miércoles, 8 de enero de 2020

The Mighty Mocambos "2066"

Máis edicións que nos chegan vía WillWork4Funk.
Comezamos co último álbum dos tremendos Mighty Mocambos.
"2066" é o seu terceiro lp, que consolida unha carreira con máis dunha treintena de 7'' con numerosas colaboracións ou como banda de acompañamento, ademáis dos lanzamentos da súa banda paralela The Bacao Rhythm & Steel Band coa que teñen outro bo puñado de lanzamentos.
Comezamos a seguirlles a pista aló polo 2015 por un 7'' que lanzaron xunto con Lee Fields, e dende entón xa non puidemos deixar de escoitalos (ver "Where do we go for here"). As colaboracións da banda xermana son máis que recoñecibles, xunto a figuras coma Gizelle Smith, Charlie Funk dos Afrika Bambaataa ou Ice T dos míticos Body Count. Todos eles aparecen ademáis neste novo álbum. A solvencia da banda está máis que demostrada coa súa frenética traxectoria de lanzamentos dende o 2008. E o seu novo álbum funciona á perfección coma unha síntese de todos estes anos e reúne toda esa gran cantidade de influencias.

THE MIGHTY MOCAMBOS "2066"
(Mocambo Records / Légére Recordings, 2019)


"2066" é un álbum certamente ambicioso. Aos oito membros da banda únense oitros seis músicos adicionais, e a colaboración dos vocalistas antes mencionados.
O álbum comeza ben arriba, con 'Preaching the choir', unha peza instrumental no que aparecen os coros de Nichola Richards, que toma todo o protagonismo vocal en 'Stronger', na que tamén comparte voces cMC JSwiss. 
O álbum discorre alternando instrumentais con pezas vocais, destacando as extraordinarias 'Superstrada' e 'Concrete Stardust', e a festiva 'Macumba' para pechar a cara A. En medio, a fantástica aparición de Lee Fields, poñendo toda a súa pegada soul na peza 'Where do we go from Here' que xa aparecera no 7'' do 2015 que vos comentamos máis arriba.
A cara B presenta unha secuencia inversa, comezando e rematando con temas vocais. Abre 'Take on the World', á que segue unha das pezas máis curiosas do álbum, 'Here we go' un funk realmente explosivo que ensambla á perfección coas voces infantís dos Mocambo Kidz cun acabado realmente pegadizo. Seguen tres instrumentais: 'Return to Space', 'Golden Shadow' e 'Today', todas marca da casa. E para rematar recuperan novamente 'Bounce that Ass' xunto con Ice T e Charlie Funk, un tema de funk e hip hop que xa incluíran no seu 7'' do 2018 compartido con estes clásicos do xénero, e que ten todos eses elementos doutra época que o fai realmente irresistible.

"2066" no bandcamp de Mocambo Records.
Mighty Mocambos na web de WillWork4Funk.


No hay comentarios: