jueves, 26 de marzo de 2020

Throbbing Gristle ‎"20 Jazz Funk Greats"

A semana pasada deixaba este mundo o irrepetible Genesis P-Orridge, figura tan excesiva no mundo musical e cultural que nunca foi apto para as masas.
Obsesionado por estar na vangarda creativa e empregando a provocación coma linguaxe, sempre en compañía de figuras non menos excesivas: Cosey Fanni 
Tutti e Peter Christopherson. 
Foron conscientes dos novos tempos antes que ninguén, facían música industrial para xente industrial, aínda que o seu obxectivo nunca foi chegar a demasiada xente, senón axitar conciencias. Empregaron a linguaxe violenta, a pornografía e a política extrema buscando a reacción do personal, e nese campo sempre destacaron por encima do resto. O propio Genesis foi tamén o primeiro artista trans recoñecido no mundo da música. 
Primeiro foron Throbbing Gristle e logo Psychic TV, para continuar as súas carreiras en paralelo. Con ambos proxectos foron pioneiros dunha nova dimensión da música ambiental e da electrónica, e iniciando as primeiras manifestacións da música industrial, que levaron ata os límites. Entre as dúas bandas publicaron máis dun cento de álbumes, ducias deles de estudio, e infinidade de álbumes en directo rexistrados que sempre eran diferentes.


Aproveitamos o pasamento de Genesis P-Orridge para recomendarvos un dos seus álbumes. Poucos dos seus traballos son accesibles para un oínte convencional, pero podemos escoller un par deles. Dos Psychic TV recomendariámosvos un dos seus últimos lanzamentos, o "Trip/Reset" de 1996, unha xoia de psycodelia experimental.
Pero hoxe deixámosvos un dos Throbbing Gristle, da súa primeira época, o "20 Jazz Funk Greats". Foi o seu terceiro álbum de estudio, lanzado en 1979, con esa portada tan setenteira a medio camiño entre a estética pop sixties e a new wave, ou de seguidores do Canterbury sound. 
Seguramente foi o máis popular da súa carreira, e o que deixou maior pegada e influencia no musical. Por suposto non atoparedes jazz e moito menos funk. É unha álbum de música electrónica, industrial e de vangarda, con tendencia ao miniamalismo antes de que estivera de moda na música popular, e ao ruidismo doutro modo ao que se entendía naquel momento. 
Podedes escoitalo dunha sentada, pausado por momentos, histriónico noutros, con certas melodías que sempre chegan a tempo para non deixalo, e violento cando comezas a relaxarte. 'What a Day' foi o gran tema deste álbum, aínda que pouco tiña que ver co resto.
Outro día seguimos con esta xente.

THROBBING GRISTLE ‎"20 Jazz Funk Greats"
(Industrial Records, 1979)



No hay comentarios: