viernes, 16 de marzo de 2018

Oneida "Romance"

Imos con algo máis raro, que xa hai tempo que non arriscamos.
Seguro que moitos coñecedes aos Oneida, pero é moi probable que nunca lles ningunha prestarades atención. 
Os de Brooklyn son unha referencia nas propostas experimentais, psychodelia densa, krautrock, minimalismo ou ruidísmo, nas últimas dúas décadas atrevéronse con todo, aínda que os resultados non sempre tiveron o mesmo éxito. Se non me fallan as contas este é o seu 17º álbum de estudio, a maiores de directos, traballos compartidos e ducias de singles e eps.
"Romance" é un dos seus traballos máis ambiciosos, habitualmente compostos por un par de temas de longa duración. Desta vez entregan un álbum longo, en formato dobre, cun par de pistas longas e cortes con duración de canción máis estándar, cheas de ruidismo e repetición de ritmos, máis centrado nas texturas e en poñer orde no caos. Entre os 11 temas tamén atoparedes o math de 'All in due time', o pop synth de 'Good Lie', e pezas máis habituais coma o kraut rítmico de 'Reputation', o punk de 'Cockfight', e para rematar os 18 minutos de 'Shepherd's Axe'. 
Non é para iniciados, nen tampouco o seu mellor traballo, pero levamos un par de semanas sen sacalo da cabeza.
O álbum completo no seu bandcamp.

ONEIDA "Romance"
(Joyful Noise Recordings, 2018)



No hay comentarios: