miércoles, 23 de octubre de 2019

Momo Said "Break the Rules"

Unhas cantas recomendacións antes de rematar a semana.
Imos con algo máis exótico que nos chega dende WillWork4Funk.
Momo Said é un músico italo-marroquí, compositor e arranxista, que o pasado setembro lanzou o seu primeiro traballo en formato longo, tras varios traballos en pequeno formato nos últimos seis anos.

"Break the Rules" é un álbum que se nutre das influencias máis variadas da música negra, dende as sinxelas bases do rap da vella escola, o p-funk do universo Parliament-Funkadelic, ou o RnB máis comercial, e todo salpicado de matices étnicos, afrobeat, e sempre con boas melodías. O resultado é un disco de baile actual, pero cheo de referencias a diferentes momentos e lugares. 
A carta de presentación é potente, con 'Sunny Side of the Street', funk-disco festivo, con tódalas papeletas para converterse nun auténtico hit, e as liñas e baixo de 'Basement', co seu toque jazzy e o rapeado con xogos de voces dobradas. Seguen pezas máis amables coma 'In Many Cases', 'Revolution, No Confusion' ou o funk 'Hold On' e 'Post Scriptum', que nos levan directamente a diferentes momentos dos 70s, con algunhas estruturas marabillosas de afrobeat.
Temas coma 'Loverman', con certos aires a Curtis Mayfield, e as dúas partes de 'Dry River' poñen a dose de baladas, menos interesante, pero que de seguro lle funcionará bastante ben. E para rematar a propia 'Break the Rules', que nos devolve á rítmica máis contemporánea con inspiración no mellor funk dos primeiros 70s, e 'Way out', para poñer ao álbum cunha peza coral.
Un álbum riquísimo en matices, e todo un exercicio de encaixe de diversas influencias para obter un son actualizado.
Seguro que vos sorprende.

Ver na web de WillWork4Funk.

MOMO SAID "Break the Rules"
(Tam Tam Studio Recoordings, 2019) 



No hay comentarios: