martes, 3 de enero de 2017

Mellores momentos Rif-Rock 2016

Comezamos a resumi-lo 2016:
Sempre aproveitamos o de facer un pequeno repaso polos concertos e outras festas especiais do ano para que tamén vós digades cal, ou cales, foron os mellores momentos de cada ano no Rif-Rock. 
Pensamos que este ano vai a estar difícil a cousa, fixemos máis concertos e disparates ca nunca, e algúns de moito nivel, moi especiais e outros sinxelamente únicos que non se volverán a repetir. 
De algúns non temos moito material gráfico, ou está aínda en proceso de unha edición especial, pero tedes abondo no que escoller
Estos son os 15 momentos que vos propoñemos, pero podedes escolle-lo que queirades, estén aquí ou non, ou escoller cousas conxuntas coma o Aniversario completo, ou o Nadal Soul... eso xa é cousa vosa, pero comentade!!
Podedes votar nos comentarios desta entrada, ou através do facebook, por mail... como queirades. Tedes sobre uns 10 días para facelo:

Ahí van unas cantas propostas:

NORTHERN LIGHTS (23 de xaneiro e 8 de outubro).
Os Northern Lights foron os encargados de abrir a tempada de concertos no Rif-Rock neste 2016. Todo o show sobre a base dos seus propios temas, sempre evolucionados dende os shows anteriores, algunha incluso cambiada de idioma (e título claro...), literalmente versionándose a sí mesmos. E o 8 de outrubro volveron con máis voltas sobre o anterior. 



BREAKIN' BONES (13 de febreiro).
Había máis de ano e medio que non nos visitaban os Breakin' Bones, e chegaron en febreiro con nova formación, incorporando a Dani Alonso da banda The Loopholes. Un show espectacular, coma sempre! Hora e media de intenso e divertido psychobilly, con ducias de covers retorcidos, dende temas dos 50s, himnos mod, trallazos punk e clasicazos dos 80. Nunca fallan!.



ISI VAAMONDE & THE NEW SCHOOL (20 de febreiro).
Tamén en febreiro volvía Isi Vaamonde, presentando nova banda, THE NEW SCHOOL, con outros catro habituais do local: Rubén Iglesias ó baixo, David Falcón coas guitarras e coros, Bruno Barreiro ó piano e Jesús Caramés na batería. Un concerto organizado dun xeito un tanto exprés pola inminente gravación de un par de temas a próxima semana: 'You're Smiling There' e 'Unstable Killer'. E de paso presentarnos máis temas do que será o seu próximo álbum. 



OÚ SONT LES FEMMES? (programación especial marzo).
Non sei se algunha das sesións de marzo foi para vós das mellores do ano, pero seguro que a programación conxunta Où sont Les Femmes? foi outra vez do mellor do ano para moitos de vós, con oito das nosas mellores amigas facéndose cargo da cabina ó longo de todo o mes. Podedes repasar todo o material seguindo a etiqueta Où sont les Femmes? neste blog.



SCARY MONSTERS a nosa homenaxe a Bowie (26 de marzo).
Para rematar marzo tivemos unha desas noites especiais que ocurren no Rif-Rock cando se xunta toda esta panda de artistas dos RifRocKerZ AllStars que deron forma ós Scary Monsters.
A homenaxe a Bowie foi proposta polos propios músicos, así que nós somentes puxemos o local á súa disposición, sabendo que o restultado iba a ser estupendo. Nunhas cantas semanas se xuntaron ata 10 dos nosos amigos habituais da banda da casa para montar o espectáculo, e con só uns cantos ensaios xa estaban listos para montar o noso particular tributo a Bowie: RifRocKerZ from Mars!. Outro show único que nos regalaron. O Rif-Rock nunca sería o mesmo sen estes fenómenos!!.



DEAD WOOD (30 de abril).
Cinco meses despois do seu último concerto, volvían os Dead Wood ao Rif-Rock, recén saídos do estudio de gravación de preparar o seu primeiro traballo con Victor Karallada. Ademáis servía de despedida temporal do Sr Pistola, Breo Gun non poderá está sempre cos Dead Wood por motivos laborais, e de paso xa incorporaron a Miguel Moldes e Michi Calambres como membros a tempo completo da banda. Unha formación de escándalo!! O resultado espectacular.



THE EVEN FLOW EXPERIENCE (7 de maio).
Pouco se deixan ver The Even Flow Experience dende o seu retorno, pero alomenos será obrigatoria unha visita ao ano. Sempre converten esas noites en algo moi especial.Desta vez, foi a voz de Iria Viqueira, que cantou tres temas que nos deixaron a todos alucinados. 
Desta vez só subimos uns cantos temas dos concerto, non vai completo porque para iso xa había xente máis profesional grabando, así que teredes que agardar un pouco polo resultado final, pero seguro que é moitísimo mellor que o habitual que nos compartimos. Aínda segue en produción...



VENTO MAREIRO, por Kevi Aragunde e Karlos Abal (21 de maio).
Seguramente, a cousa máis bonita que fixemos nunca no Rif-Rock. 
Foi o noso especial polas Letras Galegas, unha noite de música e poesía a redor do Vento Mareiro de Ramón Cabanillas.
Kevi Aragunde presentounos os temas de Cabanillas sobre os que leva moitos anos traballando (sobre todo pertencentes a 'Vento Mareiro', pero tamén algún de 'No Desterro' e 'Da Terra Asoballada'), acompañado de Karlos Abal, e cunhas cantas colaboracións moi especiais: a de Suso Gómez coa súa lectura de 'Dous Raposos', e no descanso tomaron o relevo Xoán Silva e Blas, xunto con Anxo Xesteira, para facer os tres temas do seu repertorio sobre pezas de Cabanillas: A Fouce Esquecida, Terra e o himno de Acción Galega. Tres xeracións de talento puro xuntas na mesma noite. E por suposto, un show que Kevi adicou a Luis Rei dende o comezo. Eres moi grande Kevi!!.



LOST SONGS (11 de xuño).
En xuño tivemos no Rif-rock a estrea de LOST SONGS, o novo proxecto de Isi Vaamonde e Bruno Barreiro. Con este formato recuperan vellos temas do seu repertorio de outras épocas, descartes, covers e temas tan recentes que aínda seguirán medrando en cada concerto.



17º ANIVERSARIO DO RIF-ROCK (2-9 de xullo).
Dúas fins de semana estupendas, cheas de boa música e de amigos, 
Recuperamos o formato anterior ós ultimos dous anos, co programa repartido en varias semanas e con dúas bandas habituais da casa convertidas noutra cousa distinta para que fosen uns concertos únicos.
O Sábado 2, foi o turno de RUFUS Y LOS GUARROS, no propio día que cumpríamos 17 anos. Outra volta máis dese universo infinito de bandas dos irmans López, adaptando parte do repertorio que estaban a presentar no verán como Doble M & Jorge Lorre, pero acompañados por Rufus el Guarro con tódo-los seus trebellos á percusión, ademáis de Óscar que non se quixo perder a oportunidade de sacudir as cadeas toda a noite. 
E o Sábado 9 os protagonistas foron THE BOLTONS, coa jam de blues de Rubén Iglesias, David Falcón e Jesús Carames, en formato power trío. Tocarón o que lles petou, e aínda nos deixaron en exclusiva un par de temas fantásticos doutra das súas bandas paralelas.
E ademáis as sesións de PTOOFF & Dj CHAN (aka A.C.M.E.) dende a cabina, un habitual da casa, e un referente do país que por fin se achegou ó Rif-Rock cargado de discos para poñer o fin de festa perfecto ó noso aniversario!!
Así da gusto cumprir anos. E agora a polos 18!!



THE SILKTONES (29 de xullo).
The Silk Tones se presentaron no Rif-Rock para un ensaio xeral unha semana antes do seu concerto do Albariño, na praza de Fefiñáns compartindo escenario cos Inmaculate Fools. Eran Rubén Iglesias, David Falcón, Miguel Moldes, Jesús Caramés e Deva Sanmartín. No seu concerto ofrecéronnos 15 covers cos que se meteron a todo o público no peto dende o primeiro momento.



8ª FESTA DO BIGOTE (7 de agosto).
Unha das festas máis grandes do Rif-Rock de cada ano, e este ano aínda máis que en edicións anteriores, moitísima xente pero poucos bigotes de aspirantes serios, pero a festa, enorme!! Con Xaco Aragunde repetindo como mestre de cerimonias, así coma o padriño un ano máis: Edu Charlín de PC Barbería. Este ano non houbo barbeados en directo, pero encargouse dos suculentos lotes de regalos para os gañadores: Olalla Novás, Alberto Dominguez e Juan Artiles. Noraboa outra vez. O próximo ano máis...



THE SPOOKY GRAVIES (29 de outubro).
Outra historia inexplicable dos de Ulomanía Coop. Unha minixira pola comarca na que Los Wavy Gravies se transforman en THE SPOOKY GRAVIES cun repertorio monstruoso para tres únicos concertos naquela semana.
Finalmente presentáronse en formato de trio, algo que non estaba moi claro ata última hora, e ofrecéronnos un espectáculo tremendo. Chegaron convertidos no Sheriff Lon Chaney, Mr Momia e Screaming Jay Hawkins, e durante máis de hora e media ofrecéronnos un show cheo de temas dos nosos monstruos favoritos, vellas pezas de series de tv e uns cantos temas propios.



LITTLE JUICE (Nadal Soul, 23 de decembro).
Xa tiñamos gañas de ter de volta aos Little Juice polo Rif-Rock. E desta vez arrancando unha nova edición do Nadal Soul. Sobre todo encantáronnos os seus temas propios: 'Fear the World', 'Orc Blues', 'Trust', 'Trapped Soul', 'Skin over Skin (Black Clouds)' e 'I was that girl'. Precioso por momentos e intenso cando facía falla. 



DEAD WOOD (Sesión Vermú Noiteboa 24 de decembro).
O último show do ano, e seguramente o máis impresionante de todos.
Era a primeira sesión vermú da historia do Rif-Rock. Sesión matinal, sábado e Noiteboa, todo montado para a presentación de Ulomanía Coop. e os DEAD WOOD co seu primeiro single, "Spirit Away b/w CBA Blues" (ULO-001), coa propia banda en directo, e unha chea de colaboradores que quixeron aportar o seu apoio para montar unha festa como a ocasión o merecía. Non se presenta un disco de debut tódo-los días... Un día irrepetible!.



Veña a votar!!



No hay comentarios: