martes, 20 de marzo de 2012

Maribel Iglesias, premio Ramón Cabanillas

Nova directamente roubada de Cambados(tk):
As librarías Contos e Ramón Cabanillas veñen de anunciar o nome da persoa que recollerá en Maio o noveno Premio Ramón Cabanillas. Será a profesora Maribel Iglesias Baldonedo, docente no IES Francisco Asorey e historiadora. Maribel ten traballado arreo desde o ámbito do ensino arredor de figuras como o propio Cabanillas (lembrar que en 2009 adicóuselle o Ano) ou Francisco Asorey. Dirixiu en 2005  a publicación de “Cambados, cen anos de historia a través da fotografía”, un traballo en equipo con alumnos e profesores do Asorey, e en 2009 grazas a CANDEA veu a luz o seu “Ramón Cabanillas Enriquez – Biografía en Imaxes”.
Respecto ao escultor, a profesora traballou catalogando a obra, participando no Ano Asorey en diferentes actividades e na Comisión -tivo moito que ver na exposición do Pazo Torrado, para a que escribiu o interesante libro que nela se ofrecía- e en internet a través do blog Paco Asorey,  que ofrece datos biográficos, fotografías, análises e mesmo crítica. Haberá tempo de aquí a Maio a repasar pormenorizadamente a contribución de Maribel á cultura galega, xa adiantamos que non é pouca.
Maribel Iglesias ademais é unha persoa comprometida cas súas ideas, non se corta á hora de expresalas con claridade e ás veces cun interesante punto irónico. Para sorte deste medio publica artigos de opinión en CTK desde o pasado verán.
O acto de entrega do Premio será o día 19 de Maio ás 21 horas no Auditorio.


Dende o Rif-Rock só nos queda engadir: Noraboa Maribel!!! e por suposto tamén á agrupación de libreiros que seguen con esta marabillosa iniciativa.



No hay comentarios: