debut en longo dos coruñeses Fogbound.
A mellor banda 60s do pais, psychodelia densa, freakbeat e moita velocidade, con guitarras alucinadas, melodías impecables, e o hammond eterno de Fernando Vilaboy. O álbum homónimo sae este venres (17 de febreiro) da man do selo The John Colby Sect. Por recomendarvos algún dos seus nove temas, de primeira escoita quédome con 'Eternal Promise', 'Edward Devine' e a traca final 'Imagine the End'. 
Ganazas de telo nas mans. Recomendadísimo.

FOGBOUND "Fogbound"
(The John Colby Sect, 2017)


Aquí tedes a lista de reproducción con tódo-los temas do álbum:


RifRocKerZ.djSet


martes, 14 de febrero de 2017

Trash#18

Aquí tedes algo máis dunha hora da sesión do venres pasado de Trash!! 
Todo da nosa basura preferida... Metédelle volume!!

Psych.Munstaphà "Trash#18"
(sesión Rif-Rock 10 febr.2017)
faite con trash#18 aquí.



lunes, 13 de febrero de 2017

Dead Wood "Spirit Away b/w CBA Blues"

Xa tedes dispoñible o primeiro traballo dos Dead Wood no seu bandcamp.
Un single en vinilo de sete pulgadas con "Spirit Away b/w C.B.A. Blues", que ademáis é a primeira referencia do selo Ulomanía Coop. Só dous temas que sirven de mostra da vesatilidade da banda sen perder o seu son característico, coa voz e guitarras acústicas do Sheriff Lorre, as percusións delirantes de Mr Bam Bam, e o salvaxe facer coas cordas de Breo Gun e Doble M.
Na cara A 'Spirit Away', como expoñente dunha das principais liñas da banda, deixándose levar pola música de raiz nortemaricana máis primitiva. É a busca do espiritu dos devanceiros, perdido co paso dos anos e as xeracións, polo afastamento do contacto directo entre home e natureza, de ahí profundidade dos coros, e a rica sección de cordas, con guitarras acústicas, banjo e baixo, que se solapan unhas a outras e se ceden o protagonismo continuamente.
Na cara b, 'CBA Blues', unha rareza da banda, unha peza de blues urxente, cruda e sinxela, que nos leva aos antecedentes maís garaxeiros da banda, e que fala de outra das súas debilidades, o básquet. Por suposto, é outra historia de perdedores. Por 'CBA blues' se coñecía aos xogadores da liga estadounidense CBA, a máis antiga do mundo, pero sempre unha liga menor á sombra doutras competicións, sendo a máis espectacular e a máis innovadora, os equipos percorrían miles de kilómetros para xogar ante un puñado de espectadores por soldos mínimos. Unha road movie con ritmo de tobogán que pode lembrar a frat rock e o hot rod, todo enriquecido co slide de Doble M e a armónica de Michi Calambres.
Unha marabilla de debut, e un pracer participar desto.
Xa o podedes atopar no seu bandcamp.

DEAD WOOD "Spirit Away b/w C.B.A. Blues"
(Ulomanía Coop., 2017)



sábado, 11 de febrero de 2017

Ven.17: Galeluwah Kraut

O próximo venres Ptooff! presentaranos a outro dos seus alter-ego na nosa cabina: GALELUWAH, obsesionado polo kraut e a kosmische musik. 
A primeira entrega, o venres 17. Non vo-lo perdades!


jueves, 9 de febrero de 2017

Television "Marquee Moon"

Onte cumpríronse 40 anos do lanzamento dun dos mellores álbumes de tódo-los tempos. Xa o recomendamos outras veces, pero a ocasión ben o merece.
A mediados dos anos 70 o epicentro da efervescencia punk de New York concentrábase entorno ao mítico CBGB. Alí se reunían tódo-las bandas que rompían coa época dos dinosaurios, o punk e a new wave copartían obxectivos comúns. En medio, fíxose oco un pequeno movimento con pretensións algo máiores, nacía o art-punk, ou o art-rock, isto muda co tempo, e directamente vinculado á enerxía dos artistas (Wire en UK son o exemplo perfecto). Nese oco naceron Television, banda comandada por Tom Verlain e Richard Lloyd. O seu debut foi este "Marquee Moon", un álbum con certa repercusión no seu momento, pero fundamental no seu legado para todo o que veu despois. 
Eran oito temas que mesturaban a enerxía do punk-rock con estructuras complexas tomadas do jazz, con moitos xogos de guitarras e melodías complementarias. 'See No Evil', 'Venus' e 'Friction' son tres mostras perfectas disto. A continuación o propio tema 'Marquee Moon', unha obra mestra de 10 minutos que non só eclipsou ao resto dos temas do álbum, senón que se tragou para sempre ao grupo e a tódo-los seus compoñentes, nunca máis estiveron á altura desa peza. A cara B seguramente é a que máis sufre a comparación. A parte máis art, aínda que 'Prove' sexa seguramente o temas máis descarado do álbum.
Nun primeiro momento o selo Elektra contratou a Brian Eno para a producción, pero tra-las primeiras demos, o grupo estaba moi descontento co resultado, Eno non entendía o que querían facer, as guitarras non tiñan forza, todo era demasiado limpo... e Televisión querían ser o son do expresionismo. Finalmente convenceron a discográfica para que o propio Verlaine fose o encargado da producción xunto co enxeñeiro Andy Johns. O resultado, este álbum eterno.

TELEVISION "Marquee Moon"
(Elektra, 1977)



miércoles, 8 de febrero de 2017

The Masonics "Obermann Rides Again"

A finais de ano lanzouse o novo traballo dos The Masonics, unha das principais bandas do garage Medway beat, con tres compinches habituais de Billy Childish: John Gibbs no baixo, Mickey Hampshire á voz e guitarra, e o enorme Bruce Brand na batería, e que se multiplica con máis guitarras e teclados
O seu novo álbum é "Obermann Rides Again", lanzado por Grand Wazeau Recs en decembro, en riguroso sonido mono, e cunha edición limitada de 500 copias. Agora terá unha nova edición, entendemos que con máis difusión, a cargo de Dirty Water.
É o seu noveno álbum de estucio, con 14 temas do seu potente garage beat, trallazos coma 'Don't Torment Me', 'You're a Stranger', 'You gotta tell me' ou o propio 'Obermann Rides Again' que pecha o álbum, o blues punk de 'I'm the Unforgiver' ou 'What do you do', delicias máis sixtie coma 'Your Dangerous Mind' ou 'I'm a Redacted Man', e divertimentos beat coma 'I don't understand her anymore'. 
Outro discazo marca da casa.

THE MASONICS "Obermann Rides Again"
(Grand Wazeau Recordings, 2016 / Dirty Water, 2017)


martes, 7 de febrero de 2017

Breakin' Bones 'La piel del diablo'

Aquí tedes un novo video clip dos BREAKIN' BONES.
O tema 'La Piel del Diablo' é o trallazo de adianto do seu novo traballo con Ulomanía Coop.
Dentro de moi pouco "Pura Maldad" en sete pulgadas. 
Será a segunda referencia de Ulomanía Coop.
Preparados?


lunes, 6 de febrero de 2017

The Limboos 'I don't buy it'


A finais da semana pasada The Limboos presentaron o primeiro adianto do seu novo álbum. Levará por título "Limbootica", e sairá o próximo 3 de marzo da man de Penniman Records.  Polo momento só temos este tremendo 'I don't buy it', pero xa temos gañas de máis...


viernes, 3 de febrero de 2017

Moon Duo "Occult Architecture, Vol.1"

Outra das nosas bandas de cabeceira que está de volta para comeza-lo 2017.
Moon Duo publican hoxe mesmo este "Occult Architecture, Vol.1", con 7 novos temas de Sanae & Ripley, co seu estilo de sempre, ritmos machacóns e densos, aproveitando o pouco que lles queda para meter esas melodías tan peculiares. Kraut, shoegaze, space rock, psychodelia, todo se lles queda corto.
Arranca con 'The Death Set', o single de presentación 'Cold Fear' marca da casa, e 'Creepin' a máis acelerada e accesible do álbum. Seguen 'Cross Town Fade' e 'Cult of Moloch', dúas tormentas densas de máis de sete minutos cada una sen concesión para a pausa, e 'Will of the Devil', que nos leva ó dark goth dos 80s case sen querer. Para pechar os dez minutos de 'White Rose', un temazo que deixan morrer lentamente ata o final. Outro discazo dos Moon Duo.

MOON DUO "Occult Architecture, Vol.1"
(Sacred Bones, 2017)



jueves, 2 de febrero de 2017

Sun God Replica 'Blow your mind'

Esta semana os autralianos Sun God Replica comezan a súa xira pola península, as primeiras tres datas en Galicia: A Coruña, Vigo e Ferrol.
E ademáis presentaron novo clip saído do "Grandular Fever": Blow your mind...
Se os tedes a tiro, non vo-los perdades!! Recomendados.



John García "The Coyote who spoke in tongues"

Levo moito tempo desconectado do stoner, pero John García é un deses persoaxes aos que merce a pena seguirlle a pista. Tras Kyuss, Slo burn, Unida, Hermano e máis, leva dous traballos presentándose en solitario. 
A semana pasada lanzou este "The Coyote who Spoke in Tongues", un álbum acústico no que destaca por riba de todo a versatilidade da súa voz. 
Inclúe temas novos, coma as fantásticas 'Kylie' (que abre o disco) ou 'Give me 250 ML'. Ademáis inclúe unhas cantas versións de Kyuss: 'Green Machine', 'El Rodeo', 'Gardenia' ou a alucinóxena 'Space Cadet', algunhas case irrecoñecibles.
Son 9 temas de estudio ás que engade dous directo, repetindo 'Give me 250 ML', e 'The BLVD' do seu anterior álbum. Ben entretenido.

JOHN GARCÍA "The Coyote Who Spoke In Tongues"
(Napalm Records, 2017)