Para o clásico desta semana escollemos un deses álbumes que deberían ser máis reivindicados. "Absolutely Free" foi o segundo traballo dos Mothers of Invention de Frank Zappa, e continuación do brillante debut "Freak Out", pero sempre estivo moi lonxe de ser considerado un traballo maior entre a súa enorme discografia. A miúdo se emprega o seu nome para xustificar que era demasiado experimental, demasiado surrealista, ou demasiado absurdo, outros afirman que era demasiado complexo. Está concebido como dúas partes separadas, a primeira sería realmente o Absolutely Free, e a segunda The M.O.I. American Pagean (2nd in a series of Underground Oratorios). Eu creo sinceiramente que se recurre a todo iso por tratarse dun dos álbumes máis incómodos de Zappa, pola súa crítica devastadora da sociedade e sobre todo dos políticos dos USA, dende a inicial 'Plastic People' na que empeza presentando ó presidente do país coa letra do Louie Louie, ata as dúas partes do 'America Drinks' nas que inclúe sons ambientais reais de clube. Psychodelia ácida, pop naïf e operetas, con cambios imposibles, de velocidade, de rexistro, de estilo, un delirio marabilloso ó que nunca se lle fixo demasiado caso...
THE MOTHERS OF INVENTION "Absolutely Free"
(Verve, 1967)
Aquí o tedes completo:
No hay comentarios:
Publicar un comentario