jueves, 7 de febrero de 2019

Yo La Tengo "Electr-O-Pura"

Esta semana os Yo La Tengo están de volta en Galicia -non apuredes, que xa non quedan entradas-, e como levamos varias semanas escoitando moitos dos seus clásicos, imos a recomendarvos un dos álbumes imprescindibles da súa discografía que aínda faltaba neste blog.
YLT publicaron "Electr-O-Pura" en 1995, e foi o elemento intermedio nesa especie de triloxía espectacular iniciada co "Painful" en 1993, ata o "I Can Hear the Heart Beating As One" de 1997. No primeiro mesturaron o shoegaze co dream pop, alonxándose do noise dos inicios, e no enorme Beating As One ampliaron os rexitros ata onde ninguén o fixera naquela década.
En medio "lectr-O-Pura", era o seu sétimo álbum, e foi o máis accesible da súa carreira ata aquel momento. Mantiñan as bases de guitarras velvetianas do anterior, e engadiron diferentes doses de pop.
Comeza cos zumbidos de 'Decora' un dos mellores temas de intro do xénero, o pop retro de 'Tom Courtenay' que ademáis foi o single de lanzamento escollido, con pouco éxito por certo, o escuro 'Paul is Dead', a fantástica 'False Alarm', o power pop lo-fi de 'Bitter End', e para rematar os nove minutos de kraut pop ruidista de 'Blue Line Swinger'. En medio de todo isto pausas e aceleróns, atmósferas e guitarras, pero sobre todo melodías, das que xa nunca se desprenderían. 
Como curiosidade, na contraportada da edición en cd -a que todos tiñamos naquela época, pero non así na edición en vinilo nin nas reedicións- a duración dos temas aparece cambiada, todos en torno aos 3 minutos, coma un elemento decorativo máis: "porque as cancións pop deberían durar tres minutos" comentou unha vez Kaplan, preguntado sobre isto, "a xente non o escoitaría se de entrada ve que hai temas de 6 ou 9 minutos".
Un imprescindible en calquera colección.

YO LA TENGO "Electr-O-Pura"
(Matador / City Slang, 1995)



No hay comentarios: