Martha High é outro deses exemplos de voces enormes da música negra que se mantiveron sempre nun segundo plano, ou con carreiras inconsistentes. A comezos dos 60s debutou con The Jewells (ou The Four Jewells segundo o momento), e pronto se converteron en vocalistas de acompañamento nas xiras de James Brown. The Jewells disolvéronse pouco tempo despois, pero Martha High permaceu na banda de James Brown durante tres décadas máis. Polo medio comezou unha tímida carreira como solista, con singles dispersos nos anos 1972 e 1978, e o seu álbum de debut chegou no 1979, un traballo de música disco titulado sinxelamente co seu nome. Dende entón nada máis ata este século.
En 2003 lanzou en Francia o directo "Live At Quai Du Blues" con pouca repercusión, pero no 2008 os funkys franceses The Shaolin Temple Defenders a recuperan como vocalista principal para o seu álbum "W.O.M.A.N.", un exitazo de crítica e público, sobre todo en directo. Dende entón despegou merecidamente a súa carreira con dous álbumes maís no 2009 e 2012.
En abril deste ano volveu con este "Singing for the Good Times" da man do selo italiano Blind Faith Records, e aínda que o título remita a nostalxia, é un discazo de soul e funk pensado para estes tempos, cunha factura impecable, e cun equilibrio perfecto entre o soul máis sentido de 'I Am a Woman', 'Learn on Me' ou 'Singing this Song', ou o máis luminoso de 'Always worth the pain' e 'I can't hold on', o r'n'b e funk de 'Lovelight' e 'The Hardest working woman', ou a enorme peza case blaxploitation 'Fire shut in my bones' que nos remite ao Curtis Mayfield máis inspirado. E de despedida 'For the Good Times' para rematar ben arriba.
Un dos mellores discos do ano!!
E a próxima semana, en directo no Outono Festival...
MARTHA HIGH "Singing for the Good Times"
(Blind Faith Records Records, 2016)
No hay comentarios:
Publicar un comentario