martes, 25 de febrero de 2020

Ephemerals "The Third Eye"

Comezamos semana cunha recomendación un tanto diferente ao habitual.
Ephemerals son unha das bandas británicas con maior proxección do momento, e están a ser recoñecidas pola súa arricada proposta de vangarda.
Epherals reuníronse en torno ás figuras de Nicolas Hillman Mondegreen, guitarrista e compositor da banda, e o vocalista Wolfgang Patrick Valbrun, nunha formación que se multiplica en directo en función das necesidades de cada proposta. Por exemplo, na xira de presentación do seu anterior álbum presentaban 13 músicos en escea, con arpista e cuarteto de corda incluídos.
O recoñecemento de Ephemerals está a crecer con cada traballo. O seu primeiro álbum "Hype Machine" (Mondegreen, 2014) era unha colección de temas de soul tradicional, e xa foi aclamado coma un dos mellores do seu ano. Nas seguintes entregas seguiron a ampliar os seus rexistros, con elevadas doses de evolución en cada traballo, sobre todo no seu terceiro lp "Egg Tooth" (Jalapeno Records, 2017): afrobeat, funk, R&B, psicodelia, ata a incorporación do jazz de vangarda nestes últimos anos.

EPHEMERALS "The Third Eye"
(Jalapeno Records, 2020)


"The Third Eye" é a continuacion lóxica desa evolución, incorporando as novas perspectivas do jazz máis vangardista e espiritual, mesturadas con elementos pop, e incluso estruturas moito máis populares. Extremos estilísticos que se mesturan e funcionan de xeito harmónico, e sempre ao servizo dunha letras comprometidas. A mensaxe é unha das claves de Ephemerals: a liberdade social e do individuo, a ruptura dos clichés de clase, raza, xénero ou sexualidade, pero tamén temas habitualmente incómodos como a depresión ou o suicidio, sen deixar de lado tampouco ás súas implicacións no plano político.

'Poly' funciona coma intro do álbum, en clave spoken word e introducindo pouco a pouco a tódolos músicos case en clave ethio jazz, para dar paso a 'Blur', a peza máis festiva do álbum, cunha cadencia machacona e voces dobradas. 
Sen dúbida na segunda parte do álbum atopamos moita máis versatilidade que é realmente o salientable deste disco. 'Avatar' unha peza de jazz máis convencional con maior presenza de arpa e a melodía vocal máis pop de todo o álbum. A continuación, 'Origin' e 'Rising'  dúas pezas moi semellantes e as máis destacadas do álbum, nas que despregan o maior potencial musical da banda dun xeito moi sinxelo pero con maior contundencia ca no resto do traballo, e tamén na esixencia vocal de Valbrun.
O final do álbum funciona coma unha miscelánea realmente diversa. Coa estridente 'Thiefin', a experimentación instrumental de 'Homebody' e a lánguida 'Instagram', coma un mantra laiándose da superficialidade vacua das redes, pero cun espectacular final no musical.

En definitiva un traballo moi evolucionado, experimental por riba de todo, e cunha proposta moi pouco convencional, pero que resulta adictivo de principio a fin. Un álbum que podedes escoitar dunha sentada, e volver a poñelo a xirar de novo e seguir quedando con ganas de descubrir máis do que vos quedou atrás nas anteriores. E se tedes curiosidade por velos en directo, a finais de marzo farán paradas en Madrid e Barcelona.

"The Third Eye" no bandcamp de Ephemerals.
Ephemerals na web de WillWork4Funk.


No hay comentarios: