sábado, 15 de octubre de 2016

Minutemen "Project: Mersh EP"

Esta semana por fin me fixen cun deses vinilos que levaba anos pendente.
O EP "Project: Mersh" dos Minutemen, un dos últimos traballos de Mike Watt, D Boon e George Hurley xuntos. Despois xa só publicarian o "3 Ways Tie (for Last)" como premonitoria despedida en decembro de 1985, uns días antes da morte de D. Boon nun accidente de tráfico, e meses despois lanzaron unha pequena jam instrumental xunto cos membros de Black Flag ("Minuteflag" lanzado a comezos do 86), que precisamente fora gravada ao mesmo tempo que este EP.
"Project: Mersh" foi un dos seus mellores experiementos, pero non foi ben comprendido no seu momento. Minutemen era un dos bastións da música independente e do underground californiano, e este EP soaba demasiado comercial. 'The Cheerleaders' era demasiado funk, 'King of the Hill' demasiado rítmica e con xogos de voces, e 'Take our Test' e 'Tour-Spiel' eran demasiado pop, por contra 'More-spiel' era xa demasiado experimental e empregaba sintetizadores, e a versión que incluían do 'Hey Lawdy Mama' dos Steppenwolf era dunha banda non demasiado underground para os Minutemen. Todo era demasiado, ou demasiado pouco...
O certo é que foi o mellor experimento práctico da súa filosofía 'jamming econo'. Segundo a súa propia proposta, era innecesario converterse en estrelas do rock, bastáballes con gañar suficientes cartos para continuar tocando, gravando e xirando, namentres seguían vivindo coma sempre. O experimento foi, precisamente, lanzar un álbum máis comercial (mersh) mentres continuaban abaratando costes de produción, e así amosar que os beneficios non serían maiores. E efectivamente, este foi o seu traballo cun son máis comercial e máis accesible ao gran público, e sen embargo foi moi mal recibido polos seus incondicionais, polo que se confirmaban as premisas do econo.
Na portada, un debuxo do propio D.Boon con tres executivos dunha compañía discográfica buscando aumentar beneficios coa cita ao pé "I got it! We'll have them write hit songs!". Un miniálbum para a historia.

MINUTEMEN "Project: Mersh EP"
(SST Records, 1985)



No hay comentarios: