Imos con outra banda de entre as nosas principais referencias.
Recentemente nos fixemos co último volume publicado das "Marc Riley Sessions" protagonizado por The Wedding Present.
Marc Riley é un dos críticos e locutores musicais máis recoñecidos da BBC dos últimos anos. Músico dende moi novo, pertenceu a unha das primeiras formacións de The Fall, e foi músico de estudio para bandas como Massive Attack, Pixies ou Happy Mondays, pero tamén foi frontman das súas propias bandas a comezos dos 80s. Dende 1990 traballa en diferentes programas musicais da BBC, e tra-lo pasamento do mítico John Peel, é un dos encargados de continuar co legado da gravación de sesións en directo.
Unha das súas bandas favoritas é The Wedding Present, como tamén o foran para John Peel. Son habituais das súas sesións na BBC6, e nos últimos anos estanse a publicar coa licencia da BBC e baixo o selo Hatch Records.
O "Volumen 1" publicouse en decembro do 2016, e recollía 11 temas gravados en sesións do 2007, 2008 e 2010. O segundo volume saíu a finais do 2017, con tres sesións entre os anos 2012 e 14.
A semana pasada lanzouse este "Marc Riley Sessions Volume 3", que recolle dúas sesións, na cara A unha do 4 de novembro do 2015, na que interpretan dous temas do seu último álbum de estudio "Going, Going..." do 2016, que no momento da gravación eran aínda inéditos. Ademáis, inclúen o tema '1000 Fahrenheit' do álbum "Valentina" do 2012, e a versión do tema de John Barry para a franquicia de James Bond 'You only live twice' que interpretou Nancy Sinatra para o filme de 1967.
Os temas da cara b foron gravados o 8 de setembro do 2016. De novo con pezas do "Going, Going...", como 'Rachel', 'Bear', 'Kill Devil Hills' e 'Santa Monica', e ademáis o tema 'Jumper Clown' de homenaxe ao propio locutor Marc Riley, que publicara como single en 1983 xunto cos Creepers.
Nada novo, pero son unha das nosas debilidades.
THE WEDDING PRESENT "Marc Riley Sessions Vol.3"
(BBC / Hatch Records, 2019)
No hay comentarios:
Publicar un comentario