viernes, 6 de julio de 2018

The Flaming Lips "Seeing the Unseeable"

Os Flaming Lips siguen reivindicando o seu repertorio, e ampliando o seu catálogo con numerosos lanzamentos recopilatorios nestes últimos anos. 
A día de hoxe é imposible seguirlles a pista. O ritmo de publicacións nos últimos anos é inaccesible para calquera, ademáis que a calidade do contido tampouco é que sexa especialmente recomendable. 
Despois do "Embryonic" do 2009, comezaron unha carreira de lanzamentos continuos de discos ambientais, texturas, experimentación. Uns con novos experimentos, o outros reinterpretando ou recuperando material inédito.
Logo chegaron as colaboracións, coma "The Flaming Lips And Heady Fwends", do 2012, no que participaban Bon Iver, os Tame Impala, Prefuse 73, ou  Lightning Bolt  entre outros. Tamén chegaron os discos tributo, coma a reinterpretación do "The Dark Side of the Moon" dos Pink Floyd, xunto con Henry Rollins, ou no 2014 o "With a Little Help from My Fwends" de homenaxe ó Sgt.Peppers dos Beatles xunto con Dr. Dog, Morgan Delt, ou Miley Cyrus que finalmente acaparou tóda-las miradas... 
Logo comezou o show de anunciar concertos espidos xunto con Miley Cirus, e ata publicar discos baixo pseudónimo da banda... dan gañas de decirlle a Coyne que entregue o megáfono e se retiren de unha vez por todas.
No que vai de 2018, lanzaron xa un recopilatorio "Greatest Hits Vol.1" cos temas da súa época pop de maior éxito, entre o "Soft Bulletin" e "Embryonic". A continuación chegou unha edición con material dos seus inicios "Scratching The Door: First Recordings Of The Flaming Lips" no que recuperan as primeiras demos lanzadas en cassette no 83 e no 84.
Agora lanzan este ''Seeing The Unseeable: The complete studio recordings of The Flaming Lips 1986- 1990'', unha caixa de seis cds na que inclúen os catro primeiros discos da banda, dasúa época no selo Restless entre 1986 e 1990, antes do éxito mundial, e que son auténticas xoias do underground: "Hear It Is" (1986), "Oh My Gawd!!!...The Flaming Lips" (1987), "Telepathic Surgery" (1989) e o "In A Priest Driven Ambulance (With Silver Sunshine Stares)" de 1990. Os dous discos restantes son de rarezas e inéditos, o número chamado "The Mushroom Tapes", e o sexto "Death Trippin' At Sunrise: Rarities, B-Sides & Flexi-Discs 1986-1990", con todas esas rarezas, caras b e temas perdidos en diferetnes formatos, algún deles lanzado somentes en flexis. 
Este sí que vo-lo recomendamos para completar a discografía da súa mellor época, aínda que parte deste material xa fora reeditado por Rhino no 2002 entre os fantásticos "The Day they shot a Hole...." e o "Finally the punk rockers are taking acid....". Agora mellor remasterizados, e con esa xoia de rarezas que é o máis interesante de todo.

THE FLAMING LIPS "Seeing the Unseeable 
(The Complete studio recordings 1986-1990)"
(Rhino, 2018)




No hay comentarios: