miércoles, 19 de febrero de 2020

The Jazz Defenders "Scheming"

Máis recomendacións para esta semana.
Hoxe presentámosvos a The Jazz Defenders, un quinteto de soul jazz de Bristol, apaixoado polos son máis clásicos da escudería Blue Note, sobre todo inspirados polos sons que imaxinaron a mediados dos 60s Lee Morgan, Wayne Shorter e compañía, evolucionando o hard bop cara o soul jazz. 
Para o seu debut deixáronse en mans de Haggis Records, selo da banda británica The Haggis Horns, unha das cabeceiras do acid jazz británico actual, que por primeira vez editan material que non sexa da súa propia banda. 
The Jazz Defenders formáronse no 2015, en torno á figura do pianista George Cooper, un xovencísimo pianista que en pouco tempo conseguíu atraer a atención da industria, conseguindo funcionar en diferentes planos, reclamado  para proxectos tan diferentes coma Hans Zimmer, U2 ou The Haggis Horns. Cinco anos despois, chega o seu fantástico debut, "Scheming".

THE JAZZ DEFENDERS "Scheming"
(Haggis Records, 2019)


"Scheming" ábrese con 'Top Down Tourism', co veloz piano de Cooper, adictivo como as tonadas do mellor Dave Brubeck, para alternar protagonismo con saxo e o baixo, nunha estrutura a modo de starndard de jazz. 'Everybody's Got Something' e a propia 'Scheming' lévanos directamente a eses anos dourados do soul jazz de Blue Note que antes comentabamos, cunhas melodías fantásticas e unha factura impecable a base de cambios de ritmo. Para pechar esta primeira parte temos dúas pezas de jazz con moita elaboración, 'I bought it on the Moon' e 'Late', mantendo as melodías soul pero cunha base de ritmo frenético.
Na segunda parte preséntannos unha secuencia máis ou menos inversa. Dende o modern jazz máis clásico cara o soul: 'Hawkeye Jorge', a rítmica latina de 'Costa del Lol', e a pausa delicada de 'Rosie Karima'. Para rematar ben arriba, seguen con 'She'll Come Around', que retoma a rítmica con tempos máis rápidos, case de baile, e as melodías máis pegadizas, e pechan con 'Brown Down', outra peza salientable cunha melodía que non poderedes quitar da cabeza e unha evolución chea de cambios que teredes que darlle unhas cantas voltas para non perdervos nada.
Ritmo e melodías, isto son The Jazz Defenders, tomadas directamente dos grandes doutra época que levan anos sen ser reivindicados como se merecen, para eso están os Defensores do Jazz.

The Jazz Defenders na web de WillWork4Funk.



No hay comentarios: