martes, 31 de julio de 2018

Esta noite comezamos o Albariño 2018

Nós xa arrancamos esta noite o Albariño 2018!!
Como cada ano, comezamos un día antes, xa nos arrepentiremos cando chegue o fin de semana, pero as tradicións son as tradicións...
Coma sempre, con corte de cinta oficioso, chupinazo, e posiblemente sesión sorpresa. Unha noite para @s máis valentes! Non faltedes!!



The Remains "Live 1969"

Moito temos escrito xa neste blog sobre The Remains. A banda Boston é un dos grandes referentes do garage norteamericano, e sempre nos saben a pouco as escasas gravacións que nos deixaron: o fantástico lp de 1966, e sete singles entre 1965 e 1967. Agora Sundazed recupera un directo da súa última época, "Live 1969", con 9 temas en directo, cun son regular e tan só un dos seus propios temas, o 'Why do I cry', o resto covers habituais coma 'Hang on Sloopy' ou 'Diddy Wah Diddy', pero sempre está ben escoitar  material diferente dos Remains.

THE REMAINS "Live 1969"
(Sundazed Music, 1969)



lunes, 30 de julio de 2018

Sonic Youth 'Star Power'

tic tac tic tac...



Domingo 5 agosto: X Festa do Bigote

Falta unha semana...
Domingo 5 de agosto, Domingo do Albariño, despois da medianoite... 
O RIF-ROCK & CTK convócanvos a outra FESTA DO BIGOTE!!. 
A 10ª edición oficial na que, unha vez máis, contaremos con Edu de PC Barbería como padriño de luxo.
As bases do concurso son as mesmas de tódo-los anos, así que nin volo contaremos de novo. Algún debería comezar a prepararse...


domingo, 29 de julio de 2018

X Festa do Bigote, falta unha semana

Falta unha semana para a Xª FESTA DO BIGOTE!!
Este ano estivemos moi liados con outras cousas e  avisamos con moi pouco tempo, pero ahí queda...
Esperamos subir mañan o poster, bases e demáis.
Polo momento deixámosvos coa entrega de premios do ano pasado.


sábado, 28 de julio de 2018

50 anos de Yellow Submarine

A semana pasada cumpríronse 50 anos do filme Yellow Submarine. Toda unha revolución do cinema de animación e da psychodelia, coas creacións de Robert Balse, Jack Stokes, Al Brodax e Jack Mendelsohn baixo a dirección de George Dunning. Cos Beatles ao rescate de Pepperland fronte ao ataque dos Blue Meanies. Unha boa ocasión para volver a vela...

lunes, 23 de julio de 2018

Pantano "Live at Litium"

Comezamos semana con recomendación do GZ Canibal.
Presentámosvos o primeiro EP de Pantano, un cuarteto de Pontevedra que practican un garage psych do máis pantanoso do país.
A semana pasada lanzaron este "Live at Litium", con 'Looser Man', os sete minutazos de 'Dirty Town', 'El Cazador' e 'Woman and Man'. Catro temas contundentes, con rítmica lenta e desquiciante, e sen ningún complexo, como máis nos gusta. 
Todo gravado e mesturado por Rafa Darrosa en Litium Records en abril deste ano, e parece ser só o adianto de máis material nos próximos meses. Atentos.

PANTANO "Live at Litium"
(Grita Records, 2018)




viernes, 20 de julio de 2018

Superser, clip de 'No te pires nena'

Hoxe estreouse o videoclip de Superser na web da Mondosonoro.
Trátase do primeiro clip da banda de Cedeira, coa dirección e técnica de Lucía R. Regueiro e Óscar Cajide. sobre o tema 'No te pires nena', do seu 7'' de debut  no que colaboran os de Ulomanía Coop. (Ulo-005, ver entrada).
E se vos gusta compartide...



jueves, 19 de julio de 2018

Rif-Rock#19!

Xa pasou o noso 19º Aniversario!! un fin de semana fantástico:
O venres co directo de David R Valeiras, que xa había moitos anos que non nos visitaba, e chegou con ganas de amosarnos os seus novos temas, xa noutra etapa da vida, pero tamén nos deixou uns cantos para lembrar o seu período máis gamberro e adolescente. Nesta entrada tedes uns cantos temas de Valeiras.
O Sábado foi o turno dos Breakin' Bones! e por fin tiñamos a Nacho ao contrabaixo no local, que cos últimos cambios aínda non se estreara no Rif-Rock. A noite comezou estraña, e con retraso, finalmente a porta pechada e con mínimo volume. Un esforzo tremendo da banda para adaptarse, e aínda así menudo show nos ofreceron, clasicazos habituais do seu repertorio, e o adianto dalgúns temas do seu próximo traballo. Tedes uns cantos videos do concerto dos BB nesta entrada.

As sesións correron a cargo de Escalenux e Bimba, os escollidos para este ano, e vaia se cumpriron. Xenial rapaces, moitas grazas a todos por prestarvos a estas historias. 
E por último e máis importante, ao público de todo o fin de semana, pero sobre todo aos do sábado, que abarrotaron o local aguantando altas temperaturas durante todo o concerto. Moitas grazas a todos! se o pasáchedes tan ben coma nós xa me quedo contento. Aínda queda algunha sorpresa máis do aniversario, pero ainda teredes que esperar. Seguimos...


miércoles, 18 de julio de 2018

Rif-Rock#19: Breakin' Bones

O sábado 14 foi o turno dos Breakin' Bones. Finalmente chegaron sen El Santo, pero había colaboradores abondo para botarlles unha man, Bimba e Ptooff incluídos. 
Unha noite moi estraña, obrigados a estar con todo pechado e a mínimo volumen, os músicos aguantaron coma auténticos heroes, e nos deixaron un concertazo tremendo, por iso son a nosa banda favorita. E do público que? pois máis mérito aínda, que aguantou horas co local cheo en plan sauna, sodes todos moi grandes. Grazas a todos por vir. Seguimos.
Aquí vos deixamos cinco temas do show:







Rif-Rock#19: David R Valeiras

Aquí tedes uns cantos temas de David R Valeiras do seu concerto do venres pasado (13 de xullo) no programa do noso 19º aniversario. 
Un pracer artista, ata próxima!


lunes, 16 de julio de 2018

as chapas do 19º Aniversario

As chapas do 19º Aniversario, unha tradición que nunca falta, e que como cada ano nos monta ATDP!!! Quedan poucas, moi poucas, así que o próximo fin de semana se acabarán seguro...


domingo, 15 de julio de 2018

Grazas!

Enorme fin de semana para celebrar outro aniversario. 
O venres co perspicaz e divertido show de David R. Valeiras (upss, non temos foto!! enorme fallo) e o sábado co espectáculo dos Breakin' Bones & amigos, noite 'rockambolesca' total... a porta pechada, en plan sauna, e en mute... heroicos, por iso son a nosa banda favorita. E as fantásticas sesións a cargo de Escalenux e Bimba. Mil grazas a todos por vir, esperamos que o pasárades tan ben coma nós!! 
A proxima semana máis...


viernes, 13 de julio de 2018

19º Aniversario do Rif-Rock!!

Chegou o día, RifRocKerz!!!
Este fin de semana o adicaremosa celebra-lo noso 19º aniversario!!. 
Esta mesma noite con David R. Valeiras en directo, e a sesión de Escalenux. E o sábado co directo dos Breakin' Bones, e con Bimba na cabina para o fin de festa. 
Dúas noites ben distintas, non vo-lo perdades!!


jueves, 12 de julio de 2018

The Paragons 'ABBA'

The Paragons foron os creadores dunha desas xoias dos 60s tan habitual nas nosas sesións: 'ABBA'. Eran de Charlotte, Carolina do Norte, e foron tan efímeros, que só publicaron un 7'' en 1966, este "Abba b/w Better Man Than I" (Bobbi Records). Nada máis. Logo foi recuperada polos Cynics, pero esa xa é outra historia. 
Aquí os tedes nun show de TV en 1966

miércoles, 11 de julio de 2018

The Bevis Frond "Bevis Through The Looking Glass"

Estes días fixémonos coa reedición en vinilo dun clasicazo dos Bevis Frond, unha das miñas bandas fetiche. Xa temos escrito moito neste blog do proxecto de Nick Saloman, así aforraremos introduccións innecesarias.
Este "Bevis Through The Looking Glass (The Great Magnet Disaster)" seguía ao debut de "Miasma", e acadou certo éxito. Esa forma de facer discos como xa non se facían nos 80s sempre foi un dos atractivos de Saloman en calquer época. Temas longos, moi longos, que ocupaban caras completas dos discos (ou jams interminables que debían cambiar de cara), pezas progresivas con interesantes desenrolos, e todo alternado con auténticos trallazos de psychodelia garagera ou doces tonadas. ...Though the Looking Glass, é todo iso, aquí están as sigantescas '1970 home improvements' ou os 20 minutazos de 'The Shrine', as pezas pop de 'In another Year', a psychodelia de 'Soot', os desenfreno guitarreiro de 'Purtle Sline' ou a contundencia de 'Expressman', e sempre na súa busca da melodía perfecta.
O álbum foi lanzado orixinalmente por Saloman en 1987, no seu selo Woronzow, cunha tirada de limitada a 500 unidades. Debido ao relativo éxito, ao ano seguinte foi reeditado por Reckless Records, pero coa portada cambiada, tal e como se seguiu reeditando no tempo en calquer formato. No RSD do 2017, polo 30 anviersario do álbum tivo esta nova reedición, da man de Fire Records, coa supervisión de Saloman e cos deseños orixinais de 1987, además do visto, prace e sinatura de Saloman na cuberta. Como curiosidade, nesta edición inclúen un bonus track 'Alastair Jones' gravada por Saloman en 1967 con só 14 anos.
Unha maravilla que non contabamos con atopar a estas alturas. Por suposto, de escoita obrigatoria.

THE BEVIS FROND "Bevis Through The Looking Glass"
(Woronzow, 1987/Fire Recs, 2017)




martes, 10 de julio de 2018

Mudhoney 'Paranoid Core'

Os Mudhoney veñen de lanzar o primeiro adianto do que será o seu novo álbum. Tras cinco anos sen publicar material novo, hoxe compartiron este 'Paranoid Core', como adianto do lp "Digital Garbage", con saída prevista a finais de setembro. Atentos...



domingo, 8 de julio de 2018

19 anos do Rif-Rock

A próxima semana estaremos celebrando o noso 19º aniversario!!. 
O venres con David R. Valeiras en directo, e a sesión de Escalenux. E o sábado co directo dos Breakin' Bones Vs El Santo, e con Bimba na cabina para o fin de festa. 
13 e 14 de xullo, non vo-lo perdades!!


viernes, 6 de julio de 2018

The Flaming Lips "Seeing the Unseeable"

Os Flaming Lips siguen reivindicando o seu repertorio, e ampliando o seu catálogo con numerosos lanzamentos recopilatorios nestes últimos anos. 
A día de hoxe é imposible seguirlles a pista. O ritmo de publicacións nos últimos anos é inaccesible para calquera, ademáis que a calidade do contido tampouco é que sexa especialmente recomendable. 
Despois do "Embryonic" do 2009, comezaron unha carreira de lanzamentos continuos de discos ambientais, texturas, experimentación. Uns con novos experimentos, o outros reinterpretando ou recuperando material inédito.
Logo chegaron as colaboracións, coma "The Flaming Lips And Heady Fwends", do 2012, no que participaban Bon Iver, os Tame Impala, Prefuse 73, ou  Lightning Bolt  entre outros. Tamén chegaron os discos tributo, coma a reinterpretación do "The Dark Side of the Moon" dos Pink Floyd, xunto con Henry Rollins, ou no 2014 o "With a Little Help from My Fwends" de homenaxe ó Sgt.Peppers dos Beatles xunto con Dr. Dog, Morgan Delt, ou Miley Cyrus que finalmente acaparou tóda-las miradas... 
Logo comezou o show de anunciar concertos espidos xunto con Miley Cirus, e ata publicar discos baixo pseudónimo da banda... dan gañas de decirlle a Coyne que entregue o megáfono e se retiren de unha vez por todas.
No que vai de 2018, lanzaron xa un recopilatorio "Greatest Hits Vol.1" cos temas da súa época pop de maior éxito, entre o "Soft Bulletin" e "Embryonic". A continuación chegou unha edición con material dos seus inicios "Scratching The Door: First Recordings Of The Flaming Lips" no que recuperan as primeiras demos lanzadas en cassette no 83 e no 84.
Agora lanzan este ''Seeing The Unseeable: The complete studio recordings of The Flaming Lips 1986- 1990'', unha caixa de seis cds na que inclúen os catro primeiros discos da banda, dasúa época no selo Restless entre 1986 e 1990, antes do éxito mundial, e que son auténticas xoias do underground: "Hear It Is" (1986), "Oh My Gawd!!!...The Flaming Lips" (1987), "Telepathic Surgery" (1989) e o "In A Priest Driven Ambulance (With Silver Sunshine Stares)" de 1990. Os dous discos restantes son de rarezas e inéditos, o número chamado "The Mushroom Tapes", e o sexto "Death Trippin' At Sunrise: Rarities, B-Sides & Flexi-Discs 1986-1990", con todas esas rarezas, caras b e temas perdidos en diferetnes formatos, algún deles lanzado somentes en flexis. 
Este sí que vo-lo recomendamos para completar a discografía da súa mellor época, aínda que parte deste material xa fora reeditado por Rhino no 2002 entre os fantásticos "The Day they shot a Hole...." e o "Finally the punk rockers are taking acid....". Agora mellor remasterizados, e con esa xoia de rarezas que é o máis interesante de todo.

THE FLAMING LIPS "Seeing the Unseeable 
(The Complete studio recordings 1986-1990)"
(Rhino, 2018)




miércoles, 4 de julio de 2018

Betty Davis: They Say I'm Different, o documental


Máis lanzamentos con material de Betty Davis.
Nesta ocasión o documental "Betty: They Say I'm Different".
Hai uns cantos anos o realizador Phil Cox emprendeu unha campaña de crowdfunding para a financiación dun documental sobre a mítica Betty Davis. No período asignado non conseguíu a cantidade proposta, sen embargo chegaron dúas productoras interesadas no proxecto, á que finalmente se sumou a canle francesa ARTE, dándolle outra dimensión ao documental, e por suposto, incrementando con moito o seu presuposto.
Segundo a promo da web amosanos a extraordinaria historia da provocadora Betty Davis, a súa conversión en pioneira do funk e figura fundamental do xénero, e tamén a súa desaparición total da vida pública en 1980 no máis alto da súa carreira con tan só 30 anos. Estréouse no IDFA de Amsterdan en novembro do ano pasado, e agora xa está no circuito de numerosos festivais e listo para as plataformas de tv. Impacientes por velo.


lunes, 2 de julio de 2018

Hoxe se cumpren 19 anos do Rif-Rock

Hoxe cúmprense 19 anos dende aquel 2 de xullo de 1999 no que o Rif-Rock abreu as súas portas. Xa o celebraremos nun par de semanas como se merece.
O programa completo aquí. Non faltedes!


retorno de The Kinks


Nos últimos tempos crecían os rumores sobra a reunións dos míticos The Kinks, e recentemente foi o propio Ray Davies quen confirmou que xa estaba comezando os traballos no estudio xunto co seu irman Dave e Mick Avory. Na actualidade está de promoción do seu último álbum: "Our country: Americana act II" (Sony) cos Jayhawks como banda de acompañamento. 
Hai uns días nunha entrevista en Channel 4 (ver entrevista aquí) confirmou que están ensaiando e preparando un novo álbum dos Kinks, xira e demáis... máis de 20 anos despois da súa separación. E iso sí, todavía sen confirmar quen será o baixista da banda. 
Tamén tedes unha breve entrevista de onte mesmo en El Periodico.
Estas cousas nunca acaban de sair moi ben, pero estaremos atentos.