Mañá Venres 23 terá lugar a presentación do novo libro de
MIGUEL ANXO MARTINEZ:
"O discurso do Afluentes.
Viaxes polas aldeas e lugares do Salnés"
Viaxes polas aldeas e lugares do Salnés"
A presentación será mañan, Mércores 23 ás 20:00h. no Centro Comarcal do Salnés. Cambados.
E aquí tedes unha entrevista con Miguel Anxo publicada na mesma web de Edicións A Nosa Terra:
Miguel Anxo Martínez Oubiña, autor de "O discurso dos afluentes"
"O mellor dun libro de viaxes non é a xeografía senón as persoas que un se encontra"
Redacción .
Mar Barros / ANT Nº1410
O periodista e narrador Miguel Anxo Martínez Oubiña asina o libro de viaxes O discurso dos afluentes. Viaxes polas aldeas e lugares do Salnés (Edicións A Nosa Terra), no que percorre recunchos esquecidos da comarca, a memoria das xentes, tradicións e lendas populares. O autor de En precario, novela satírica sobre a precariedade laboral, e do libro de relatos de misterio Depósito de cadáveres rende ademais homenaxe ao mundo rural no que se criou e fai unha chamada de atención ante o proceso “alarmante” de despoboamento que está a experimentar.
Trátase dunha viaxe polas aldeas e os lugares do Salnés. Por que o titula O discurso dos afluentes?
Buscaba que o protagonismo recaese no pequeno patrimonio, no que menos se repara. Non quería determe tanto nas grandes construcións coma nos muíños, as pontes vellas, os cruceiros e en toda esa cultura popular de lendas, tradicións e supersticións. Por así dicilo, máis que darlle voz aos grandes ríos, perseguía que falasen os afluentes.
Como axuda a creatividade literaria á hora publicar un libro de viaxes?
No mundo do libro de viaxes conviven as guías estritas, que tan só describen lugares e ofrecen claves históricas e recomendacións, con traballos máis narrativos onde a literatura adquire un peso importante. Este tipo de obras debe engaiolar a través da linguaxe e o escritor debe saber escoitar as xentes dos lugares que visita, porque normalmente o mellor dos libros de viaxes non é o que escribe o autor senón o que contan as persoas coas que se vai topando. Transcribir esa paisaxe humana enriquece o libro máis que a paisaxe xeográfica.
O Salnés é un territorio aberto a moitas paisaxes, pero semella que o mar é esencial.
Aínda que neste libro basicamente se reflicte o rural, que conforma o apartado menos coñecido do Salnés, sería imposíbel non introducir o mar pola importancia que ten dende o punto de vista económico, cultural e social.
Que papel xoga nel a historia?
O que vemos non son imaxes núas. Detrás delas agáchase a historia que lles dá significado. Se contemplamos un pazo, debemos deternos nos detalles da súa historia oficial e oficiosa, artellada ao redor das crenzas populares, porque consegue que a paisaxe cobre vida. O libro detense no Pazo da Rúa Nova, na parroquia de András, en Vilanova, do que se recollen historias como a de que se un condenado era capaz de chegar ao edificio e de agarrarse a unha das argolas situadas aos lados do portalón principal antes de que o prendesen, automaticamente era indultado.
Boa parte do Salnés é hoxe un lugar privilexiado para o viño e as adegas.
Tanto para o albariño como para o tinto de Barrantes, unha tipoloxía da zona non recoñecida polas administracións por ser híbrido, pero moi arraigado na sociedade do Salnés e na raíz económica da comarca. Centos de familias labregas cultivan tinto Barrantes. Fronte ao albariño, que é un viño institucionalizado, o Barrantes ten esa consideración canalla. As administracións deberían buscar fórmulas que permitisen superar este baleiro e dotalo de cobertura legal.
Como definiría a personalidade das xentes do Salnés?
É difícil. Teño a impresión de que varía dunha parroquia a outra.
Escolla catro espazos concretos do Salnés que o viaxeiro debería descubrir.
Un deles é A Armenteira, en Meis. Ademais dun mosteiro, xoia da arte da provincia, ten unha paisaxe de media montaña e arborado e unha xeografía espectaculares. Polas súas connotacións, quedaríame tamén co monte Lobeira, en Vilanova, na miña opinión a mellor atalaia da comarca. Aínda que non se trata dun monte moi alto, a súa situación no medio da comarca permítelle ao viaxeiro contemplar tanto a zona marítima como a interior e apreciar a configuración do val do Salnés. Ademais destas peculiaridades, o monte de Lobeira está cargado de historia e de lendas. De historia porque aí houbo un castelo medieval e nel está un dos últimos círculos líticos que existen en Galiza, e de lendas porque aínda se conservan moitas que falan de pasadizos que unían o curuto cun convento en Vilagarcía, ou de ouro e veleno agachados debaixo de cons. En terceiro lugar destacaría a Pena da Forca, un rochedo de seis metros de altura, en Ribadumia. O nome fai alusión as crenzas dos mouros e aos lugares onde mataban aos cristiáns. Trátase dun espazo bastante degradado despois de sufrir un incendio importante na vaga de lumes de 2006. Por último, recomendo o Rego do Alcalde, en Vilanova, a carón do mar. Coa marea baixa pode transitarse. É un litoral diverso, estruturado en pequenas calas, nas que se suceden as zonas de area e de rochas.
Que personaxes dos que aparecen no seu libro destacaría como propiamente literarios, a pesar de ser reais?
Chamoume a atención, polo seu sentido do humor, un home medio cego que coñecín a carón do Pazo da Rúa Nova. Camiñaba moi lentamente cun caxato. Foi quen me contou a historia do indulto dos condenados. Dicía que os homes quedaban libres da condena pero que a cambio tiñan que quedar de criados no pazo, “que gran penitencia era esa tamén”. Ese sentido do humor convérteo nun personaxe literario, como o cura que armou toda unha estrataxema finxindo unha Santa Compaña para que os fregueses desen máis cartos á igrexa.
Os mitos tamén están presentes neste volume.
No Salnés existe unha gran cantidade de lendas preciosas. Está, por exemplo, a do Santo Ero da Armenteira, un monxe que permaneceu escoitando un paxaro durante trescentos anos, despois de pedirlle a virxe inspiración para coñecer o significado da eternidade. Consérvanse ademais tradicións relacionadas cos ritos de fecundidade. Neste sentido, é coñecida a das nove ondas da praia da Lanzada ou a da Ponte dos Padriños, en Ponte Arnelas, á que acudían as parellas con problemas de concepción. A media noite tiñan que interceptar a primeira persoa que pasase por alí e obrigalo a oficiar como padriño nun bautizo dun non nacido. Cando o neno nacese o meniño debía chamarse Alberte ou Alberto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario