Unha semana máis recomendareivos un álbum en función das compras vinílicas de semana, nesta época consumista o mércores volvín a casa máis que satisfeito despois de comprar unhas boas gangas, o mellor debeu de ser a cara que se me puxo cando nunha tenda atopei un par de caixóns de vinilos con cartel de todos a 5€. De alí foron para a miña casa o primeiro álbum dos portugueses The Act-Ups ("The Psychedelic Sounds of Today"), o segundo álbum dos Thee Fine Lines "Set you straight", e o tamén o fantástico debut "Love's Dead Leaves" dos The Loons de Mike Stax. E por último o que vos recomendo en primeiro lugar, o "Yellow Glass Perspections" dos Embrooks, do que estaba convencido de que xa o compartíramos neste blog. Os británicos The Embrooks son seguramente a maior referencia do freakbeat do que vai de século (e de finais do anterior), e cunha fórmula impecable na que recuperan a esencia da xeración mod, engadíndolle moito garage, psych, beat e power pop. Se nos seus anteriores traballos (en formato largo ou eps) podían resultar algo máis escuros e menos aptos para tódo-lo públicos, neste último álbum coa producción de Liam Watson o resultado é moito máis luminoso con temas enormes como 'Happy Flicke Girl' ou cover de temas esquecidos tan deliciosos como 'Riding a Wave' dos Turnstyle. Garage co retrovisor sempre posto nos Small Faces e The Who e sen cortarse un pelo á hora de incluir cellos ou piano. Outro imprescindible!
THE EMBROOKS "Yellow Glass Perspections"
(Munster Recs, 2004)
faite con YGP en Trashistors.
No hay comentarios:
Publicar un comentario