sábado, 3 de junio de 2017

"Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band"

Nestes días moito se ten escrito do Sgt. Pepper's dos Beatles, lóxico cando un álbum desta repercursión cumpre 50 anos, un auténtico superventas no seu tempo e que coninuou sendoo case por sempre. 
Pero estas cuestións non o convirten nun gran álbum no musical, nin como temos visto nestes días nalgúns medios calificándoo coma o 'mellor album de rock da historia'. En realidade non é nin o mellor álbum dos Beatles daquel ano. En novembro lanzaban o "Magical Mystety Tour", un dobre ep no seu formato orixinal, de menor repercusión comercial no momento (pero que tamén foi un auténtico pelotazo, coma tódo-los seus discos), e considerado ás veces como unha obra menor por tratarse da banda sonora da película do mesmo nome, aínda que con temas igual de exitosos e, alomenos máis arriscado no musical, con tema instrumental incluído.

O aniversario do Sgt. Peppers deu para moitas parrafadas nestes días, así que ahí van unhas cantas opinións do asunto: O pop barroco da propia 'Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band' e a súa versión repise cara o final, xunto coa despedida de 'A Day in the Life' (sen dúbida a mellor peza do álbum) son o realmente salientable no musical. Porque por moi coñecidas que sexan 'Lucy in the sky with diamonds' ou 'With a little help from my friends' non as convirten en grandes cancións. Efectivas por suposto, xa que quedaron para sempre no imaxinario popular, pero moi alonxadas da sofisticación musical e da efervescencia de ideas da época. E menos ainda cando o que habitualmente se reivindica é a proposta transgresora da banda nesta época. Se falamos de 'Lovely Rita', 'When I'm Sixty-Four' ou 'Fixing a Hole' o que temos é unha colección de ñoñadas simplonas con dous efectos de producción e nada máis, en definitiva, un álbum moi frouxo. Ahí queda iso. É o que acontece cando un fenómeno se sobredimensiona, e termina por confundirse o éxito comercial dun producto coa súa calidade, máis aínda no seu contexto de 1967. A súa gran difusión e aceptación popular está fora de toda dúbida, así como a súa contribución fundamental á expansión do fenómeno POP por todo o planeta, pero eso non o convierte, nin tan sequera, nun dos mellores álbumes da banda de Liverpool. Así de sinxelo.

O que sí foi icónico deste álbum foi a súa portada. Un collage obra de Peter Blake que dende entón se converteu en eterno. Como se trata dunha portada dos Beatles, o marketing e a propaganda tamén se empeña en decir que é a primeira portada da historia da música que non reproduce unha sinxela foto do grupo e nada máis, o cal tampouco é certo. Tanto en 1966 coma moitos dos grandes álbumes lanzados a comezos do 67 se adiantaron a esas propostas estéticas. Álbumes icónicos coma os da Velvet Underground, Beach Boys, The 13th Floor Elevators ou os Grateful Dead entre outros se lanzaron á propostas estéticas da cultura pop, o swinging london e á psychodelia antes que os Beatles, pero o marketing é así, cando funciona dura máis de 50 anos.


Pero eso non resta importancia ao traballo de Blake, recoñecido artista pop dende os anos 50s, polos seus collages e as súas dianas. Pero o éxito do seu traballo para os Beatles comeuse para sempre todo o seu traballo, convertíndose nunha das portadas máis famosas da historia, e porque non, nunha das obras do deseño máis recoñecibles para a eternidade. A portada é un collage feito con fotos a tamaño real, na que acompañan aos Beatles figuras insignes da cultura da época e figuras relevantes da sociedade británica dun pasado recente. Ahí aparecen escritores coma Edgar Allan Poe, Oscar Wilde ou Lewis Carroll, actrices coma Shirley Temple ou Marilyn Monroe, e iconos recentes coma Karl Marx ou Sigmund Freud, tamén aparece Bob Dylan, e Stuart Sutcliffe (que formara parte da banda nos inicios), ademáis de Sir Robert Peel (influínte ministro británico do século XIX) e personalidades relevantes da filosofía como Aldous Huxley, o mistico hindú Sri Yukteswar Giri, ou o influínte ocultista Aleister Crowley. Ademáis de algúns famosos da época que se negaron a aparecer retratados, ou foron retirados segundo avanzaban as sesións, e incluso a lenda di que finalmente tamén retiraron as figuras de Gandhi, Hitler ou Xesuscristo.

A portada foi tan icónica que foi versionada en numerosas ocasións, a primeira xa o ao ano seguinte para a portada do sarcástico "We're Only in It for the Money" de Frank Zappa & The Mothers of Invention lanzado en marzo do 68. Pero a miña favorita é a realizada en 1989 polos Thee Mighty Caesars de Billy Childish, que servía de portada para o "John Lennon's Corpse Revisited". Pero esa xa é outra historia...


No hay comentarios: