sábado, 5 de noviembre de 2011

entrevista a Manolo Paz en CTK (Despregable)

Aquí tedes outra entrevista recuperada do arquivo do último número do Fanzine Despregable que estivo a piques de sair publicado no seu momento, pero que por diversos motivos tivemos que deixar aparcado unha tempada, pero xa vos dixen que igual un destes días levades unha sorpresa da Embaixada Prusiana... En calqueira caso, era xusto ir sacando á luz todo o material que estaba listo para aquel número (nov-dec, 2010), sobre todo as entrevistas e reportaxes que levaban máis traballo, e se o mes pasado publicamos neste blog a entrevista que fixera Michi Calambres ós AllNight Workers (Esto sólo pasa unha vez) xusto á volta da súa viaxe a Berlín para grabar o que foi o seu primeiro álbum, ó dia seguinte do seu último concerto en Santiago xusto antes dunha nova aventura xermana para a grabación do seu seguinte traballo, agora chega o turno de publicar máis material. Desta vez foi o propio autor da entrevista, Óscar Pardo Planas, que onte publicou na súa páxina (CambadosTK) a entrevista que daquela fixera a Manolo Paz, Xacobe San Martín e Manu Paz jr. co gaio da presentación do documental Un Mar de Pedra, e agora aproveitando o recente nomeamento de Manolo Paz como membro da Real Academia Galega das Belas Artes e o galardón do Premio Nacional da Cultura Galega, era un momento perfecto para publicala ó fin. Aquí tedes o enlace da entrevista, e aquí vo-la deixo insertada dende o orixinal:



Entrevista a Manuel Paz, Xacobo Sanmartín e Manolo Paz 
sobre o documental “Un mar de pedra” (Novembro 2010).


Esta entrevista realizouse hai case un ano, cando se presentou en Cambados o documental de Xacobo Sanmartín e Manu Paz “Un mar de pedra” sobre o escultor e veciño Manolo Paz. Fíxose para o fancine Despregable, da Embaixada Prusiana, pero por diferentes motivos o proxecto atópase en standby e a entrevista nunca veu a luz. Agora, co recoñecemento a Manolo Paz como académico de Belas Artes e Premio Nacional da Cultura Galega, parece ser un bo momento para publicar aquela interesante conversa a catro.-


Manolo Paz (Castrelo-Cambados, 1957) é un escultor galego de renome internacional. Desde a Sociedade Cultural de Cambados expuxo en Vigo, Madrid, Bilbao, Chicago ou Bruxelas. Agora ten unha longametraxe que repasa a súa vida e obra. Chámase Un mar de pedra e é un proxecto dirixido por Manuel Paz (fillo do artista) e por Xacobo Sanmartín.
Eles narran a través da pantalla o proceso escultórico desde que Manolo vai á canteira até que leva as súas pezas a unha galería. Ademais, a testemuña de amigos e artistas lévanos de paseo pola vida de Manolo dun xeito orixinal e directo. Un traballo ben feito e que, dun xeito sinxelo, nos mete de cheo na pel do escultor. Falamos arredor duns viños (emulando algunhas conversas da película) cos directores e co propio Manolo Paz.
Durante a película aparecen diferentes persoas falando, amigos e artistas que describen a Manolo. Por que só no final é cando se dá nome a estas persoas e non mentres van aparecendo?
Xacobo: Por dous motivos, o importante é o que din, non quen o di. Coa palabra descúbrese tamén quen son: no Bar Silva pódese saber que son os amigos de Manolo, na casa familiar que son os pais, cando falan críticos e galeristas falan da experiencia de Manolo na galería…
Por outro lado a linguaxe cinematográfica non convida a poñer grafismos, entón puxémolos ao final para que así o público tamén quede a ver os créditos e se manteña o interese.
Manuel: Evitamos o estilo televisivo.
E esas charlas entre amigos, levaron guión ou é algo espontáneo?
Manuel: Queriamos conseguir algo cotiá pero que non fora guionizado. Si sabíamos os obxectivos que queriamos de cada conversa, porque cada unha fala dunha etapa vital de Manolo ou dunha época artística. Si que enfocábamos as preguntas que lles formulábamos a ese período concreto, pero a partir de aí o micro estaba aberto, permitindo que uns se apoiaran noutros, co que a espontaneidade era máis fácil.
Manolo: Poñíades a un con outro para que falasen entre eles.
Manuel: Claro, e ás veces até coa cámara, que significa que falan connosco, co espectador. Estamos dentro da conversa.
“Manolo consegue unha simbiose entre pedra e entorno”
A cámara entra no taller onde Manolo traballa, pero faino a base de planos moi fixos. En cambio, facedes unha montaxe cunha peza que se vai movendo pola finca. Que buscabades con ese contraste?
Manuel: Intentamos acercarnos ao estilo de Manolo. Manolo concibe as obras en relación co espazo no que van expoñerse, chegando a ter unha simbiose entre a pedra e o entorno. Deste xeito, deixando os planos estáticos, o obxecto que estamos a retratar chega a ter unha teatralidade co entorno.
O tema da animación divide as dúas etapas vitais e é en parte para amenizar, un xogo que se nos ocorreu cunha peza que nos gustou do taller. Evocamos tamén o feito de que alí as pezas cobran vida dependendo do lugar no que estean, atendendo ao que dixo Manolo cando soubo que esa peza chegara ao taller: “Déixaa aí, xa buscará ela o sitio”. Dese xeito, dando un paseo coa peza, amosamos tamén o taller de Castrelo onde traballa Manolo Paz.
Do documental Manolo apenas pronuncia unha palabra…dixestes que era en parte porque Manolo non quería.
Manolo: Aquí hai unha cousa simpática: é un documental case dunha persoa morta, porque realmente fala a xente de ti, eu non falo. A sorpresa é que aínda estás vivo, que é o bonito da película. Pero bueno, si que falo no Simposio de Portugal cando representei a España tendo eu 26 anos. É curioso, falo en Portugal pero non en Galicia (risas).
Xacobo: Manolo fala coa pedra, e ese é o diálogo máis interesante que poidamos sacar desta película. Entón para descubrir quen é Manolo que mellor que os seus amigos, familiares, compañeiros de traballo ou xente que coñece a obra de hai anos. Que expliquen eles quen é Manolo en cada etapa, como se formou…
Canto á relación pai-fillo…
Manolo: Como cambia aí meu pai, menudos cristos. Comecei a esculpir cando era  a siesta, porque iso non era traballo, non se podía perder o tempo facendo trapalladas.  No entorno do vecindario, da aldea, non había ningunha referencia: o meu era un caso raro.“Non te compliques moito, ti fai outra cousa que esa non a entendemos ben”. Aí eu deime conta de que o que quere un debe partir de un, non podes consultar cos demais, tes que facelo ti e tirar para adiante.
 Pero a relación entre un dos directores (Manuel) e ti, como condiciona o proxecto do documental?
Tivemos a hostia de cristos! (risas) Aí parece moi bonito todo, pero estas cousas son moi tensas porque tal e como expliquen eles a historia vaina ver a xente.
Pero que sexa teu fillo faino máis doado?
Que va! Máis complicado. Está demasiado cerca e ás veces é máis difícil dicir cando para min algo non está ben contado. Fixeron moi ben en gravar tal cantidade de tomas, e logo de seleccionar non as mellores, senón as que en conxunto describen mellor ao personaxe. O que teñen gravado debía dar para 7 ou 8 películas! (risas)
Xacobo: En canto á relación pai-fillo dicir que a estrea do documental foi o día do pai…
Manolo: Eu non o sabía, e a min non me deixaron ver o documental antes da estrea, por se non me gustaba.
“É un documental que ten corazón”
Pero gustouche…
É que é un documental que ten corazón. Parece que aburre ao principio porque é sinxelo, pero logo hai tantas personaxes que vai collendo peso. É toda unha vida, ben transmitida. Dá boa temperatura, boa harmonía.
Ás veces dicimos que o de Galiza apréciase máis fóra que aquí, credes que con Manolo Paz tamén sucede isto?
Xacobe: Manolo sempre é unha referencia do panorama cultural e artístico de Galicia. Non hai moito nomeárono membro da Academia Galega das Artes. Por onde vaias podes ver unha escultura de Manolo.
Manolo: Tamén se valora moito desde fóra de Galicia, porque onde non tes a pedra é onde se aprecia. Moitas veces estas cousas hai que cambialas de sitio para darse conta que existen.
Manuel: Galicia é Kripton. Saes de Galicia e es Superman. E aquí es un kriptoniano máis.
Manolo: Fóra teño bastante, en feiras internacionais.
Xacobo: Pero aquí tamén tes moitas obras en rúa, en Galicia.
Manolo: Non tantas, eh. Tiña que haber máis.

No hay comentarios: