FELIZ ANO A TODOS!!
Que o 2019 sexa todo o que vós queirades, e aínda mellor!
E si queredes, esta noite no Rif-Rock: RifRocKerZ & CUATRO FOTOS!
Non atoparedes un plan mellor para comeza-lo ano.
Apertura ás 00:30h.
18 é un disco único, improbábel. Da colaboración de catro anos entre as personalidades irrepetíbeis de Sr. Anido y Sra. Álvarez saiu unha obra emocionantisima, mais cun rango de emocións moito máis amplo do habitual. Ao longo dos nove temas hai momentos dramáticos que poñen os pelos coma escarpias, momentos de diversión dende o humor absurdo, excitación bailonga, reflexión mística e lúcidos comentarios sociais. Todo encadrado nunha música que celebra a imaxinación sen ningún complexo estilístico: o mesmo recolle a influencia de spacemen 3 que adianta pola esquerda a Radiohead no uso de texturas electrónicas ou pon música a unha película de Akira Kurosawa.
A impresión ao escoitar o disco e observar nas tuas mans o deseño é asistir á creación dun universo propio. Flota no ambiente unha preocupación polo lado perverso da sociedade. As cancións están cheas de personaxes que sofren (o extraterrestre de “It came from outer space”, expulsado polos humanos que non toleran a diferencia; o boxeador de “Marciano Balboa”) e ameazas ineludíbeis (“Buraco negro”). A voz de Sr.Anido sofre con eles, adoptando mil rexistros diferentes, mais é tamén capaz de transmitir beleza, humor e luminosidade como para compensar a dor. Non hai cinismo nen distancia irónica diante do que se relata, como foi sempre habitual nas gravacións anteriores de Anido. Mais os recursos inagotábeis dos dous músicos (a lista de aparatos que utiliza Sra. Álvarez ocupa tres liñas) permiten aquí que todas esas sensacións sexan traducidas nun son tremendamente orixinal. Está perto de moitas cousas (o surf, Suicide, cualquera forma de mantra) e lonxe de todas. Pola variedade conceptual, pola orixinalidade da instrumentación e pola lucidez absoluta que transmite, 18 é, efectivamente, un disco improbábel. E por iso mesmo é un disco necesario.