miércoles, 30 de abril de 2014

Wayne Shorter Quartet "Without a Net"

Se como clásico vos recomendábamos a Coltrane, para recomendarvos algo moito máis recente imos con un dos seus herdeiros máis directos, o saxofonista Wayne Shorter, que con 80 anos xa cumpridos segue a ser un dos máis activos e inquedos creadores. Despois de colaborar con Miles Davis e de formar parte dos Jazz Messengers de Art Blakey, comezou como compositor e lider da súa propia banda en 1959, sempre vinculado ó hard-bop e ó jazz modal, destacando polas súas melodías complexas e extensas, e nas últimas décadas destacou pola súas incursións no funk. 

Con este cuarteto estable dende finais dos 90, con Danilo Pérez ó piano, John Patitucci no baixo, e Brian Blade de baterista, destacaron polas súas colaboracións con orquestas de cámara, pero o seu último traballo é este "Without a Net" publicado o ano pasado, volvendo ó jazz sen rede, con longas atmósferas e cambios explosivos. Recolle directos da súa xira europea do 2011 coa maioría de pezas compostas por Shorter, e destacando as atmósferas de 'Pegasus' co acompañamento de quinteto de vento The Imani Winds, ou a frenética 'Myrrh' que vos porá os pelos de punta. Un discazo doutra lenda do jazz.

WAYNE SHORTER QUARTET "Without a Net"
(Blue Note Recs., 2013)



No hay comentarios: