martes, 11 de octubre de 2016

Club des Belugas "Nine"

E outro máis para hoxe:
Club des Belugas é o principal proxecto do alemán Maxim Illion, músico polivalente onde os haxa. Os seus rexistros abarcan o lounge, nujazz, acidjazz, soul, electrónica e moito downtempo cinematográfico, con influencias do swing, da chançon e unha enorme variedade de influencias latinas. Con estes parámetros resulta evidente a aparición dos seus temas en cine e series de TV, polo que seguro que o escoitáchedes máis dunha vez sen sabelo. En directo, o proxecto multiplícase con diversos formatos, en cuarteto, sexteto e orquesta ao completo.
Illion formou Club des Belugas no 2002, e dende entón manteñen un ritmo de publicacións envexable, aínda que teño que recoñecer que eu non me fixen con ningún dos seus traballos ata o 2010, cando me recomendaron o dobre directo, titulado sinxelmaente "Live" que recolle concertos en alemania xunto coas vocalistas Anna Luca e a espectacular Brenda Boykin (todo un descubrimento!).
Dende entón seguinlle a pista, aínda que non é fácil.
O seu novo traballo é "Nine", noveno álbum de estudio, e sen dúbida o seu disco máis ambicioso. Son 30 temas, 13 novos nos que interveñen de novo Anna Luca, Dean Bowman e Brenda Boykin como principais vocalistas, remixes e versións doutros artistas (como Antoine Villoutreix, Bahama Soul Club, Jojo Effect, e sobre todo a tremenda versión do 'I Just Want to Make Love to You' de Etta James coa voz de Boykin), e para pechar o círculo, remixes de varios artistas anteriores sobre pezas de Club des Belugas. 
As partes electrónicas son as que menos me interesan, pero a veriedade do resto do material é unha auténtica marabilla, unha enciclopedia de sonidos arredor do mundo. Unha colección irresistible!!. Recomendado!!.

CLUB DES BELUGAS "Nine"
(Glamjazz Records, 2016)




No hay comentarios: