miércoles, 17 de mayo de 2017

Castelao "LEX / O Agrario..."

A imaxe que empregamos para o poster do GZ Canibal desta semana pertence a obra de Castelao, como todo sabedes, pero coma sempre, son moitos os que nos preguntan porque non son quen de identificalo, así que imos ao tema.
A ilustración que é un dos debuxos da serie que logo se organizaron como As Cousas da Vida, que son toda a serie de debuxos de Castelao publicados en xornais dende a década de 1920. Eran debuxos sinxelos que se acompañaban de breves comentarios, que ás veces eran un diálogo entre os protagonistas, ou noutras un simple pensamento.
Publicáronse entre 1924 e 1925 nas portadas do xornal vigués Galicia Diario de Vigo, co peche do xornal en 1925, Castelao continuou  publicándoas coa mesma estrutura no Faro de Vigo. Cóntanse máis de seiscentas cousas, moitas delas sobradamente coñecidas, e con ideas e imaxes que retomou en ocasións posteriores para outros traballos. Todos estos debuxos foron recopiladas dende 1961 en varios volumes de Cousas da Vida, organizados en tomos temáticos de Homes, Mulleres, Animais, Nenos, Vellos e Caciques, que foron reeditados en diversas ocasións.
A cousa que empregamos, LEX / O Agrario: Como queres que che respete se cheiras á podre? aparece no último volume adicado aos Caciques (tedes unha vista previa aquí dunha das últimas reedicións).


lámina orixinal pertence á colección Abanca (ver enlace) que ilustran co seguinte comentario. 

Nº 079. - O agrario- Como queres que che respete se cheiras á podre?
Castelao fai unha parodia das palabras sonoras e baleiras de contido como liberdade, igualdade, xustiza, lei e orde. Mostra a verdadeira vida da súa xente, consumida polos impostos e as leis que os afogaban. O recurso de abrir o ventre e mostrar as caveiras reitérase na produción gráfica de Castelao, sacada de La Caída de los Ángeles de Brueghel, na que podemos ver unha ra con patas de galiña desabrochando a barriga e mostrando as ovas que ten dentro, mentres se ri pensando nos fillos que terá. Castelao copia esta escena nun dos seus debuxos, e posteriormente, realiza outro no que converte a ra en muller e os ovos en caveiras, titulándoo Optimismo. Aquí preséntanos unha estatua da lei que tamén mostra as caveiras que leva na súa barriga. É unha representación de toda a podremia que había entón en torno ás leis e á xustiza, e que o autor critica. Posteriormente volve usar o mesmo recurso, na primeira estampa do álbum Galicia Mártir (Valencia, 1937), titulada "Este é o deus dos feixistas", e onde representa un coloso coa cabeza acabada en pico, como a dos cascos dos soldados alemáns da Primeira Guerra Mundial. A figura abre a barriga, ensinando as caveiras que leva dentro, e aos seus pés aparecen pequenas figuras de homes que o saúdan co brazo erguido. O debuxo está inspirado nun cartón de Louis Raemaekers, no que representa a Satán sentado e en actitude pensativa (cada unha das estampas de Galicia Mártir, está baseada nos cartóns de Raemaekers, artista que realizou debuxos de crítica social e que Castelao coñeceu grazas a unha viaxe que realizou por Francia, Alemaña e Bélxica).

No hay comentarios: