jueves, 13 de agosto de 2015

Luis Rei no Despregable#23 (xuño 2010)

Onte mesmo Cambados(tk) recuperaba a entrevista que o propio Óscar fixera a Luis Rei no 2010 para a Embaxada Prusiana e que publicaramos no Despregable#23, o último exemplar da publicación que veu a luz en formato físico en xuño do 2010.
A entrevista centrábase na figura de Ramón Cabanillas, co gaio da excelente biografía publicada por Luis meses atrás sobre o poeta tras moitos anos de investigación. 

O final da entrada tedes a imaxe do artigo orixinal publicado no Despregable#23 en xuño de 2010, pero reproducimos aquí o texto íntegro da entrevista tal e como a publicaba CTK na súa web meses despois:

[entrevista realizada en Abril de 2010]
Luis Rei
Autor de Ramón Cabanillas. Crónica de Desterros e Saudades.
Unha entrevista de Óscar Pardo Planas.

Luis Rei (O Grove, 1960) é sobradamente coñecido en Cambados porque é o bibliotecario da nosa vila desde antes de que algúns teñamos memoria. Ademais, é técnico de Cultura do Concello, tarefa na que a súa man se percibe, entre outras cousas, nas programacións de calidade de teatro que se achegan ao Concello.

Durante os últimos vinte anos dedicou o seu tempo a investigar a figura do “poeta da Raza” e finalmente o ano pasado, no Ano Cabanillas 2009, veu a luz a súa biografía titulada Ramón Cabanillas: Crónica de desterros e saudades. Nela, o autor vainos achegando cronoloxicamente á vida do vate, aos seus problemas e ás súas alegrías, permitindólle ao lector enteder o cando e como da súa produción literaria.

Seiscentas páxinas cargadas de información solidamente documentada na correspondencia do poeta, en artigos xornalísticos, publicacións… que fan seguramente da obra, a primeira biografía de Cabanillas, a mellor publicación sobre o escritor cambadés.

O crítico literario Ramón Nicolás definiu este volume como  “unha das achegas ensaístico-biográficas máis salientables do ano”.


A BIOGRAFÍA

A primeira impresión que un ten cando remata de ler o teu libro é a dun traballo impresionante … como te decides a escribir esta biografía, porque deduzo que non sería de súpeto…?

LR_Non, funme metendo pouco a pouco, primeiro por cousas do traballo, utilizando o material de Cabanillas que xa había na biblioteca, despois reunindo documentos novos que ían aparecendo e finalmente dedicando moito tempo á investigación. Cando considerei que dispoñía de información relevante empecei a publicar artigos e finalmente, bastante anos despois, metinme a redactar este libro, traballo que aínda me levou outro par de aniños.

O propio Ramón afirma nunha carta a Carvalho Calero que as súas  notas biográficas non teñen importancia. Despois de todos os anos de estudo levarslle a contraria a Cabanillas, nonsi?

LR_Cabanillas é un autor demasiado importante na historia da literatura galega como para facer caso do seu consello de non prestarlle atención á súa biografía. Foi protagonista e testemuña dun tempo excepcional, sen el non se comprende cabalmente a literatura galega da primeira metade do século XX.

Todo o mundo parece coincidir no momento en louvar a poesía de Cabanillas: que ofrece o traballo de don Ramón?

LR_Cando Cabanillas eclosionou como poeta galego en Cuba, alá por 1913, a nosa poesía vivía unha crise funesta. Desaparecidos Rosalía e Curros e apartado do mundo literario Eduardo Pondal non había perspectiva de continuídade e moito menos de renovación. Desde este punto de vista Cabanillas non apareceu só como un novo poeta de calidade, tamén foi visto por boa parte da crítica como o poeta “arelado”, como ben dixo Ramiro Fonte: “o poeta necesario”.

Cuberta do libro Ramón Cabanillas, crónica de
desterros e saudades
(ed. Galaxia 2009)
“Oxalá algún día apareza a conrrepondencia que recibía”

A imaxe do Cabanillas que mellor coñecemos é a dun velliño baixo un pucho… pero é esta imaxe a máis caracteristica para describilo?

