miércoles, 28 de octubre de 2015

documental "The Invaders"


Xa que vos recomendamos o adianto da banda sonora do documental The Invaders, o lóxico é que o presentemos un pouco máis.
The Invaders foi un grupo de Memphis que loitaba polos dereitos civís dos negros e combatía activamente contra a supremacía branca.

Dende mediados dos 60s, en moitas cidades dos USA xurden grupos a imitación do Black Panther Party, que se vai consolidando por todo o país, pero outros grupos de menor entidade se organizan nas súas localidades por importantes diferencias ideolóxicas, coma os Vice Lords e os Blackstone Rangers en Chicago, ou os 1,000 Member Slauson Gang en Los Angeles, e a modo da nación do Black Power do BPP, organizaban unha rede asistencial para a súa comunidade, con garderías e comedores para os máis desfavorecidos.

En Memphis foron The Invaders, Os invasores, organizados realmente coma unha guerrilla urbana, un escuadrón preparado para defenderse, ou para atacar. No seu contexto nunha capital do sur con máis incidentes raciais que noutros puntos do país, a non-violencia non tiña ningún resultado, e iniciaron todo tipo de disturbios para impoñer a súa propia xustiza e a loita contra a supremacía branca.


En abril de 1968 Luther King visita Memphis para apoiar unha folga de basureiros negros, e durante a súa estancia se entrevista con numerosos grupos, líderes e asociacións locais. Os Invasores foron posiblemente dos últimos en velo con vida no seu hotel antes do seu asasinato. Os disturbios por todo o país non se fixeron esperar, centos de motíns raciais contra as autoridades, e por suposto Memphis foi un dos epicentros da protesta. Os Invasores encabezaron a revelión na cidade co resultado de varios mortos, e varios dos seus membros foron acusados polo asasinato de un policia.

Dende este punto de partida, o realizador Prichard Thomas Smith monta este documental, coa colaboración de JB Horrell, da Universidade de Memphis, a través do material audiovisual dos fondos da universidade e televisións (moito del inédito), e por suposto coas intervencións dos propios protagonistas (sobre todo é capital a aparición dun dos seus fundadores J.B. Smith) para ofrece-la súa versión dos feitos case que 50 anos despois.
Un documental financiado totalmente mediante crowfunding. A súa estrea será o próximo mes, e a súa comercialización está prevista para comezos do próximo ano.
Aquí tedes o trailer (ver na web de Prichard Thomas Smith).

The Invaders.
dir: Prichard Thomas Smith
USA. 2015 Pipeline Entertainment.

No hay comentarios: