miércoles, 31 de mayo de 2017

Atom Rhumba 'Automatically Updated'

Moito tempo pasou dende o 2010 cando os Atom Rhumba lanzaron o seu fantástico "Gargantuan Melee". Logo de anos de retiro volven a poñerse en marcha. 'Automatically Updated' é o adianto do que será o seu novo álbum, e manteñen todos esos elementos que tanto nos gustan e tan ben lles funcionaban: post-punk, funk e garage. Aínda non hai data de saída deste novo traballo, pero dende esta mesma semana xa están de xira con novo material


martes, 30 de mayo de 2017

Black Grooves#49

Aquí tedes algo máis de unha hora da entrega do vernes pasado da serie Black Grooves!! Todo con referencias dos últimos anos. Agora a darlle volume!

Psych.Munstaphà "Fuck'U Whiteys... Black Grooves!!"
(sesión Rif-Rock 26 mai.2017)



lunes, 29 de mayo de 2017

[revival] demo de David Falcón

Máis revival antes de que remate maio...
Outro concerto que tivemos en maio do 2012 foi un dos últimos de David Falcón en solitario, logo xa embarcaría cos Radioactive Toy e posteriormente con The Sharknadoos. Para aquel concerto do 5 de maio do 2012 no Rif-Rock, encargámonos da edición da súa maqueta, cunha selección de seis temas dos que subía semanalmente ao seu blog naquela época, agora xa eliminado da rede. Por suposto, o cd foi un agasallo do local a tódo-los que se achegaron aquela noite.


Os temas eran:
01 All my Life
02 You'll never Know
03 Torn me apart
04 The Dream
05 Moving On
06 Maybe it's not too Late

Aínda podedes atopar esta demo en descarga directa (ver entrada con enlaces) e comprobar cómo soportan bastante ben o paso do tempo.
Tamén tedes o concerto completo aquí.
Cinco anos xa daquela maqueta, nós lembrámola con moito cariño.


jueves, 25 de mayo de 2017

Don Bryant "Don't Give Up On Love"

Máis música negra. 
Este mes saíu un novo álbum de Don Bryant, un home cunha carreira como cantante tan dispersa como intermitente, pero un compositor incansable ao longo de máis de 50 anos, cunha carreira chea de éxitos para grandes cabeceiras do soul. Foi o compositor de cabeceira para Hi Records, facendo os temas e arranxos para Syl Johnson, Al Green , ou a que sería súa esposa Ann Pebbles, pero tamén para Solomon Burke ou Willie Mitchell. Como cantante comezou con The Four Kings, lanzouse como frontman solista en 1969 co álbum "Precious Soul", e ata comezos dos 90s non chegaron as seguintes entregas en lp, aínda que continuou lanzando singles nos 70s e a comezos dos 80s. Tras outro longo parón retomou a súa canrreira como cantante neste última década, con tres álbumes dende o 2010. O último, recén saído, é este "Don't Give Up on Love", un álbum bestial de soul e rhythm'n'blues. 
Comeza coa tremenda 'A Nickel and a Nail', e dende ahí alternando pezas de altura entre o soul e o blues como 'Something about You', 'I Got you Know' ou 'Can't Hide the Hurt' con momentos máis doces como 'It was Jealous', 'How do I get there?' ou 'Don't give up on Love'. Impresionante, este vai para un dos discazos do ano.

DON BRYANT "Don't Give Up On Love"
(Fat Possum Records, 2017)




Tony Allen "A Tribute to Art Blakey"

O incansable Tony Allen está de volta con novo álbum aos seus 77 anos.
Un dos bateristas referentes da súa xeración, revolucionario da percusión do afrobeat nas formacións de Fela Kuti, e logo como frontman da súa propia carreira, sempre atendendo a múltiples colaboracións de case calquer estilo que se lle puxera por diante, e co afrobeat e o funk como vehículo principal das súas propias composicións.
Agora lanza un álbum de homenaxe a outro dos grandes do seu instrumento, Art Blakey (cabeza visible dende a batería dos eternos The Jazz Messengers) que tamén se deixara influenciar polos ritmos da música africana en varios dos seus álbumes de finais dos 50s e comezos dos 60s. 
"A Tribute to Art Blakey and The Jazz Messengers" está lanzado por Blue Note, e son catro temas, todo gravado en directo en Paris, en formato sexteto baixo a dirección de Allen, e coa producción de Vincent Taurelle. Ao máis puro estilo bebop, inclúe 'Moanin', 'A Night in Tunisia', 'Politely' e por último 'Drum Thunder Suite' convertida nunha peza de auténtico afrobeat.
Unha auténtica xoia.

TONY ALLEN "A Tribute to Art Blakey and The Jazz Messengers"
(Blue Note, 2017)



RifRocKerZ: 10 anos na rede.


RifRocKerZ!!! 
Hoxe cumprimos dez anos na rede, dende que comezamos con este blog o 25 de maio do 2007, que inaugurabamos presentando as sesións de aquel mes (aquí podedes ver as primeiras publicacións de maio 2007). 
Unha actividade que comezou de xeito moi tímido e disperso, pero que foi crecendo rápidamente, presentando programacións e as nosas actividades e todo o que veu despois... coma unha extensión máis do local, con colaboracións, recomendacións e moito máis. Noraboa a todos, e gracias aos que nos seguides, leedes e compartides!


miércoles, 24 de mayo de 2017

Myles Sanko en directo

Recomandación para esta semana: 
MYLES SANKO en directo en Compostela, o prato forte dos concertos da Ascensión, e unha das sensacións do novo soul británico presentando o seu álbum do ano pasado "Just Being Me" (ver reseña neste blog).
Este xoves de balde na praza da Quintana... Non vo-lo deberiades perder.



Roger Moore

Roger Moore
(1927 - 2017)


Outros foron James Bond, pero só Roger Moore foi Simon Templar "El Santo":


martes, 23 de mayo de 2017

Los Straitjackets "What’s so funny about peace, love..."

Chega o verán, e desta vez xa temos novo álbum dos Straitjackets!
Logo do susto pola enfermidade de Danny Amis nos últimos anos, os de Eddie Angel e compañía xa están de volta. "What’s So Funny About Peace, Love And Los Straitjackets" é un tributo a Nick Lowe, a quen acompañaron en directo nunha longa xira os últimos anos.
O álbum son trece temas de Lowe, clasicazos do seu power pop inconfundible convertidos en pezas de surf instrumental, tentando respectar ao máximo os arranxos orixinais pero levándoos ao seu terreo. Ahí están 'Shake and Pop', 'All men are liars', 'Rollers Show' ou 'Heart of the City'... ainda que se deixaron fora 'Cruel to be kind'. Non busquedes a pegada salvaxe doutras épocas, é un álbum de puro divertimento e así funciona perfectamente.
A portada é unha recreación do "Jesus of Cool" de 1978 que fora o primeiro álbum de Nick Lowe tras abandoar os Rockpile, co traballo gráfico de Barney Bubbles.

LOS STRAITJACKETS 
"What’s So Funny About Peace, Love And Los Straitjackets"
(Yep Roc, 2017)


Aquí os tedes en directo acompañando a Lowe no 2015:


lunes, 22 de mayo de 2017

O primeiro show dos Breakin' Bones no Rif-Rock

Imos cun pouco de revival.
Esta semana se cumprían cinco anos da primeira visita dos BREAKIN' BONES ao Rif-Rock. Eran a mellor banda de psychobilly do país e para nós foi todo un luxo telos no noso local. Chegaban coa súa formación orixinal, con Santi Mascareñas á guitarra e voces, Koko ao contrabaixo e coros, e Berto á batería e voces. 

Foi un espectáculo impresionante que nos deixou alucinados. Logo viñeron moitos máis concertos ata convertirse nuns habituais dos nosos directos, e nos últimos meses chegou o lanzamento do seu vinilo "Pura Maldad" a cargo de Ulomanía Coop. (Ulo-002 vinilo 7'').

A semana pasada os Breakin' Bones anunciaban un parón nos seus concertos, pero esperamos telos moi pronto de volta. Mentres tanto podedes ir repasando tódo-los seus shows no Rif-Rock seguindo a súa etiqueta. Pero aquí vos deixamos o concerto completo daquela primeira vez, foi o 19 de maio do 2012, cinca anos xa...



jueves, 18 de mayo de 2017

The Monks "Hamburg Recordings 1967"


Se a comezos de semana lembrabamos un album que cumpría 50 anos, hoxe imos cunhas grabacións perdidas que sairán á luz despois dos mesmos 50 anos.
Moito temos escrito sobre The Monks neste blog  unha banda de soldados americanos destinados na Alemania Occidental, que ao remate do seu servizo militar decidiron quedarse fascinados pola revolución contracultural que estaba a suceder en moitas das cidades xermanas. Só publicaron un álbum, o mítico "Black Monk Time" de 1966, unha xoia do garaga máis transgresor dos 60s, e tres singles en 1966 e 1967, décadas despois sucedéronlle recopilatorios, caras b, tributos, etc...
Tamén recomendamos o artigo que fixen para a web Libro de Notas en maio do 2009: The Monks, de la blasfemia transatlántica, e logo compartido neste blog.

Agora Third Man Records (o selo de Jack White) saca á luz novas gravacións inéditas da banda, o tema de estudio 'I'm Watching You' gravado o 28 de febreiro do 67, durante as sesións rexistradas para o que foi o seu último single "Love Can Tame the Wild b/w He Went Down to the Sea" (Polydor, 1967), e inclúe catro temas máis: 'Julia', 'P.O. Box 3291', 'I Need U Shatzi', e 'Yellow Grass', gravados ese mesmo ano durante horas de sesión no Top Ten Club, pouco tempo antes da súa separación. Este novo EP publicarase o 23 de xuño, e levará por título "Hamburg Recordings 1967".




miércoles, 17 de mayo de 2017

Castelao "LEX / O Agrario..."

A imaxe que empregamos para o poster do GZ Canibal desta semana pertence a obra de Castelao, como todo sabedes, pero coma sempre, son moitos os que nos preguntan porque non son quen de identificalo, así que imos ao tema.
A ilustración que é un dos debuxos da serie que logo se organizaron como As Cousas da Vida, que son toda a serie de debuxos de Castelao publicados en xornais dende a década de 1920. Eran debuxos sinxelos que se acompañaban de breves comentarios, que ás veces eran un diálogo entre os protagonistas, ou noutras un simple pensamento.
Publicáronse entre 1924 e 1925 nas portadas do xornal vigués Galicia Diario de Vigo, co peche do xornal en 1925, Castelao continuou  publicándoas coa mesma estrutura no Faro de Vigo. Cóntanse máis de seiscentas cousas, moitas delas sobradamente coñecidas, e con ideas e imaxes que retomou en ocasións posteriores para outros traballos. Todos estos debuxos foron recopiladas dende 1961 en varios volumes de Cousas da Vida, organizados en tomos temáticos de Homes, Mulleres, Animais, Nenos, Vellos e Caciques, que foron reeditados en diversas ocasións.
A cousa que empregamos, LEX / O Agrario: Como queres que che respete se cheiras á podre? aparece no último volume adicado aos Caciques (tedes unha vista previa aquí dunha das últimas reedicións).


lámina orixinal pertence á colección Abanca (ver enlace) que ilustran co seguinte comentario. 

Nº 079. - O agrario- Como queres que che respete se cheiras á podre?
Castelao fai unha parodia das palabras sonoras e baleiras de contido como liberdade, igualdade, xustiza, lei e orde. Mostra a verdadeira vida da súa xente, consumida polos impostos e as leis que os afogaban. O recurso de abrir o ventre e mostrar as caveiras reitérase na produción gráfica de Castelao, sacada de La Caída de los Ángeles de Brueghel, na que podemos ver unha ra con patas de galiña desabrochando a barriga e mostrando as ovas que ten dentro, mentres se ri pensando nos fillos que terá. Castelao copia esta escena nun dos seus debuxos, e posteriormente, realiza outro no que converte a ra en muller e os ovos en caveiras, titulándoo Optimismo. Aquí preséntanos unha estatua da lei que tamén mostra as caveiras que leva na súa barriga. É unha representación de toda a podremia que había entón en torno ás leis e á xustiza, e que o autor critica. Posteriormente volve usar o mesmo recurso, na primeira estampa do álbum Galicia Mártir (Valencia, 1937), titulada "Este é o deus dos feixistas", e onde representa un coloso coa cabeza acabada en pico, como a dos cascos dos soldados alemáns da Primeira Guerra Mundial. A figura abre a barriga, ensinando as caveiras que leva dentro, e aos seus pés aparecen pequenas figuras de homes que o saúdan co brazo erguido. O debuxo está inspirado nun cartón de Louis Raemaekers, no que representa a Satán sentado e en actitude pensativa (cada unha das estampas de Galicia Mártir, está baseada nos cartóns de Raemaekers, artista que realizou debuxos de crítica social e que Castelao coñeceu grazas a unha viaxe que realizou por Francia, Alemaña e Bélxica).

Día das Letras 2017

Bó día das Letras Galegas a todos!!
Este ano adicado a Carlos Casares, así que recomendamos que lle metades un repaso á web da súa fundación que seguro atoparedes contidos interesantes e actividades ás que asistir nestes días.

*Foto de Ricardo Grobas (recursos audiovisuais Fundación Carlos Casares).
 





Guadi Galego 'Chea de Vida'

Video impresionante, de Guadi Galego no asteleiro de Navantia, acompañada por Guillermo Fernández á guitarra, e con mil rapaces dos centros escolares da comarca de Ferrolterra cantando xuntos 'Chea de Vida'. Para ver unha e mil veces...


martes, 16 de mayo de 2017

The Jimi Hendrix Experience "Are You Experienced?"

O venres pasado cumpríanse 50 anos do lanzamento do primeiro álbum firmado por Hendrix, o "Are You Experienced?" da Jimi Hendrix Experience, o power trío máis grande de tódo-los tempos.
Hendrix mudouse a Londres a finais de 1966, logo de abandonar a formación de Curtis Knight & The Squires, e do fallido intento de lanzarse como Jimmy James nos USA. Chegou a Londres da man de Chas Chandler, e inmediatamente se formou a Jimi Hendrix Experience, xunto con Mitch Mitchell e Noel Redding. O seu éxito foi inmediato. Tras lanzar tres singles entre finais do 66 ("Hey Joe/Stone Free") e comezos do 67 ("Purple Haze/51st Anniversary" en marzo, e "The Wind Cries Mary/Highway Chile" xa en maio como presentación do álbum) o álbum de debut "Are You Experienced?" publicábase o 12 de maio de 1967 no Reino Unido. 
Eran 12 temas que  pasaron á historia da música, unha tras doutra se suceden Foxy Lady, Manic Depression, Red House, Can You See Me, Love Or Confusion, I Don't Live Today, May This Be Love, Fire, Third Stone From The Sun, Remember e Are You Experienced?, sinxelamente un dos álbumes máis grandes de tódo-los tempos. Todo un éxito de ventas, só superado no seu momento polo Sgt.Peppers dos Beatles, e innovador na mestura de r'n'b, blues e rock psychodélico, pero tamén polas técnicas de gravación, cheo de feedback e overdub. 
Un discazo imprescindible!

THE JIMI HENDRIX EXPERIENCE "Are you Experienced?"
(Track Records/Polydor, 1967)


Enriba tedes a portada orixinal da edición británica, un deseño de Chris Stamp sobre unha sesión de fotos de Bruce Fleming. A Hendrix non lle gustou nada o resultado, e encargoulle a Karl Ferris un novo deseño. Coñecía os seus traballos anteriores con outras bandas, e quería a súa estética mod e psychodélica. Inspirouse no álbum que acababa de sair, e nas sesións que xa estaban gravando para o "Axis: Bold as Love" que sairía a finais de ano. Finalmente o traballo de Ferris foi empregado para a edición USA que sairía en agosto dese ano.



lunes, 15 de mayo de 2017

Tim Holehouse 15/05/2016

Hai tempo que comezou a andar o proxecto de Ulomanía Coop., con moitas ideas, gañas e obxectivos que van conseguindo pouco a pouco, e o que aínda queda for facer... 
Hoxe hai xusto un ano da primeira aparición pública da coop, o primeiro evento de Ulomanía foi o concerto de TIM HOLEHOUSE no Continental de Cambados, o domingo 15 de maio do 2016, aquel día que o CSKA gañaba outra Euroliga de basket, nós tiñamos a Tim Holehouse celebrando o seu único concerto en España daquela xira despois dun longo día de viaxe. 
Unha hora e media de show do seu folk punk co que se meteu no peto a tódo-los que enchían o local dende o primeiro momento.
Un bo día para repasa-lo seu concerto completo:



Sheriff Lorre

O Sheriff Lorre, Loiten & Ulomanía.


sábado, 13 de mayo de 2017

Esta noite: Sheriff Lorre!!

Esta noite teremos ao SHERIFF LORRE na nosa cabina cargado deses vellos discos co rock&roll máis primitivo. Non vo-lo perdades!
*a sesión comeza despois do concerto dos Breakin' Bones no Continental.



Os Breakin' Bones no Continental

Esta noite, recomendadísimo!!


viernes, 12 de mayo de 2017

Vibravoid "Delirio dei Sensi"

Máis discos esta semana, este de hai uns cantos anos.
Vibravoid son unha banda de Hamburgo, convertidos xa nuns clásicos da psychodelia europea, e con case vinte álbumes publicados dende o ano 2000 son un dos principais referentes do xénero.
Psychodelia cósmica, garage psychodélico e moito freakbeat, abarcándo case tódo-los paus do etilo cun formato de trío que parece inexplicable.
Este "Delirio dei Sensi" do 2013 non é o seu mellor álbum, nin tampouco o último, pero hai un par de semanas que nos fixemos con el e non podemos deixar de escoitalo case que a diario! Para comezar a locura yeyé de 'Poupée de Cire' composta para a interpretación de France Gall en Eurovisión do 1965, sempre inclúen unha versión, pero comezar con esta o álbum é efectivamente un auténtico delirio para os sentidos. A partir de ahí comezan co seu: os dez minutos marabillosos de 'Listen, Can't You Hear', 'Colour your Mind' o mellor do álbum e que co paso dos anos xa se converteu nun clásico recente do xénero
'Magic Mirror' o tema máis potente e rápido, amosando que tamén saben ser directos e desbordar de enerxía, e completan a cara b 'The Empty Sky' e 'The Golden Escalator' que son pura psychodelia cósmica. Unha auténtica delicia!.

VIBRAVOID "Delirio dei Sensi"
(Go Down Records, 2013)



Bifannah "Bifannah EP"

Bifannah foron unha das sensacións do pasado ano. 
Con ex-membros dos Wild Balbina, Mvnich ou Avispa, e un pé en Galicia e outro en UK. O seu ep homónimo foi un auténtico pelotazo, que triunfou pola rede coa súa mestura 60s de garage de baixa fidelidade, psychodelia e tropicalismo, con este toque fantástico que lles da cantar en portugués.
Este EP lanzouse en febreiro do 2016, estivemos todo o verán a voltas con el e ainda agora caímos na conta de que non vo-lo recomendáramos no blog.
Seguide atentos a esta banda porque na actualidade xa comezaron co adianto do seu primeiro lp da man do selo The John Colby Sect. Recomendadísimos

BIFANNAH "Bifannah EP"
(auto, 2016)


jueves, 11 de mayo de 2017

Breakin' Bones + Sheriff Lorre

Lembrámosvos o planazo para este fin de semana!
O sábado (13 de maio) teredes en directo aos Breakin' Bones no Café Continental dende a medianoite, e ao remate do concerto, estará o SHERIFF LORRE na cabina do Rif-Rock coas súas seleccións de rhythm'n'blues e o rock máis primitivo. 
Non vo-lo perdades!!


20 maio: GZ Canibal

Aínda nos quedaba por amosarvos o poster dunha das sesións deste mes.
O Sábado 20 de maio, outra entrega de GZ Canibal, con Marinocha e Munstaphá na cabina, e seguro que algún máis se apunta a última hora...
Para o poster volvimos coas láminas de Castelao.


miércoles, 10 de mayo de 2017

"Regreso a Twin Peaks"

E outro libro máis que vos recomendamos hoxe.
A editorial Errata Naturae non podía perde-la ocasión de volver a Twin Peaks antes da estrea da nova tempada. "Regreso a Twin Peaks" é outro volumen da súa curiosa colección adicada as series de tv, e con unha ficción tan mítica coma esta que volve 25 anos depois, case se antoxa de lectura obritoria para os que xa volvimos a ver as dúas temporadas orixinais máis os terribles extras antes de que comece a terceira entrega. 
"Regreso a Twin Peaks" analiza en 320 páxinas a serie de David Lynch e Mark Frost através da filosofía, o terror, a linguaxe cinematográfica, as habitacións vermellas e os enigmas sen resolver. Os autores son David Chase (creador dos Soprano), o propio David Lynch, Michel Chion, Aaron Rodríguez ou Nacho Vigalondo entre outros...

VA "Regreso a Twin Peaks"
(Errata Naturae, 2017)


Así o presentan na web de Errata Naturae:

David Lynch hizo historia en la televisión de los noventa. Twin Peaks se convirtió en un fenómeno de masas que mantuvo a los espectadores en vilo. Ahora, veinticinco años después, tras el abrupto final de la segunda temporada, regresamos a Twin Peaks con una tercera entrega. Pero Twin Peaks ya no es un simple escenario para una serie, un pueblo más de la América profunda, sino un lugar mítico, una auténtica mitología moderna. Y el retorno a ese lugar no es una coda ni un homenaje, sino la confirmación de un clásico. 
También es la oportunidad, a través de este libro, de volver a aquellos bosques y a aquel café, la ocasión para pensar qué hizo de Twin Peaks un relato televisivo revolucionario y cómo se ha convertido en el estreno más esperado en muchos años. Para ello contamos con el propio David Lynch, que nos relata cómo surgió y cómo se hizo Twin Peaks, con todo detalle y con anécdotas tan inverosímiles como reales. También nos acompaña David Chase, creador de Los Soprano, que nos habla de la influencia de la serie de Lynch sobre los mafiosos de Nueva Jersey y sus sueños. A continuación, uno de nuestros cineastas más internacionales, Nacho Vigalondo, escribe sobre el desconocido final alternativo de Twin Peaks y la importancia que tuvo en su cine, y Michel Chion, máximo especialista mundial en la obra de Lynch, nos propone un inmejorable umbral para analizar los diferentes temas de esta producción. De ello se ocuparán los demás autores de este volumen, que abordan de manera ágil y lúcida la relación de la serie con la filosofía, la naturaleza, la historia, lo salvaje o el mal. Bienvenido, de nuevo, a Twin Peaks.


Elisa Nicoli "Limpeza Creativa"

Máis recomendacións.
Aquí vos presentamos o último libro lanzado por Catro Ventos editora. Trátase de "Limpeza Creativa: Produtos de Limpeza e cosméticos naturais feitos para ti (25 receitas para coidares da casa e de ti", un manual da italiana Elisa Nicoli coa tradución de María Mediero Mayán.
Así o presentan na súa web: Un manual práctico de ecoloxía doméstica para aprender a elaborar produtos de limpeza e cosméticos con ingredientes naturais, fáciles de preparar e que respectan a saúde e o ambiente. Vinte e cinco receitas e miles de consellos para dicirmos adeus á industria da cosmética e dos produtos de limpeza. Nunha edición actualizada e adaptada á realidade galega acompañada dunha listaxe de artesáns e produtores da contorna que traballan con produtos naturais.
Dende a semana pasada xa podedes facervos con el no Rif-Rock.

Elisa Nicoli "Limpeza Creativa"
(Catro Ventos Editora, 2017)


martes, 9 de mayo de 2017

The Black Lips "Satan's Graffiti Or God's Art?"

Máis novidades! 
O venres pasado lanzouse o novo álbum dos Black Lips, e levamos días dándolle moitas voltas. Tres anos despois do "Underneath the Rainbow" os cambios foron moitos, comezando pola propia formación, na que só permanecen Cole Alexander e Jared Swilley, incorporando novo guitarra e baterista, ademáis de Zumi Rosow ao saxofón. E se queredes máis información do persoal, está Sean Ono Lennon na producción, e coa mesmísima Yoko Ono con coros, máis ben berros, en 'Occidental Front'.
Se nos seus últimos álbumes foron tentando variar os seus rexistros, nesta entrega tiran por todas partes. "Satan's Graffiti Or God's Art?" é un álbum certamente ambicioso, en dobre vinilo, con 18 temas, algún deles só de intro para cada cara, pero con moitos rondando ou superando os catro minutos de duración. Igual resulta un pouco longo, e igual hai demasiados rexistros diferentes no mesmo álbum. Atoparedes ese garage lo-fi marca da casa ('Can't Hold On' do mellor do álbum), o retro pop dos últimos álbumes coma 'The Last Cul de Sac', 'Crystal Night', 'We Know', ou 'Come Ride with me', que sona a que xa a fixeron noutras ocasións, pezas de rock máis primitivo ('Got me Alone', 'Squatting in Heaven'), folk rock de puro cachondeo con resultado excelente, coma en 'Rebel Intuition', 'Wayne' ou 'Lucid Nightmare', e temas nos que a distorsión leva todo o protagonismo, e por se faltaba algunha referencia máis aos Beatles, cara o final inclúen un cover de 'It Won't Be Long'.
Esta presentado coma un álbum conceptual cos seus interludios, introduccións, pausas, reprises, pero non tentedes buscarlle o nexo de unión ao conxunto porque non o ten. A boa noticia é que seguen a facer realmente o que lles peta, pero teremos que seguir dándolle moitas voltas a todo esto. 
A ver que vos parece a vós...

THE BLACK LIPS "Satan's Graffiti Or God's Art?"
(Vice Records, 2017)



LCD Soundsystem 'Call the Police'

James Murphy está de volta, e esta semana publicouse novo material dos LCD Soundsystem. Dende o seu retorno no 2015, tan só lanzaran o tema 'Christmas Will Break Your Heart' e esta semana lanzaron os temas 'Call the Police' e 'American dream', con moita influencia dos New Order na primeira e aos desvaríos ambientais de Brian Eno na segunda. Polo momento só están dispoñibles en formato dixital, sen data de lanzamento físico, pero estperamos que sexa o adianto de máis...

lunes, 8 de mayo de 2017

Sáb.13: Sheriff Lorre

O SHERIFF LORRE aparca os instrumentos por unha noite, e este sábado 13 o teremos na nosa cabina cargado deses vellos discos co rock&roll máis primitivo.


domingo, 7 de mayo de 2017

Breakin' Bones no Continental

O próximo sábado teremos aos BREAKIN' BONES de novo en Cambados.
Estarán en directo no Continental a eso da medianoite.
Sábado 13 maio, Non vo-lo perdades!


jueves, 4 de mayo de 2017

The Crazy World of Arthur Brown "Fire"

Hoxe compartimos con vós esta xoia que nos atopamos esta semana.
O 7'' do tema 'Fire' de The Crazy World of Arthur Brown, en edición de 1968 dos USA, unha das catro edicións que se lanzaron orixinalmente en 1968, coa produción de Kit Lambert e Pete Townshend, e ese hammond omnipresente de Vincent Crane. Na cara b 'Rest Cure'. Orixinal de Track Record e distribución de Polydor / Atlantic. 
Outra xoia para a colección.



miércoles, 3 de mayo de 2017

The Sonic Dawn "Into the Long Night"

Máis recomendacións para esta semana.
Voltamos ao norte de Europa, The Sonic Dawn son unha banda de Copenhage de rock psychodélico, pero moito máis luminosos do que estamos a escoitar nos últimos tempos. Moi influenciados polo beat británico dos 60s e do power pop do revival de finais dos 70. 
"Into the Long Night" son nove temas con dúas partes ben marcadas. Na primeira fixan o seu discurso con 'Emily Lemon',  'On the Shore' e 'As of Lately' con esa guitarra que nos devolve aos 13th Floor Elevators. 'Six Seven' é a peza de blues máis psychodélica que tamén se deixa levar por influencias do rock progresivo dos 70s, con clara continuidade en 'Six Seven. Cara o final do álbum cambian os rexistros, chega a pausa de 'Lights Turn On' con base de voz e teclados, 'L'Espion' inspirada polas bandas sonoras de soul jazz de mediados dos 60s, e rematan cos sete minutos de 'Summer Voyage' a base de sitar.
Xa case non lembramos a última vez que escoitamos algo do xénero con voces tan limpias coma esta e un son tan sinxelo. 
Metédelle unha escoita aos seus dous álbumes

THE SONIC DAWN "Into the Long Night"
(Heavy Psych Sounds, 2017)



Thurston Moore "Rock N Roll Consciousness"

A semana pasada lanzouse o novo traballo de Thuston Moore, desos que teñen cancións, por que dos de improvisacións e experimentos ruidistas lanza media ducia cada ano como mínimo.
"Rock N Roll Consciousness" son cinco novos temas gravados no estudio The Church con Paul Epworth que é unha antiga igrexa, e na que se conservan por exemplo as consolas coas que os Pink Floyd gravaron o "Umamagumma". A formación que o acompaña continúa a do traballo anterior, con James Sedwards nas guitarras, a baixista Deb Googe (dos My Bloody Valentine) e o seu inseparable Steve Shelley nas percusións.
Comeza con 'Exalted', unha longa peza de 12 minutos de rítmica lenta e constante na que todo vai pasando por outra parte, con máis de sete minutos de intro e desenrollo con guitarras limpias e momentos de tormenta distorsionada para facer de ponte, 'Cusp' é o nervio do álbum, rápida e golpeando cada beat da percusión mentres as guitarras suben e baixan de brasa a outro ritmo, 'Turn On' volve aos dez minutos, chea de xiros, ritmo e melodías que lembran a momentos máis comerciais dos Sonic Youth dos 90s, 'Smoke of Dreams' foi o tema de adianto que nos presentou hai máis de un mes, intenso pero calmado, cunha guitarra que chega a hipnotizar canto máis a escoitas, e 'Aphrodite' despídese con máis cambios de velocidade, crescendos e moitas capas, e un baixo que leva todo o peso ata o final.
Fantástico álbum de Moore, e ten pinta de engancharnos máis con cada escoita.

THURSTON MOORE "Rock N Roll Consciousness"
(Caroline/Fiction, 2017)



martes, 2 de mayo de 2017

Cracker 'Low'

'Low' dos Cracker, un clasicazo da nosa adolescencia.
O recuperamos porque este xoves volven a Santiago logo de moitos anos.


Programación Maio2017

Aquí tedes o que temos programado de momento no Rif-Rock para este mes de maio, con algunha cousa aínda pendente e outras por definir...

· Venres 5 maio: ESCALENUX
· Sábado 13 maio: SHERIFF LORRE
· Sábado 20 maio: GZ Canibal 
· Venres 26 maio: Fuck'U Whiteys... Black Grooves!


lunes, 1 de mayo de 2017

Ven.26: Black Grooves!


Sáb.13: Sheriff Lorre

O SHERIFF LORRE aparca os instrumentos por unha noite, e o sábado 13 o teremos na nosa cabina cargado deses vellos discos co rock&roll máis primitivo.


Ven.5: Escalenux

Comezamos a presentarvos a nosa programación para este mes de maio:
Este mesmo venres comezamos cun debut na nosa cabina: Alex ESCALENUX, cunha boa dose de underground e moita tralla. 
Venres 5 de maio. Non vo-lo perdades!!