LR_Posibelmente non. Esa  imaxe que está en todos os libros de texto é o retrato dun Cabanillas certo, pero só dun tempo de vellice. O poeta foi, en palabras de Vicente Risco, “un dandy perdido en la bohemia”, un home de moito mundo e de moita historia. Oitenta e tres ano de vivir, como el dixo, “sen apouso nin repouso” dan para moitas imaxes: vestiu fraque en ocasións solemnes, usou chapeus de todo tipo e gostou máis da  “pajarita” que da gravata.

Desterros e saudades: Cuba, Mondariz, Madrid…cal consideras que foi o desterro máis importante para a súa vida e obra?

LR_Aclarando que ningún xuiz dictou nunca, que saibamos, unha orde de desterro contra Cabanillas o certo é que el viviu “no desterro” case toda a vida. Seguramente o alonxamento máis influínte na súa obra fose o “desterro” cubano porque alí naceu para a poesía galega. Se cadra , porén, no seu vivir foron máis importantes algunhas das as etapas pasadas en Madrid: para alí “fuxiu” cando perdeu o cargo de secretario no concello de Mós e alí botou tamén anos de soedade e penurias durante a II República. Pero opino que Cabanillas viviu “no desterro” sempre, porque foi un xeito de vida que el escolleu.

Botándolle imaxinación (moita), poñamos  que tiveras oportunidade de ter unha conversa co vate de Cambados…sobre que cres que xiraría a charla? Se che permitisen facerlle unha pregunta sobre algún aspecto da súa vida que non coñeces/comprendes, cal elixirías?

LR_Hai moitísimas cousas que non sei de Cabanillas e que me gustaría coñecer e tampouco teño a imaxinación que me pides, pero o que máis me gustaría sería que non fose certo o de que el rompía as cartas que recibía e que aparecese un día unha arca vella con toda esa correspondencia. A xente gardaba as cartas que lle mandaba Cabanillas e teño lido centos delas, pero case non lin cartas remesadas para el. Sabemos moito do que os seus amigos publicaban en prensa sobre el pero moi pouco do que lle decían cando se dirixían a el persoalmente.

Na biografía o intento de Cabanillas por publicar as Obras Completas é unha constante, cales eran os atrancos?

LR_A realidade dunha lingua minorizada. A xente era maioritariamente analfabeta en calquera lingua e case absolutamente analfabeta en lingua galega. Publicar libros en galego foi moito tempo un acto de puro idealismo e, sobre todo un negocio ruínoso. Se publicar libriños de poesía era complicado imaxina unha “obra completa”.

CABANILLAS E A POLÍTICA

“Cabanillas foi un demócrata anticaciquil e galeguista”

Tras unha lectura ideóloxica da súa vida vemos que o poeta é favorecido por gobernos dereitisitas pero que parece non renunciar nunca ao galeguismo…foi Cabanillas un malabarista no plano político?

LR_Eu penso que non. Foi un poeta revolucionario nos días do agrarismo e o máis importante escritor das nacionalistas Irmandades da Fala e sempre foi consecuente con eso, sempre foi un demócrata anticaciquil e un galeguista sen tacha. Por outra banda non creo que fose especialmente favorecido nunca. O goberno dereitista de Lerroux durante a segunda república deulle un carguiño non político no Instituto de España que axudou ao poeta a saír da miseria na que se atopaba, non o fixeron ministro nin gobernador. A ditadura de Franco deixouno vivir e aí remata o favor. Nada de malabarismos.

Amigo do líder agrarista Basilio Álvarez e “irmán” dos galeguistas, tentou acercar ambos movementos…por que non foi posíbel?

LR_Houbo moitos acercamentos e distanciamentos entre Basilio Álvarez e as Irmandades da Fala pero nunca chegaron a xuntarse. Seguramente a historia do galeguismo e mesmo a de Galiza tería sido outra se iso tivese acontecido. Pero Cabanillas non era máis que un poeta, el non podía propiciar ese encontro co único instrumento dos seus afectos persoais.

Declarándose republicano…que fallou para que Cabanillas se sentise decepcionado co novo rexime democrático?

LR_No libro digo que Cabanillas sentiu como unha afrenta a retidada dunha pensión vitalicia que as Deputacións lle outorgaran cando fora elixido como membro da Real Academia Española e estou seguro de que eso influíu moito no seu ánimo, pero as súas disidencias co réxime foron máis amplas: non concordaba co carácter laico da constitución, estaba en desacordo coa alianza do galeguismoi  coa forzas de esquerda, detestaba a “reutilización” republicana de vellas de redes caciquís, etc, pero, repito, como di o refrán: cada un fala da feira segundo lle vai nela… e a Cabanillas na II República foille mal.

CABANILLAS E CAMBADOS

“Cabanillas amou profundamente a Cambados”

Como é a relación Cambados-Cabanillas? Porque por un lado, o autor adícalle poemas e gostaba de voltar á vila natal, pero por outro afirmaba ás veces sentirse “horrorizado” por el…

LR_Cabanillas amou profundamente Cambados, eso mírase en moitos poemas e non admite duda. Pero tamén foi un home crítico coa súa vila. Quen lea os seus artigos e poemas nos xornais El Umia e El cometa descubrirá a un Cabanillas humorista (dos bós) a conta das cousas de Cambados. Despois de marchar para Cuba xa só voltou a Cambados a pasar pequenas estadías: o seu era un amor “a distancia”.

Como valoras o pasado Ano Cabanillas 2009? Que destacarías del?

LR_En Cambados e mesmo no Salnés foi un grande éxito porque foi un ano cargado de actos e de publicacións. Creo que tanto o Concello como diversas entidades culturais, singularemente Candea, fixeron un esforzo verdadeiramente memorábel. En Galiza tamén tivo importante repercusión, pero non sei se tivo a que merecía.
Eu destacaría a normalidade e naturalidade con que se chegou a utilizar pola xente do común e polos medios de comunicación a expresión “Ano Cabanillas”: introducir a presenza dun poeta e da súa poesía na cotidianeidade da vida dunha vila enteira paréceme difícil e, mesmo, sorprendente. Sen embargo en Cambados pasou.

Cres que a Fundación Cabanillas será algún día realidade? de que depende?

LR_Penso que todo o que é unha necesidade acaba sendo unha realidade e fai falla unha entidade (posibelmente unha fundación) que se encargue de poñer en valor cada día a obra de Cabanillas. Tamén sei que esa fundación non será unha realidade se as institucións, e polo tanto os representantes políticos, non fan un esforzo por entenderse. Eu acredito na democracia e na sensatez dos representantes eleitos e por eso penso que ao final haberá unha Fundación Ramón Cabanillas.

O ano que vén cúmprense 50 anos da morte doutro artista cambadés ilustre, Francisco Asorey…cal foi a relación entre ambos?

LR_Asorey e Cabanillas foron moi amigos. Cabanillas organizou, en 1922, a primeira homenaxe que Cambados tributou ao escultor e Asorey preparou, cando a vida de Cabanillas se apaga, o deseño do monumento que constituía a homenaxe derradeira de Cambados ao poeta.

Tras publicar este volume adicado a Ramón Cabanillas…en que se centran agora as túas inquedanzas como investigador?

LR_Ando mirando algunhas cousiñas sobre a historia do 25 de xullo para un par de artigos que teño comprometidos pero non teño ningún proxecto importante diante. Xa miraremos o que vai saíndo.


Entrevista realizada por Óscar Pardo Planas para o número 23 do fanzine Despregable da Embaixada Prusiana en Abril de 2010 e publicado en Xuño de 2010.

O artigo tal e como foi publicado no Despregable#23 da Embaixada Prusiana. Xuño 2010.

*Unha vez máis, grazas por todo Luis!



No hay comentarios: