Como cada ano lembramos a Ian Curtis, sempre cunha sesión especial, e este ano no blog.
Aqui tedes unha selección de videos en directo, e o video-clip de Atmosphere.
Logo un dos artigos adicados ó 25 aniversario da morte de Ian Curtis naquel incunable que foi o Despregable nº2, alá polo 2005 (incunable de culto non sei de qué, pero de algo serve).
IAN CURTIS
(1956-18 dMaio 1980. Manchester)
Love will Tear us apart:
Joy Division – Atmosphere (clip):
Shadowplay:
Ice Age:
Un dos artigos publicados no Fanzine Despregable nº2 (maio-xuño2005):
5 lustros sen Joy Division
...e a alongada sombra
de Ian Curtis
Por MFGhe2005
Conta a lenda que a mañá do domingo 18 de maio de 1980, Ian Curtis tivo a brillante idea de ver a película Stroszcek de Werner Herzog, e logo, mentres escoitaba The Idiot de Iggy Pop, escribiulle unha nota de despedida á súa muller, e aforcouse na cociña da súa casa en Manchester. Rematou con el a vida dunha das bandas máis creativas e influíntes de tódolos tempos. 25 anos despois, a súa lenda segue a crecer. Aquí tedes o relato da viaxe máis atrevida, curta e escura que ningunha outra banda se atreveu a facer xamais a través dos rincóns máis descoñecidos da música.
Esta terrorífica historia ten lugar en Manchester, a alternativa cultural británica fronte a cosmopolita e xigantesca capital, e tamén é a cidade que ciclicamente tende a marcar a pauta da música que logo se escoitará por todo o mundo. Dende o boom do nothern-soul, os derradeiros anos 70 esquecéranse de Manchester... unha cidade netamente industrial, esteticamente espantosa e con altísimas taxas de desemprego. Un caldo de cultivo perfecto para a revolución sonora que estaba a chegar... Primeiro foron THE BUZZCOCKS, e logo todo o demais. Eles organizaron os primeiros concertos punk na cidade, e gracias a eles a xuventude involucrouse en todo tipo de proxectos creativos (fanzines, bandas, clubs de música...). Desta xeración saíron bandas como THE FALL, A CERTAIN RATIO, e logo HAPPY MONDAYS... pero sobre todo foron os JOY DIVISION quen mellor reflexaron a lúgubre, claustrofóbica e opresora atmosfera da cidade. Logo, sen Curtis, os demais compoñentes crearon NEW ORDER, e a historia volveu a comezar... pero entorno á música de baile.
O nome da banda, o tomou Curtis da novela de Karol Cetinsky (Ka-Tzetnik 135633) sobre os campos de concentración nazis (“The House of Dolls”), na que a División da Alegría era a sección de mulleres prisioneiras encargadas de satisface-los praceres carnais dos oficiais do III Reich. O nome supuxo toda unha provocación, tendo en conta que o primeiro nome da banda fora WARSAW (demasiadas reminiscencias polacas... xa sabedes). Sen embargo as constantes provocacións non son a causa pola que os Joy División cambiaron o rumbo da historia. Facían unha música tan cerebral e racional coma experimental... ao contrario de moitas bandas da época, a intensa claustrofobia dos Joy Division non derivaba dun excesivo consumo de drogas, se non que era suficiente cos problemas psicolóxicos de Ian Curtis, derivados da epilepsia e da desestructuración mental que lle provocaba o tratamento. Outra das diferencias substanciais son, como non, as influencias que mamaron: Curtis, como a maioría dos mozos dos 70 era un gran fan de BOWIE, IGGY POP, da VELVET UNDERGROUND, etc... pero o que marcaba unha clara diferencia coas demais bandas era unha particular admiración pola escena kraut-rock e a electrónica alemana (KRAFTWERK, NEU!, CAN, FAUST). Outra das grandes diferencias: a súa total independencia (esencia fundamental de FACTORY Records). Gravaron dous LPs perfectos, cun deseño tan austero que nin sequera contiñan fotos da banda, comentarios, nin letras... toda unha homenaxe á música... pero sobre todo porque ningún dos dous albumes conten a maioría dos temas máis recoñecidos da banda, que se editaron exclusivamente como singles. Toda unha contraposición ó ideal romántico que rodea a lenda da banda: unha violenta posta en escena xunto coa escuridade dos textos, unha mestura que leva, irremediablemente, ó suicidio de Ian Curtis, e con el, a inmortalidade dunha banda, dun son particular, dun espírito irrepetible...
2 LPs: preguntas, angustia, poucas respostas e moitos, moitos singles...
UNKNOWN PLEASURES (1979, Factory Records)
Toda unha declaración xeracional de medos e frustracións. Ou como alguén dixo “...o máximo horror elevado a beleza...”. Disorder, Insight, Shadowplay... Toda a violencia do punk, letras angustiantes e unha voz profunda, xunto co son sintético da vangarda pop europea. Unha xoia producida por MARTIN HANNETT. Comezando con Disorder, non sabes moi ben que pode transmitir, se estados de ánimo depresivos ou a agradable sorpresa de estar ante un novo ritmo e un novo son que nunca antes coñeceras (..teño espírito, pero perdín o sentimento...). Continuas contradiccións. Múltiples reminiscencias literarias (The Day of the Lords), as miserias dunha xuventude sen futuro nunha noxenta cidade industrial, e a esquizofrenia, e a paranoia: She’s Lost Control, melodía hipnótica, percusión en falso, son baleiro... repetición continua (...she’s lost control again) e sobre todo esa sensación de estar ante unha obra irrepetible... Algunha vez tiveches a estraña sensación de estar escoitando o espacio baleiro? A batería en este tema pode levarte a onde ti queiras, ou mellor... a lugares que nin sabías que existisen... Imaxínaste correr e moverte sen ningún tipo de control nun espacio descoñecido? Sen saber o que hai diante de ti, nin detrás... a desesperación en estado puro... ademais, está esa voz, esa maldita voz... she’s lost control... i lost control again... ¿quen é o que perde o control agora?...
Ninguén pode transmitir esa sensación... imposible, ata que eles o fixeron.
CLOSER (1980, Factory Records)
Angustia, desesperación, suicidio… toda unha premonición gravada antes do fatal desenlace. Bipolaridade mental, paranoia. Atrocity Exhibition (“...pasen e vexan...”), Heart and Soul, Twenty Four Hours, Isolation… toda unha serie de respostas en clave para comprender o (sorprendente?) paso cara a inmortalidade definitiva. Este álbum editouse semanas despois do suicidio de Curtis, non houbo cambios, nin oportunismos, editouse tal e como estaba previsto. Concebido coma unha homenaxe a J.G.Ballard e a súa colección de relatos (editada en 1970, co mesmo título: Closer), resultou todo un exercicio estremecedor no ano 80. Cando o álbum saíu á rúa, quen cantaba era xa un poeta maldito. Unha vez morto seguía aí, gravado por sempre nun vinilo coa portada dunha lápida... non podía ser doutro xeito. CLOSER. Toda unha renovación do kraut-rock, os inventores do solwcore, e o adianto do novo orden que logo rebentaría as pistas de baile... Colony esnaquiza as ilusións de quen pretende prosperar na gran cidade industrial; A Means to an End , dende logo un tema pouco reivindicado na súa discografía... que na miña opinión é o tema clave para comprende-la evolución dende os escuros Joy división á luminosidade de New Order, mesturando nun mesmo tema aspectos rítmicos de Disorder, Digital, She’s Lost Control... rumbo ao que en 1981 rebentará o mercado mundial (Blue Monday, dos New Order segue a ser no século XXI o maxi-single máis vendido da historia da música).
Pero, vos preguntaredes... ¿Ónde están Digital, Transmisión, Dead Souls, Glass, Love Will Tear Us Apart... e outros moitos dos seus temas máis coñecidos? Respectando o legado da banda, ata anos despois, só se puideron gozar en singles: “An Ideal for a Living” EP (1978), “A Factory Sample” (ene1979), “Earcom2: Contradiction” (oct1979), “Transmission” (oct1979), “Licht Und Blindheit” (mar1980), “Komakino” Flexidisc (abr1980), e “Love Will Tear Us Apart” (abr1980), o último single que se converteu en todo un himno xeracional, e un epitafio redondo para o seu autor (e tamén é a incrustación que aparece na súa austera sepultura). Tamén se poderían incluír as moitas reedicións deste singles que seguiron a facerse ata os anos 90, incluíndo sempre algún tipo de material inédito moi interesante. Pero o filón do poeta maldito tiña que ser explotado por todo o alto, e o éxito posterior dos NEW ORDER (“ese grupo de pasado escuro...”) fíxoo inevitable. As compilacións sucedéronse, sempre deixando fora temas imprescindibles, como reclamo para novas (re)re-edicións... Still (1981), Substance (1988), Permanent (1995), Heart and Soul (Box Set 1997). E logo chegaron os directos... E o cine...
MFGhe2005
Publicado no
Fanzine Despregable nº2
Maio-Xuño 2005
No hay comentarios:
Publicar un comentario