James Moore 'Slim Harpo' naceu en 1924 en Louisiana, no West Baton Rouge, e morreu a comezos de 1970. Na súa breve e irregular carreira deixou un puñado de temas inesquecibles que o fixeron eterno, ademáis das súas letras tamén por asentar definitivamente os cánones do swamp blues
Orfo dende moi neno, comezou a tocar a guitarra e a harmónica dende mozo, pola rúa e varios locais obreiros, ata que chamou a atención de Lightnin' Slim que o contrataba habitualmente como músico de acompañamento. De este xeito comezou a facerse popular co nome de Harmonica Slim, nome co que aparece nas primeiras gravacións discográficas de Lightnin' Slim para Excello Records. Pero nese momento o productor JD Miller recibe reclamacións de outro harmonicista que publicaba como Harmonica Slim, de xeito que toma o modo coloquial do instrumento (harp) e muda o seu nome polo definitivo Slim Harpo.
A mediados da década dos 50s comeza a súa carreira en solitario, e comeza a gravar os seus primeiros singles tamén coa producción de JD Miller para Excello Records. Nacía unha das maiores lendas do pantano.
En 1957 publica o seu primeiro single, con 'I'm a King Bee' na cara A, e 'I Got Love If You Want It' na B, cun éxito razonable en Louisiana para a época coa súa rítmica peculiar.
O seu seguinte éxito chegou en 1961 co single 'Rainin' In My Heart' un tema moito máis doce que os seus traballos anteriores, que pouco tiña que ver co blues do pantano anterior, pero desta vez logrou trascender en ventas o ámbito rexional e colocou o seu tema nas listas estadounidendses de r'n'b.
A medida que os seus temas se facían máis populares, o seu éxito foise ampliando. Coa explosión das bandas británicas, dende 1964 comezaron a poñer a vista nos clásicos do r'n'b norteamericano, e tódo-los grandes comezaron a publicar versións do Slim Harpo: os Rolling Stones, The Pretty Things, The Kinks, The Yardbirds ou Pink Floyd. Comezaron a chegar os royalties ó bolsillo de Slim Harpo, e por fin puido adicarse á música a tempo completo, ata entón nunca deixara de compaxina-la música con outros traballos.
Pero o seu maior éxito aínda estaría por chegar. Foi no 1966, cando publicou o single 'Baby, Scratch my Back', que levaba 'I'm Gonna Miss You (Like The Devil)' na cara b. Desta vez colocouse directamente no número 1 das listas de r'n'b e blues, e no top 40 das listas de ventas.
Despois do enorme éxito de 'Scratch my Back', rompeu a súa relación co productor JD Miller, aínda que continuou publicando con Excello Records.
Nas súas últimas xiras contratou ó seu vello amigo Lightnin' Slim como guitarrista, e outra das anécdotas habituais que se contan da súa obra é que a súa muller Lovelle Moore é a coautora de moitos dos seus temas pero nunca foi recoñecida nos créditos. A comezos de 1970 morreu dun ataque cardíaco semanas antes de comezar a súa primeira xira europea, tiña só 46 anos, e a súa lenda non fixo máis que crecer. Polo camiño moitos temas que coñeceredes seguramente a través das versións de outros, que podedes atopar por centos como 'Mohair Sam' ou sobre todo a mitica 'Shake your Hips', pero por suposto mellor que vos fagades con algunha das compilacións que recollen case todo a súa obra.
Slim Harpo, unha das maiores figuras do swamp blues.
No hay comentarios:
Publicar un comentario