viernes, 3 de abril de 2020

Moura "Moura"

Imos con algo do país, que vai tocando.
Un dos álbumes que máis levábamos agardando é o debut de Moura, quinteto psicodélico da Coruña, que acaban de lanzar co selo gaditano Spinda Records.

Neste debut presentannos catro temas, nos que combinan á perfección o rock psicodélico e progresivo con altas doses de folk, con coros e instrumentos tradicionais, que o converten nun fantástico aquelarre do país para estes tempos. Para esa parte tradicinal contaron coa Irmandade Ártabra, entre os que están Belém Tajes nas voces ou Pablo Reboiras á zanfona.
"Moura" son catro pezas que vos hipnotizarán coma poucos, con capas e capas de sons complexos e composicións máis que sorprendentes. Tres delas son propias: 'Eira', 'Da Interzona A Annexia' e 'O Curioso Caso De Mademoiselle X', mentres que en 'Ronda das Mafarricas' arranxan música de Zeca Afonso con letras de Antonio Quadros. 

Nesta situación de confinamento xa nos perdimos a estrea da súa xira no Esmorga Fest de Sarria, e tamén nos quedamos sen o show que ían a ofrecernos na Krazzy Kray de Cambados, así que só nos queda agardar a que cheguen a casa os lps, e un pouco máis para poder desfrutalos en directo.
Recomendadísimos!!

>>> Xa podedes facervos coas diferentes edicións dispoñibles de "Moura" no bandcamp de Spinda Records.

MOURA "Moura"
(Spinda Records, 2020)



No hay comentarios: