Esta semana presentouse a 5ª edición do Outono Códax Festival, que veñen organizando A Reixa e A Raíña produccións en Santiago de Compostela. Aquí vai o avance con todo o programa.
E nós encantados de que a estrela deste ano sexa Naomi Shelton! a puxemos directamente no número 1 da lista de álbumes das Black Grooves do ano pasado.
Ide reservando abonos...
Toda a info na web OutonoRock:
Tres sábados consecutivos (19 e 26 de setembro, e 3 de outubro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela) e, por primeira vez na súa curta pero intensa historia, unha cita fóra das fronteiras galegas (2 de outubro, na Sala Acapulco de Xixón) servirán ao Outono Códax, o festival galego de música negra, para conmemorar o seu V aniversario.
Unha celebración especial na que, se cadra, sexa a proposta máis variada ata a data do ciclo en canto a estilos: do soul máis clásico ao último neo-soul; do rhythm&blues máis frenético ao funk máis mestizo; do gospel máis purista ao groovy máis evolucionado; do rock´n roll máis desenfreado ao blues, o dub, o reggae ou o doo-woop (o de onte e o de hoxe).
Deste xeito, esta V edición do Outono Códax –impulsado desde a iniciativa privada por Raíña Productions e A Reixa, baixo o patrocinio de Martín Códax, e coa colaboración de Pousadas de Compostela, así como a de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais da capital galega– ofrecerá a posibilidade de asistir en Galicia (na maioría dos casos por primeira vez) a algúns dos directos máis notables do panorama internacional e estatal.
Así, o cartel deste ano inclúe a Mike Sánchez & His Band (un dos artistas de rhythm&blues e rock´n roll máis recoñecidos mundialmente); David Hooper&The Silverbacks (o norteamericano xa comparado con estrelas veteranas, emerxidas ao igual ca el na madurez, como Charles Bradley, Lee Fields ou Sharon Jones) e The Gospel Sessions vol. 1 (o último e gran espectáculo de Onno Smit e Paul Willemsen para o que contan coa maxistral voz de Michelle David).
Xunto a eles, estarán dúas das bandas máis consagradas da escena estatal: os cataláns The Velvet Candles (considerada unha das mellores formacións de doo-woop) e Juan Zelada Band (un dos máximos expoñentes do neo-soul, que se estrea no Outono Códax cun espectáculo preparado para o festival). A participación galega deste ano, compromiso irrenunciable do festival para coa música feita en Galicia, correrá nesta ocasión a cargo de tres das bandas máis destacadas da escena actual: The Soul Jacket, Transilvanians e Sabela King & The Heartbreakers.
Todas e todos eles secundarán nesta edición a dous grandes do xénero: Tommy Hunt, o mítico vocalista de The Flamingos e unha das lendas vivas da música contemporánea, que acudirá ao Outono Códax como artista convidado para repasar algúns dos grandes éxitos da súa carreira; e a enorme Naomi Shelton, hoxe por hoxe, unha das divas da música negra e peza clave do renacemento da música sureña estadounidense en Nova York. Para honra do festival, a última veterana estrela de Daptone Records, a principal factoría mundial de música negra, aterrará no Outono Códax, acompañada do seu excepcional coro, The Gospel Queens, e da súa incrible banda (entre a que se atopa Fred Thomas, o histórico baixo de James Brown).
A propia Naomi Shelton&The Gospel Queens e os galegos The Lákazans serán os protagonistas do primeiro “ExtraOutono” do festival, a primeira cita ata agora fóra de Galicia e que terá lugar en Xixón (Sala Acapulco) o próximo 2 de outubro.
Como sempre, actividades paralelas para todos os gustos (exposición fotográfica de Lawrence Impey, allnighters e as xa tradicionais sesións out nas rúas compostelás, que nesta ocasión veñen acompañadas ademais da “tapa do Outono”).
No hay comentarios:
Publicar un comentario