A próxima semana chega ás librarías unha nova obra enciclopédica de Fernando Fernández Rego. "Unha Historia da Música en Galicia. 1952-2018" (Galaxia, 2019) é un volume da case 900 páxinas con abundante material gráfico e moitas entrevistas cos protagonistas.
Supoñemos que se trata dunha ampliación ambiciosa daquel "50 Anos de pop rock e malditismo na música galega" do 2010, editado por Toxosoutos, que ben merecía unha actualización.
Noraboa Fernando pola edición, e gracias por todo ese traballo.
Xa nos tarda facernos con el.
Xa o tedes dispoñible en prevenda na web de Galaxia.
Así o presenta o propio Fernández Rego:
"Unha Historia da Música en Galicia. 1952-2018" (Galaxia, 2019) pretende facer un intenso percorrido pola música galega dende os anos 50 ata a actualidade. Tomando como punto de partida esas orquestras e conxuntos que pouco a pouco comezan a virar cara o pop, o texto avanza analizando en profundidade os principais focos e escenas.
A idea do libro é centrarse fundamentalmente no pop, rock, punk e derivados, ademais de atender á canción de autor, desenrolos como o de Voces Ceibes ou o do Movemento Popular da Canción Galega, e tamén o jazz rock e o folk cando este se asocia co rock dalgunha maneira ou con desenrolos electrónicos ou vangardistas xa na actualidade.
O underground é estudado e explorado de maneira minuciosa e paixonal, tanto o dos anos 80 como o dos 90 e o da actualidade. Porque a contracultura e os movementos subterráneos foron en Galicia focos principais e vitais da súa historia musical, o xerme de grandes bandas e artistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario