O venres pasado saíu un dos grandes lanzamentos deste comezo de ano.
O "Freedom's Goblin" de Ty Segall, a nova entrega do californiano da que xa foi adiantando temas nos últimos meses a través do seu bandcamp, pero non contabamos que fora un álbum desta magnitude. Un álbum dobre, con 19 temas, tan ambicioso coma o 'Manipulator', ou aínda máis, porque neses cortes cabe de todo. Como indican na promo, tentaba deixar saír a liberdade estética e emocional, e o resultado é o máis variado de toda a súa discografía. Para conseguilo foi gravando con cinco formacións distintas en diferentes cidades, con diferente producción, e todo coa supervisión de Steve Albini.
TY SEGALL "Freedom’s Goblin"
(Drag City, 2018)
A primeira escoita costou, semella un álbum deslabazado, sen orde nin sentido, pero con un par de voltas máis, a cousa empeza a cambiar. E moito.
Hai pezas que seguen a súa fórmula habitual: 'Fanny Dog', un tema sobre a súa cadela co que abre o álbum, 'Shoot You Up', ou 'Every 1's a Winner' e 'Alta' que son dous auténticos pelotazos marca da casa. Temas coma 'Rain', a máis psychodélica de inspiración sixtie, ou o hard rock de 'She', poden ser máis habituais no seu repertorio, pero dende aquí amplía as súas posibilidades ata onde nunca o fixera antes. Aparece todo salpicado de pezas de experimentación, o ruidismo de 'Meaning', na que participa a súa esposa Denée a berro limpio, o post-punk-free-jazz de 'Talkin 3' inspirado por James Chance, ou os xogos coas caixas de ritmo en 'Despoiler of Cadaver'. E por se vos parecía pouco, tamén pezas de pop artesano e acústico, nas que a perfección das melodías levan todo o peso do tema, coma en 'My Lady's On Fire', as beatlelianas 'Rain' e 'Cry, Cry, Cry', 'You say all the nice things', 'I´m Free' ou 'The Last Waltz'. Para rematar unha especie de jam de blues alucinado 'And, Goodnight' que é una versión do 'Sleep' alongada ata os 12 minutos, e aínda me deixo varias para que vos soprendades un pouco máis.
Coustoume varias escoitas, pero unha tras doutra non fixeron máis que engancharme a este álbum tremendo. Ty Segall non podía fallar.
Recomendadísimo, coma sempre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario