jueves, 1 de febrero de 2018

The Velvet Underground "White Light / White Heat"

Esta semana cumpríronse 50 anos do "White Light/White Heat" da Velvet Underground. Tra-lo escándalo e o fracaso comercial do debut "The Velvet Underground & Nico", Lou Reed e John Cale despediron a Nico coma vocalista, e a Andy Warhol coma manager. Mantiveron o respaldo da compañía Verve e metéronse no estudio para gravar o seu novo álbum.
O resultado foi este "White Light/White Heat", outra obra mestra marca da casa. Continuaban a provocación do anterior, con letras sobre drogas, sexo e travestismo, e no musical continuaron coa súa proposta avant-garde, aumentando a distorsión e o ruidismo a base de feedback de guitarras e a viola descontrolada de Cale. O primeiro paso xa estaba dado, así que desta vez foron máis alá e conseguiron o álbum máis transgresor e crú da súa carreira, e o traballo que cambiou para sempre as posibilidades do rock convencional.
A propia 'White Light/White Heat' é unha mostra de como un tema con grandes melodías acaba supeditada á distorsión. 'The Gift' é un tema recitado sobre o desenrolo dunha jam, na que contan a desgraciada historia de amor obsesiva de Waldo Jeffers dentro dun paquete de correos. A sinistra 'Lady Godiva's Operation' e 'Here she comes now' pechan a cara A co momento máis amable do álbum.
Pola cara B só dous temas, a distorsión de 'I heard her call my name', noutro corte con melodías perfectas que pasan a un segundo plano, e finalmente os 17 minutos da descomunal 'Sister Ray', que comeza coma outra peza convencional sobre a decadencia urbana, na que Sister Ray é un travesti traficante de heroína que se ve envolto nun asasinato..., e muda en distorsión e improvisación pura.
Foi o último traballo que lanzaron coa formación orixinal: Lou Reed, John Cale, Sterling Morrison e Maureen Tucker. A repercusión, un tanto irregular, superou con moito en ventas ao anterior, pero sobre todo foi, e segue sendo, aclamado pola crítica e os seguidores coma un dos álbumes máis arriscados do rock.
Seguiron facendo historia, pero xa tirando hacia sons máis convencionais.

THE VELVET UNDERGROUND "White Light/White Heat"
(Verve Records, 1968)



No hay comentarios: