A semana pasada presentouse a 7ª edición do OUTONO CÓDAX FESTIVAL de Santiago, convertido xa nun clásico das nosas axendas.
Nesta edición, co programa distribuído en tres fins de semana ben completos, e de novo repartido entre a Sala Capitol e a Sala Riquela, coa mítica PP Arnold, Daddy Long Legs e The Suffers como principais atractivos, ademáis de outras actividades como a exposición de cada ano e as sesións de picadiscos.
26 Out: PP Arnold + Cachas & Cousings
27 Out: LAR & Freire
3 Nov: Hendrik Röver, Óscar Avendaño & Juanjo Zamorano
4 Nov: Hillbilly Moon Explosion + Daddy Long Legs + Mad Martin Trio
17 Nov: Johnny B. Bad
18 Nov: The Suffers + Sugar Daddie & The Ceral Killers
Tada a info na súa web.
Entradas e abonos en ticketea.
Así o presentan na súa web:
Seis exclusivas citas co mellor do xénero, por segundo ano consecutivo en 2 formatos diferenciados.
O Outono Códax Festival, o festival galego de música negra, regresa a finais de outubro na que será xa a súa VII edición con forzas renovadas e un selecto cartel que se traducen en 6 exclusivas citas (días 26 e 27 de outubro, e 3, 4 e 17 e 18 de novembro) cheas de soul, rock´n roll, blues, swing e boogie.
Un ano máis a emblemática Sala Capitol de Santiago será a sede principal do ciclo que, dada a boa acollida do 2016, por segunda edición consecutiva desdobrarase no tamén compostelán Riquela Club, espazo onde o festival volverá ofrecer ao seu público a posibilidade de gozar do sabor único de actuacións máis de proximidade, tal e como se adoitaba facer nos vellos locais do xénero.
Así pois e en conxunto, o cartel deste Outono Códax 2017 –co patrocinio un ano máis de Martín Códax, e coa colaboración de Pousadas de Compostela, así como a de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais da capital galega– incluirá unha decena de artistas e bandas escollidos entre o máis selecto do actual panorama internacional, estatal e galego do xénero.
Será de feito unha das grandes voces clásicas do soul e unha das figuras máis icónicas da escena británica dos 60, PP Arnold (que ademais virá acompañada da Steve Cradock Band), a que abra esta VII edición do festival, que terá como broche final o directo da que é considerada a banda revelación do soul internacional, The Suffers.
Xunto a eles, actuarán neste Outono Códax 2017 tres das referencias internacionais actuais máis salientables do rock´n roll, o blues e o swing: Hillbilly Moon Explosion (considerados un dos grupos de referencia da escena rocker mundial); Daddy Long Legs (trío neoiorquino recoñecido tamén mundialmente polos seus inconmensurables directos) e Sugar Daddie & The Cereal Killers (big band milanesa que xa se consolidou entre as mellores do xénero). As orixinais apostas de Hendrik Röver-Óscar Avendaño-Juanjo Zamorano (tres dos grandes nomes da escena estatal que se unen no escenario co seu “Non teman aos cantautores”) e Johnn B. Bad (coa súa tan persoal como aplaudida reinterpretación do formato “home orquestra”) redondean un cartel no que a achega galega deste ano, compromiso irrenunciable do festival, correrá a cargo de Cachas&Cousins e a tamén singular e salientable proposta de Xulián Freire e LAR Legido co seu “Folkloor”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario