jueves, 19 de octubre de 2017

Nicole Willis & UMO Jazz Orchestra "My Name Is Nicole Willis"

Máis música negra.
Neste caso que nos chega dende WillWork4Funk. 
Novo álbum de Nicole Willis, unha auténtica todoterreo vocal, dende o soul, pop, trip hop... foi unha da míticas acompañantes de Curtis Mayfield na súa última etapa, e agora, asentada en Finlandia, continúa decididamente a súa carreira como voz principal. O seu álbum do 2015, "Happiness in Every Style" (ver entrada),  acompañada polos Soul Investigators, colouse no noso top 5 das Black Grooves dese ano, e o seu novo traballo leva o mesmo camiño.

Leva por título sinxelamente "My Name is Nicole Willis", e nesta ocasión acompáñase por outra banda finesa, a UMO Jazz Orchestra, unha big band con máis de vinte membros que leva en activo dende 1975, e que ten unha sección de metais que é unha auténtica pasada. Polo medio, o seu inseparable Jimi Tenor, que ademáis de sintetizadores e percusión, encárgase tamén das mesturas e a edición final. E como convidado de luxo o noso admirado Ian Svenonius, que aporta dous temas da súa autoría, e nos que tamén pon a voz principal, facendo a intro para a diva, e o tema final: 'Introducing', e 'The Final Call', dous temas que perfetamente se colarían en calquer álbum dos seus múltiples proxectos. 

Tra-la tremenda introducción estoupa o funk 'Break Free', seguen pezas soul como 'Haunted by the Devil', 'One in a Million' ou 'When we go down', e as melodías máis pop que se coan en 'Togetherness'. Devólvemos ao funk máis enérxico coa divertida '(Everybody) Do the Watusi', o entretempo 'No child denied', para voltar a subir co nothern soul de 'Together we climb' coa súa rítmica orquestral tan pegadiza. Ademáis na edición en cd inclúe o bonus track 'Still got a way to fall', de rítmica enérxica e cun son totalmente actualizado, e un precioso estribillo soul. Todo secuenciado de xeito brillante, e que pasa voando entre a versátil e potente voz de Willis, e enorme banda que a acompaña, guitarras afiadas, rítmica contundente, e esa sección de metais tan potente, sobre todo cando meten os graves. Seguro que vos sorprende.
Un discazo enorme, nós xa o temos entre os mellores do ano.
Un dos imprescindibles do 2017.


NICOLE WILLIS & UMO Jazz Orchestra "My Name Is Nicole Willis"
(Persephone / Herakles Records, 2017)



No hay comentarios: