Imos con un clasicazo do noso repertorio bastante descoñecido.
Charles Mad Dog Sheffield, foi un cantante de rhythm'n'blues, que deixou un par de auténticos pelotazos, pero que inexplicablemente non triunfou e abandonou a súa carreira demasiado rápido.
Era orixinario de Beaumont, Texas, da zona do Golfo, e as súas primeiras gravacións se lanzaron no selo local Goldband. O seu primeiro tema foi precisamente o tema "Mad Dog", publicado como Mad Dog with The Bon Ton Garlow Orchestra, un standard de blues lanzado en 1957.
En 1959 comezou a traballar con J.D.Miller, aínda que descoñecemos lanzamentos deses anos, ou como repartían os seus roles. Desa época data a gravación do single 'I Got Fever b/w Isabella", asinado como Charles 'Maddog' Sheffield with Clarence Garlow's Band, cun claro xiro cara o rhythm'n'blues, pero que non chegou ata nós ata a reedición do mesmo 7'' do ano 2012.
Non hai máis noticias ata 1961, cando firma co selo Excello, de Nashville. Ahí gravou uns cantos singles: en 1961 lanzaba o fantástico "it's your Vooddo Working b/w Rock 'N Roll Train", ao que seguiu case de inmediato "I would be a Sinner b/w Kangaroo", aínda que a data deste lanzamento non está rexistrado con claridade. 'It's your Voodoo Working' é un auténtico pelotazo, r'n'b moi elaborado, cunha rítmica funk e percusión criolla, e moitos elementos propios dos inicios do mesmísimo Screaming Jay Hawkins.
Dende ahí pérdese a súa pista. As súas gravacións eran dignas de éxito, pero nunca tiveron repercusión máis aló do circuito local. Afortunadamente, o recoñecemento do tema 'It's your Voodoo Working' chegou anos despois, con varias reedicións en 7'', en splits compartidos con temas de outros artistas esquecidos, ou con diferentes caras b do seu propio material que recuperan o contados temas que deixou gravados na súa efímera carreira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario